sábado, 7 de febrero de 2009

O MUSEO DE PONTEVEDRA, UN LUXO PARA TODA A PROVINCIA






(Un meu debuxo con lapis de cores dos edificios máis antigos do complexo museístico pontevedrés)

Como outras institucións pontevedresas de importancia (Caixa de Aforros, Misión Biolóxica, Coral Polifónica,…), o Museo de Pontevedra foi xestado por homes moi significativos da nosa cultura; por exemplo, foi obxecto de conversas e proxectos na animada tertulia da casa de Losada Diéguez, á que asistía Filgueira dende os trece anos. Castelao e Sánchez Cantón deseñárono ata os seus máis mínimos detalles, consérvase relación epistolar entre ámbolos dous sobre o tema.
Aproveitaron a experiencia e o precedente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, poñendo á fronte de todo ao sabio redondelán afincado en Pontevedra, D. Casto Sampedro e Folgar. E así, en 1927, redáctase a acta fundacional e configúrase o padroado, todo co auspicio e respaldo do boísimo D. Daniel de la Sota, presidente daquela da Deputación Provincial de Pontevedra.
Na véspera das festas da Peregrina de 1929 o Museo abre por primeira vez as súas portas para o goce de toda a poboación. Foi o seu primeiro director D. Casto e o primeiro secretario técnico, un mozo Filgueira adornado xa dun grande prestixio e que dedicou a maior parte da súa vida e dos seus esforzos por ir construíndo un dos mellores e máis galardoados museos provinciais de España.
O Museo é hoxe unha institución de grande proxección nacional e mesmo internacional, fogar que acubilla a tantos investigadores, que teñen a súa disposición nas instalacións do mesmo un magnífico fondo documental e bibliográfico, destacar a importancia do arquivo gráfico, as extraordinarias salas expositivas, a organización de variadas e importantes actividades culturais ao longo de todo o ano, as exposicións monográficas de grandes artistas, os memoriais de Filgueira Valverde, as actividades musicais, os concursos escolares, a organización de visitas para todos os niveis educativos “Coñece o Museo”… O Museo de Pontevedra é un verdadeiro faro de cultura, unha institución necesaria e imprescindible para a nosa Galicia.
Toda persoa que queira coñecer a cultura da Nosa Terra ten necesariamente que frecuentar o Museo de Pontevedra, hoxe dirixido por dous discípulos do profesor Filgueira Valverde, Xosé Carlos Valle Pérez, como director, Xosé Fuentes Alende, como secretario técnico e destacar o labor de Mª Xesús Fortes Alén como experta documentalista. Non o dubiden e gocen coas visitas e consultas neste atractivo Museo.


WEB RECOMENDADA:

http://www.museo.depo.es/

No hay comentarios: