miércoles, 11 de marzo de 2009

COLÓN GALEGO









(Nas imaxes, Colón, recibido polos Reis Católicos en Barcelona, despois da súa primeira viaxe. Fragmento da transcrición da carta en que Colón da noticia da súa fazaña. Reproducción da copia orixinal das Capitulacións de Santa Fe. As dúas últimas son recollidas nos traballos que se citan de Filgueira Valverde)

Sobre o personaxe, Cristovo Colón, hai todo un halo de misterio e de controversias, algunhas verdadeiras elucubracións que se achegan ao esotérico e ao tenebroso. Segue sen haber confirmación fidedigna do lugar do seu nacemento, son bastantes as cidades que se disputan a orixe do Almirante, algúns manteñen que era veciño de Poio, esto desexarían que se confirmara, sen dúbida, o noso benquerido e lembrado D. Xosé e o noso bo amigo, o historiador autodidacta e popular, Xosé Lois Vila Fariña, quen lle adicou unha peza teatral ao tema, titulada O TOLO DE PORTOSANTO, coa que tenta reivindicar a nacionalidade española do ilustre mariño e confirmar as teses de don Celso García de la Riega, quen foi tan mal tratado no seu momento e de xeito equivocado polo mundo académico.
Tense escoitado nun famoso programa de radio dedicado ao lado máis escuro e estraño das cousas, que Colón cando emprende a aventura da Descuberta xa sabía da existencia de terras e persoas á outra beira do Atlántico. Noticia que lle fora dada por curiosos náufragos amerindios, que foran recollidos en Portugal cando el estaba por aquela fraterna terra.
Pero, aínda teño lido, que mesmo en vez de ser un home, Colón ben poidera ser unha muller! Cousas veredes! A identidade de Colón está ben enmarañada. Existen tamén versións de se quizais fora o nobre galego Pedro Madruga. Os cataláns anda coas probas do ADN, como podemos comprobar o tema da para moito.
Era e é un tema grato para os dous amigos que teño citado, tanto é así que a primeira entrega da serie PONTEVEDRESES UNIVERSALES, correspondente ao ano 1956, Filgueira titulouna: CARTA DE CRISTOBAL COLÓN ANUNCIANDO EL DESCUBRIMIENTO. Resulta ademais moi significativo que cada entrega desta importante serie histórica aparecía en conmemoración da Descuberta de América, puntualmente, cada 12 de outubro, no que se denominaba Día da Hispanidade.
A segunda entrega da serie titulábase: CAPITULACIONES DE SANTA FE, a importancia de Colón e a súa xesta para D. Xosé queda ben demostrada.
Filgueira mantén a tese de que a nao capitana, chamada primeiramente LA GALLEGA e que despois pasará a denominarse SANTA MARÍA, fora construída no arrabalde mariñeiro pontevedrés da Moureira, feudo do famoso e influínte gremio dos Mareantes de Pontevedra. Pero a vinculación de Galicia e de Pontevedra coa Descuberta vai máis alá, ao ser Baiona a Real o primeiro lugar que tivo noticias de tan transcedental acontecemento histórico universal, xa que alí arribou para ser reparada a carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón o 1º de marzo de 1493. E xa temos falado nunha entrada anterior do baldaquino de finais do XV ou principios do XVI, conservado na igrexa románica de Santa María de Caldas de Reis, do que D. Xosé mantiña a tese de que poidera ser a primeira representación en granito da Descuberta.
D. Xosé coa súa mentalidade científica e humanista inclinada a formular novas e fundamentadas teses sobre temas vellos e a descubrir camiños novos para as pescudas históricas, gozaba coa presencia de persoas inquedas, activas, ilusionadas, que desexaban estimular a súa curiosidade investigando, abrindo novos vieiros; aínda que fosen persoas humildes, dende o punto de vista académico, pero que lle botaban paixón e rigor ao que facían. Esas persoas sempre eran ben acollidas por el no seu despacho do Museo, tal como lle aconteceu, entre outros moitos, a meu amigo Xosé Lois Vila Fariña, que espero me perdoe esta miña intromisión nun tema por el moi querido e traballado. Esto tan só ten un valor divulgativo e de homenaxe a Filgueira e a Vila Fariña, Cronista Oficial de Vilanova de Arousa.
E recollendo a sabedoría popular, o misterio que arrodea a un personaxe histórico tan importante, lévanos a comentar, non sen certa ironía: “Que foi primeiro, o ovo ou Colón?”.

PARA SABER MÁIS:

RODRÍGUEZ-SOLANO PASTRANA, Emilia: “CRISTÓBAL COLÓN” en Gran Enciclopedia Gallega, tomo 8. Vitoria, Silverio Cañada, 1974, pp. 33-36.

XFV: CARTA DE CRISTÓBAL COLÓN ANUNCIANDO EL DESCUBRIMIENTO. Pontevedreses Universales I, Pontevedra, 1956.

____: CAPITULACIONES DE SANTA FE. Pontevedreses Universales II, Pontevedra, 1957.

VILA FARIÑA, Xosé Lois: “O TOLO DE PORTOSANTO” en THEATRALIA. Vigo, Cardeñoso, 2008, pp.8-43.


BLOG RECOMENDADO:

http://www.ascronicasdeulisis.blogspot.com/

2 comentarios:

Manoel Xosé dijo...

Benquerido amigo Xermán, o tema paréceme moi axeitado nestas datas. Fai pouco conmemorouse en Baiona a celebración da arribada dunha das carabelas de Colón a Galicia. A orixe do insigne navegante moi debatida e incerta, toma un interese especial en os nosos historiadores, homes como de la Riega, o mesmo Filgueira como ti reseñas, e Xosé Lois Vila, cronista oficial de Vilanova que ten feitos uns interesantes traballos encol do tema e con algunha discrepancia con un tal Philipot, personaxe pintoresco co que Vila mantivo unhas discrepancias na atribución de algúns traballos seus.
Agradecerche asemesmo, as túas verbas no noso blog. Unha aperta.

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Manoel Xosé, agradezo a túa opinión e xa sabes que Filgueira era un amante da Historia, foi académico de número da Real Academia de la Historia dende 1981, correspodente moito antes. E o noso común amigo, Xosé Lois Vila, sen ter vinculacións académicas, é un animal histórico, sempre pescudando e gozando con datos, arquivos, documentos e non entremos a falar de Colón, entón pasariamos ledas e animadas horas de charla. Ai! o tempo e as distancias!