sábado, 19 de diciembre de 2009

AS PEDRAS FALAN





Ás veces, pásannos desapercibidas tantas cousas; porque non sabemos observar ou por ignorancia. Nun paseo con algúns alumnos por Vilagarcía de Arousa, e aínda que eran moi novos, decatámonos da riqueza heráldica que existe e que podemos observar nun pequeno radio de acción que abrangue dende a igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga ao complexo monumental de Vista Alegre, do que xa temos falado nunha entrada anterior. Motivamos ao alumnado para que se fixara en que as pedras tamén nos falan. Os escudos ofrécennos rica información.
Aos nenos ensinámoslles a distinguir un escudo eclesiástico dun escudo civil e entusiasmáronse co asunto. Tamén lles informamos que os escudos que estaban a contemplar tiñan moito que ver coa liñaxe do marquesado de Vilagarcía e co arcebispo don Fernando de Andrade y Sotomayor, protector e impulsor da súa cidade natal, Vilagarcía de Arousa.
Comprobamos que a heráldica é unha ciencia auxiliar da historia moi interesante e engaiolante, poidémolo contrastar co interese que amosaron os pequenos polos escudos da súa cidade. No Concello, o xefe de protocolo, D. Ramón Reiriz Pérez, explicounos maxistralmente o significado dos distintos cuarteis que conforman o escudo do Concello de Vilagarcía de Arousa e os seus elementos, así como as cores amarela e vermella da bandeira cuadrilonga da cidade. A visita, ou pequeno paseo, pola cidade, fixémola o día 10/12/2009, festividade de Santa Baia de Mérida, patrona da parroquia de Santa Baia de Arealonga. Dímonos conta de que a historia narrada con experiencias vividas e contextualizada no terreo de verdade interesa ás raparigas e raparigos, por moi novos que sexan. Sobre esta metodoloxía activa e motivadora teñen moito dito o Seminario de Estudos Galegos e a Institución Libre de Ensinanza, dúas institucións senlleiras do noso país.

3 comentarios:

Manoel Xosé dijo...

Cantas veces, polo miudo, falaron pra min esas pedras!
Lembranzas de neno, de soños, de anhelos... xogando a ser homes nun tempo de nenos. Falan as pedras Xermán e con elas o tempo. Igrexa de Santa Eulalia, Convento de Vista Alegre... pedras e pedras que falan, que soan, que son coma verbas que estoupan, prendidas dun ceo de estrelas que se funde nunha Ría tan fermosa e agarimosa.

Pra tí meu mar de Arousa, pra tí o meu canto:

"Ondas do mar de Arousa,
ondas que veñen e van,
decideme o voso segredo...
onde van os que se van"
Unha apreta meu amigo. Manoel Xosé

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Dende Arousa, as pedras teñen morriña dun poeta como ti, arousán de toda a vida. Agora tocas a túa lira na cidade olívica.
Saúdos nostálxicos de tempos arousáns que compartimos xuntos. Unha apreta moi agarimosa para unha persoa tan humana e exquisita como ti,
Xermán

Brétema dijo...

Desde Brétema para ti y los tuyos, un sueño, una ilusión y una esperanza: Vivir y ser feliz.
Que esta noche sea mágica, especial e inolvidable. Felices Fiestas y un Próspero año nuevo 2010.
Grupo Brétema.