domingo, 31 de enero de 2010

ELIGIO VILA, COMPOSITOR GALEGO












Eligio Vila naceu en Lantaño (Portas) o 1 de xaneiro de 1943, non obstante, leva moitos anos afincado en Vilagarcía de Arousa, onde exerceu a doncencia durante moito tempo e ata a súa xubilación. Aínda que el debera de terse dedicado por enteiro á composición musical, a súa verdadeira paixón, sen outras actividades distractoras da súa xenuína vocación. Por fin, agora si pode ocuparse, como actividade central, á Música, que é a súa vida. Como xa dispón de máis tempo, agardamos froitos granados desa cuasi exclusiva dedicación á creación artística. Obras súas téñense estreado ademais de en Galicia, en Venezuela e Portugal.

Como arousán de adopción, ten composto unha RAPSODIA AROUSÁ, xa estreada e interpretada na capital da comarca de Arousa e que moi pronto vai ser interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia, dependente do Concello da Coruña. Asimesmo o día 6 de febreiro, ás 20:00 h., vai ser interpretada, por un grupo de prestixiosos músicos de cámara, a nana, PUER NATUS EST, por el composta e especialmente dedicada ao seu primeiro neto, será no Auditorio do Conservatorio Profesional de Música “Manuel Quiroga” de Pontevedra.

Hai uns días (en concreto, o pasado 15 de xaneiro) fíxose a estrea absoluta da súa Sonata para Clarinete e Piano, 2009 (da que xa nos fixemos eco nunha anterior entrada), cun enorme éxito de público e crítica. Precisamente, as imaxes que ilustran este artigo correspóndense con instantáneas tomadas ese día. Eligio aparece xunto aos intérpretes, Asterio Leiva, clarinetista e Alejo Amoedo, pianista; ámbolos dous, profesores do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Aparece tamén na compaña do mestre e compositor decano de Galicia, Rogelio Groba.
Desexámoslle moitos éxitos máis ao noso amigo, Eligio Vila.
(Engadimos dúas imaxes, despois da interpretación de PUER NATUS EST polo Grupo Instrumental Século XX, dirixido por Florián Vlashi).

No hay comentarios: