viernes, 9 de abril de 2010

INFANCIA VIVIDA (homenaxe a Caldas de Reis)











Aqueles anos 60! Vividos na querida e sempre lembrada vila termal, a vila de dona Urraca, a do emperador Afonso VII; Caldas de Reis, na morriña dos felices tempos de infancia, seres queridos, amigos; xogos, trasnadas… Sempre o río Umia, verdadeiro dono da vila, as súas augas que corren e levan recordos cara o mar de Arousa. Quedan as sombras, os rescoldos daquela lareira, rúa Fornos nº 4, soan as badaladas das campás da igrexa parroquial de Santo Tomás,… Manoliño o de Inés, Marisé e o seu irmán Clementito, a familia Calviño, os Roquiño, Linterneiros, Cestilleiros, Serafín… Aquela rúa que ulía e sabía a pan, o Hotel Balneario Dávila, onde coñecín a Cunqueiro, o entrañable e simpático Suso, o canaval, as burgas, as mantidas, as festas de agosto, a Banda de Música de Lantaño, que nunca faltaba, os xigantes (o Papamoscas) e cabezudos,… Aquel 68, a rodaxe de “Más allá del Río Miño”, Paco Barros, don Clemente… O entroido, aquel popular entroido caldense! Onde o señor Ventura, o do Cabaret, enchíao todo de ledicia en tempos mouros e míseros. Aos nenos escapábansenos as angurias e loitas dos maiores, feliz inconsciencia, bendita inocencia; tempo de bolboretas no ar, de biscornias revoando na rúa, de morcégos atrapados con panos brancos atados nun pau de salgueiro no serán, de andoriñas que aniñaban na rúa Real, moitas andoriñas. Eran tempos de cando nas festas lle tiñamos medo aos cabezudos de pequeniños e nos causaban chiste de máis rillotes.

O colexio, o colexio San Fermín dos Pais Somascos, máis de cincuenta anos na vila, padre Lorenzo, padre José, padre Jorge, padre Federico… Aquelas festas de fin de curso: condecoracións, diplomas para premiar a conducta e o aproveitamento, na entrega o alcalde don Paco, pai do compañeiro Paquito, o gobernador Encinas Diéguez, o cardeal Quiroga Palacios, despregando a súa grande humanidade. A Asociación caldense de Bos Aires co seu inesquecible benfeitor, fillo ilustre da vila, o lembrado Mario Ferro (“Bienvenido Mario Ferro aquí”, dicía un verso dunha canción entoada polo coro do colexio), aquel recordado coro infantil e xuvenil (nel cantaramos en “play-back” por medo a nos equivocar Francisco Calviño máis eu), as míticas obras de teatro, case sempre dirixidas polo padre José, fondo con cortinóns, o omnipresente retrato de Franco. Os rosarios (os nenos prolongabamos o bis do “ora pro nobis” o que desataba a furia dos padres e foi obxecto de máis dun castigo), a misa diaria, os paseos pola campiña co padre José, quen sabía facer pases de maxia, entre outras moitas cousas, tamén sabía dar sonoras labazadas aos máis trastes. Condiscípulo inseparable e querido, José Antonio Búa Barreira, tantos xogos compartidos, visitas á biblioteca pública, el sempre con libros de electrónica; eu Tintín, Os sete secretos, As aventuras de Guillerme. Tamén estaban Yuyo, Emilio, Miguel, Eugenio, José María… aínda se escoitan os nosos berros infantís no patio e nas instalacións do colexio, os bos rapaces que pertencían ao internado do colexio, cancións italianas cantabamos no coro, dirixidos e acompañados ao piano por un mozo somasco italiano, de quen xa non reteño o nome, o paso do tempo vai ensombrecendo a memoria; pero, resoan as notas do piano: “Sui monti…”. Aquela mestra inesquecible, dona Elisa Torres, dona Carmeliña tan doce, boa e sensible. As visitas de don Jorge, o inspector (que era crego da familia dos Malvar de Pontevedra), que poñían moi nerviosa a dona Elisa…

Cando as enchentas do Umia, do Bermaña, do río Pequeno non podiamos ir ao colexio, ledicia para os cativos. As películas de romanos (“Vino Constantino y nos trajo la paz”) no salón de actos, que algúns queriamos repetir, cando as volvían a poñer no colexio da Encarnación, case todos antes fixeramos alí parvuliños cunha monxiña tan pequena coma nós, a madre Aurelia… Arrecendo a tinta, secantes, lapis, gomas, libros recén estreados, aquel arrecendo a libros novos e material escolar. Aquel libro inesquecible das primeiras lecturas, HEMOS VISTO AL SEÑOR, ou aqueles RAYAS, AMIGUITOS… as enciclopedias ÁLVAREZ de primeiro, segundo e terceiro graos…

Os colexios de pago tiñan unhas boas instalacións con patios de recreo, zonas deportivas, salón de actos con cine, bos urinarios, aquela parafernalia dos fins de curso con todo o apoio oficial e institucional ao máis alto nivel… Mentres, a escola pública semellaba abandonada de todos, pésimas instalacións, aquel inmundo servicio cun burato de terra sen auga corrente, sen saneamento, as goteiras que amenizaban as clases co clin-clan das pingueiras da auga da chuvia a bater nos cacharros de lata que as recollían. Aquí, novos amigos: Manoliño, Alvarito, Ana, a filla do mestre, un mestre moi querido e recordado, don Victoriano Rosales (que fumaba compulsivamente cigarrillos da marca JEAN). Don Victoriano era o director da Graduada de Caldas e sería o primeiro director do Colexio “Afonso VII”. Que ben ensinaba don Victoriano! Aínda que era moi duro en cuestión de disciplina, era moi bo en Matemáticas, pizarra e pizarrín, canto da Xeografía en pequenos grupos nos mapas, as clases de Relixión os sábados pola mañán, a chegada da televisión escolar cos primeiros programas de Félix Rodríguez de la Fuente (“H-I-J-K-L-M-N-Ñ es la hora de la tele, es la hora de la tele, televisión escolar”), a aventura espacial americana coa misión Apolo, aquel inesquecible xullo de 1969. Qué distintos eran o ensino privado, “de pago” e aquela lonxana escola pública! Don Victoriano Rosales é merecente dun recoñecemento público en Caldas de Reis.

E sempre Caldas de Reis, naquelas brumas de inverno e os baños sabatinos de auga termal en bañeira de cinc. Espertar con arrecendo e sabor de pan recén cocido, daquel pan do forno de Nilda, os Calviño cantando o “Yellow Submarine” co pai tocando a bandurria e os soños quentes de lareira e de amor de avós, lembranzas gardadas no rescoldo do corazón e nas lumieiras, que se difuminan, da mente infantil que aínda revolotea á beira do Umia no Campo da Feira, na centenaria Carballeira de outonos de landras e de lembranzas escolares, de tempos de fanar na belida fervenza de Segade de Arriba… Caldas sempre.

4 comentarios:

Néstor Fabián Ferreiro Caldas dijo...

Son Néstor Fabián Ferreiro Caldas, autor da páxina non oficial de Caldas. Alegrome de que o meu enlace figure no teu blog.
Con respecto as vivenzas no San Fermín, visita o seguinte blog:
http://cprsanfermin.blogspot.com/
Teño moito material fotográfico e bibliográfico do Cole. Levo 22 anos traballando como profesor e antes estiven como alumno. Gustaríame estar en contacto contigo e intercambiar información, sobre todo de Caldas.
Un saúdo,

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Sería para min unha honra manter contactos e conversas sobre o colexio San Fermín e Caldas de Reis, xa que supón relembrar ledas vivencias da miña infancia. Ademais considero a Caldas como un lugar idílico con recunchos de encanto singular.
Amigo, Néstor Fabián, sempre ao seu dispor,
Xermán Torres

BUA dijo...

Hola Xerman, a escritura non he o meu, si non xa teria escritos libros de chapuzas ou de maquetas.
Son Búa, o de caldas, encheume de ledicia ler o teu escrito, pois por un momento retornei ao pasado, aqueles dias onde reinaba a mais adsoluta felicidade, onde xogabamos sin mais preocupacion, recordo un caixon que tiñas cheo de indios e mais xoguetes , que viñas a unda min e xogabamos no CALEXON , diante de Señora Carmen a Viuva, que tempos, que recordos. Ti tiñas un tio, creo recordar, que traballaba na farmacia de Dona Pura Parga, a muller de Don Jesus Frojan.
Teño que poñerme un dia e inventar un artiluxio que posto na chencha ou cabeza , imprima as fotos que gardo, daquel tenpo e de este pobo, antes de que a memoria faga unha mala pasada, coido que estes recordos, ainda que persoais, tamen pertecen a quen compatiu xogos e vida, asi como son parte da historia dun pobo.
saudos Xerman, de Jose Búa

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Búa, éncheme de ledicia os teus comentarios, é certo todo o que dis. Teríamos que organizar algún acto en Caldas para lembrar eses felices tempos idos. A infancia é ese recuncho que gardamos e que nos fai persoas. Además penso que en Caldas tivemos a experiencia dunha infancia feliz.
Recibe unha forte apreta e un cordial saúdo,
Xermán Torres