sábado, 30 de octubre de 2010

VALLE-INCLÁN EN ROMA (1933-1936)


Na Casa do Pescador en Vilanova de Arousa, o pasado día 26 de outubro á tardiña presentouse a publicación: TODO VALLE-INCLÁN EN ROMA (1933-1936), composta de dous volumes, o Vol. I en formato libro convencional e o Vol. II, un CD con 70 documentos en facsímil, moitos deles materiais inéditos. Neste traballo recóllese a investigación dun grupo de traballo coordinado pola profesora da USC, Dra. Santos Zas, que recibíu o premio de investigación VALLE-INCLÁN, auspiciado pola Deputación Provincial de Pontevedra.
Este traballo de investigación sobre a figura do insigne e valioso escritor vilanovés, recolle a estadía de D. Ramón en Roma como Director da Academia de Belas Artes de España na cidade eterna, durante os tres últimos anos da súa vida.
Nel reflíctense toda unha serie de documentos orixinais, onde se recollen as demandas e inquedanzas de Valle-Inclán á Admón. española, solicitando as melloras que precisaba a Academia naqueles intres históricos e informaba do seu labor, aparecen incluso facturas pormenorizadas de certos gastos.
Ao final D. Ramón pide que o relevaran do posto e lle adxudicaran outro máis tranquilo e cómodo que lle permitise adicarse por completo ao seu traballo como escritor ou que lle concedesen unha pensión vitalicia con tal fin. Xa que o cargo en Roma xeráballe gran tensión polas deficiencias que el atopaba e que demandaba subsanar e non vía o día en que todo se solucionara.
Viría enfermo para España e morrería en Santiago de Compostela no ano 1936. Estando aquí doente foi visitado e mantivo algúns encontros con Filgueira Valverde e sen ver cumplidas as súas expectativas.
O traballo foi co-editado polos servizos de publicacións da Deputación Provincial de Pontevedra e da Universidade Compostelá, respectivamente. Dita colaboración editorial considerámola moi beneficiosa para a nosa cultura.
Os premios VALLE-INCLÁN na vindeira edición ampliarán os galardóns, concedendo un ás montaxes teatrais.
O acto de presentación destas publicacións enmárcanse dentro da XV Semán da Cultura de Vilanova de Arousa, pobo que é o berce deste xenial escritor, pai do "esperpento". Vilanova ten moita importancia por ser a orixe de famosos literatos, como lembramos hoxe, entre eles, o inmortal, don Ramón María del Valle-Inclán, autor de obras tan importantes da literatura española, como LAS SONATAS (primavera, estío, outono e inverno), LUCES DE BOHEMIA, TIRANO BANDERAS, entre outras moitas.
O vindeiro ano 2011 acollerá diversas conmemoracións con motivo de importantes efemérides sobre este autor e nas que Vilanova cobrará o seu protagonismo, celebrarase o CL Aniversario do nacemento do escritor e o LXXV aniversario do seu pasamento.
Estaremos atentos a todos estes acontecementos, nos que a fermosa vila arousá se constituirá como o marco ideal e obligado para ditas celebracións.

No hay comentarios: