miércoles, 10 de noviembre de 2010

IX MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE




Este ano o Memorial tivo o título xenérico seguinte: O RETABLO DE BELVÍS E A ARTE E A CULTURA DO SEU TEMPO EN GALICIA.
O día 27/10/2010, ás 20:00 h. asistimos á conferencia da Dra. Rocío SÁNCHEZ AMEIJEIRAS, profesora da USC, que pronunciou, no Salón de Actos do VI Edificio do Museo de Pontevedra, a súa disertación sobre:

"ROSA DAS ROSAS, FLOR DAS FLORES": DEVOCIÓNS E IMAXES MARIANAS NA GALICIA DE CONTRA 1400.

En primeiro lugar, pronuncia unhas verbas introductorias e de agradecemento o Dr. VALLE PÉREZ, Director do Museo, quen manifesta a súa satisfacción e gratitude cara a Dra. SÁNCHEZ AMEIJERIRAS por ter aceptado participar neste novo Memorial. Fai extensivo o agradecemento ao público asistente.

A continuación, coa súa gratitude ao público pola súa presencia e ao Museo, á Cátedra Filgueira e á Fundación homónima pola súa invitación para participar neste acto, a Dra. SÁNCHEZ da comezo a súa ponencia. Indica que no seu traballo de tema mariano, figurarán moitas imaxes da Virxe María.

Nós imos facer unha síntese da interesantísima intervención da profesora SÁNCHEZ, que foi ilustrada cunha presentación de diapositivas.

- Arredor do 1400 proliferan nunha porcentaxe moi elevada as imaxes da Virxe María. Naquel tempo semellaría que os galegos tiñamos unha deusa-nai, única entre as mulleres por ser virxe, nai, lactante; algo antinatural.

- Alusión a FILGUEIRA VALVERDE como estudoso das Cantigas de Santa María.

- As imaxes deben representar e motivar sentimentos de emoción que incentiven a piedade.

- Nova espiritualidade que achegaba ao devoto ás imaxes dun novo xeito.

- A imaxe máis antiga de Belvís era a Nosa Señora dos Anxos. Que tiña certa similitude ou parecido coa imaxe da Virxe de Villa Sirga.

- Semella que hai un prototipo de imaxes, onde o Neno aparece apoiado na perna esquerda de Nosa Señora e figuran os anxos incensando á Virxe. Aparece unha repetición de modelos, de tipos.

- A orixe dos prototipos é bizantino, baseados na sacrosanta imaxe da Virxe, que a tradición di, recollida da pintura que tiña feito da Virxe o evanxelista San Lucas.

- Falamos da Panaglia ou Diguitría. As copias tiñan que ter as características dos prototipos.

- O retablo de Belvís era un retablo pentagonal de orixe italiano, cun formato rectangular nos iconos.

- En San Andrés de Vea atopamos a imaxe de Santa María de Vea, que sigue os prototipos bizantinos. Aparece o Neno xogando co mantelo da Virxe, hai unha actitude tenra entre a Nai e o Neno. O que provoca unha devoción emocional.

- Menciona o concepto de Licofilusa.

- Os Nenos das Virxes do doce bico xogan co manto da Virxe.

- Na imaxe da Virxe Branca de Toledo, o Neno aloumiña o mentón da Virxe. (Este feito no século XIII era unha cuestión erótica).

- Na imaxe de Santa María de la Iniesta (Zamora) do século XIV a Virxe non responde aos desexos do Neno, que intenta xogar co velo da Virxe.

- Moitas destas imaxes marianas son como metáforas de amor que figuran no Cantar dos Cantares, un dos libros bíblicos do Antigo Testamento. "Os teus peitos saben a mazá", metáfora do amor de Cristo á Igrexa. As imaxes escondían unha lección teolóxica.

- Virxes do Leite. A Virxe dalle o peito ao Neno: Virgo lactans, como a da autoría de Ambrosio Lorenzetti. Atópanse imaxes marianas con variados alimentos. Vemos eiquí a orixe bizantina, a procedencia da lírica medieval e das metáforas do Cantar dos Cantares: "teus peitos son como racimos".

- A Virxe de Belén da Catedral de Ourense ofrécelle unha mazá ao Neno. E a chamada Virxe da Pera da Catedral de Tui, ofrécelle esa froita ao divino infante.

- En Santa María da Sede de Mondoñedo, o Neno come a mazá e dalle o Orbe á Virxe.

- Estas metáforas conxuntivas nas que o Neno comía, como os fieis que participaban na Eucaristía.

- Hai outra serie de imaxes nas que a Virxe figura cunha flor na man, como a Virxe do Portal en Belvís - Santiago de Compostela.

- A Virxe da Barca de Muxía (1400) levaría unha rosa nas mans, unha rosa con espiñas e o Neno levaba un xílgaro. É unha metáfora da Paixón (anticipo da paixón de Xesús). A Virxe está triste. A figura do xílgaro aparece porque había unha tradición que indicaba que o xílgaro alimentábase das espiñas das rosas.

- Os lirios son unha metáfora da pureza da Virxe.

- Lembremos os versos medievais: "Rosa das rosas, flor das flores / dona das donas, señor das señores". Os miniaturistas de Alfonso X, que recollen e difunden moitas destas imaxes, son os mellores da Europa daqueles tempos.

- Falamos agora das chamadas Virxes Preñadas, como todas as imaxes da Virxe están colocadas en alto, en peanas. Preto aparece o Arcanxo San Gabriel, vestido de casulla ou alba ou capa pluvial porque a Virxe o agasallou coa vestimenta litúrxica. Falamos da Virxe de Santa María de Budiño, das Virxes Preñadas de León, de Zamora. Difúndense as Virxes Preñadas na zona de Zamora entre 1300 / 1315.
Frei Juan Gil de Zamora atopou cara o 1270 o corpo de San Idelfonso, quen tiña escrito e difundido o tema da virxinidade de Santa María moito antes de que tal cuestión fose declarada como un dogma de fe.
Hai que ter en conta as festas marianas da Anunciación, da Expectación de María, a Virxe da Esperanza, que se celebra o 18 de decembro.
Estamos en Pontevedra e non debemos esquencer que a padroeira da cidade é a Virxe da O.

- Para finalizar, contemplamos as chamadas Virxes Abrideiras Trinitarias (lembramos a letanía do rosario: Turris eburnea). Como a imaxe mariana de San Salvador de Toldaos. A Virxe leva a todo o mundo no seu ventre.
Aínda que os alemáns e os franceses pretenden que as Virxes Abrideiras son oriundas dos seus respectivos países, o certo é que as máis antigas son as da Península Ibérica.
Menciona a imaxe que se conserva en Santa Clara de Allariz.
As Virxes abríanse igual que os códices. Presentar a María como porta (porta do Ceo), é un tema marial alfonsí.

Como remate da conferencia sobre a iconografía mariana arredor do 1400 houbo unha quenda de preguntas e respostas.

2 comentarios:

carolina dijo...

Hola, excelente blog, me ha gustado mucho, mi enhorabuena por él. Me gustaría invitaros a que conocierais, “Aprendo Gratis”, una plataforma de formación online que ofrece cursos variados y gratuitos. Internet, nuevas tecnologías, audiovisual son algunas de las temáticas que podréis encontrar.

Os dejo el enlace para que echéis un vistazo:
http://aprendogratis.nortecastilla.es/
http://www.facebook.com/yoaprendogratis

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Grazas polo comentario. Terei en conta a recomendación.

Xermán Torres