jueves, 13 de enero de 2011

AQUELES ANOS MOZOS (I)






Nos anos setenta e principios dos oitenta do pasado século XX, vivín en Vilagarcía unha fecunda e interesante actividade societaria da mocedade sen influencias, ao principio, dos partidos políticos e da chamada mobida daqueles anos. A nosa mobida era doutro estilo, de carácter máis social e participativo.
Vou tentar dar conta, ofrecer a miña testemuña persoal do meu paso polo “Club de don Daniel”, Auxilia e o “Club Juvenil Villagarciano” por medio das páxinas do noso periódico ONDAS DE AROSA, en entregas sucesivas.
Dicir que teño a impresión (non sei se será cousa da idade) de que eramos uns mozos e despois mozas e mozos cun marcado carácter social e altruista e que eramos os verdadeiros protagonistas do que faciamos. Non tiñamos un interese material, eramos máis ben desprendidos e gozabamos máis da presenza das xentes que das cousas, máis de experiencias que de aparellos.
Boto de menos un tipo de agrupamento así para a nosa mocedade actual, que topo máis materialista e egocéntrica. Hoxe a mocedade é máis explotada, as súas diversións enténdense en plano de negocio. A súa interacción é máis artificial e mecanizada, máis absurda, máis pueril. As cousas véñenlle feitas, nós eramos máis activos, imaxinativos; organizabamos e xestionabamos as nosas actividades directamente, sen intermediarios, sen substancias extrañas e cun marcado carácter social e altruista. “Oh tempos, oh mores”.
O Club que chamaremos de don Daniel estaba aglutinado arredor do cura, D. Daniel Luis Espiño Otero, daquela coadxutor da parroquia Santa Baia de Arealonga. Máis tarde, incorporouse ao mesmo a relixiosa filipense, Dna. Esther Guadalupe de las Cuevas Ortiz, para todos, “a madre Guadalupe”. O Club de don Daniel estivo formado por distintas xeracións de mozos e mozas, na súa etapa final foi a que eu vivín e á que se incorporou a madre Guadalupe. Na miña época houbo un grupo inicial formado por Carlos Rey Cebral, Toño Casares Frieiro, Cándido Meijide e eu mesmo. Despois fóronse incorporando Juan Carlos Dorgambide Jambrina, Jesús Serantes Diz, Francisco Lemiña Patiño, Manolo Portas, J. Manuel Rey Rañó e tamén Juan Lago e Ángel Rey Doval. Logo, chegaron as mozas, Julia Quintela Gallego, Remedios Padín, Begoña Sobrido, Loli Bravo. Este sería o núcleo central ao que se irían engandindo en sucesivas épocas máis mozos e mozas.
O lugar de xuntanza, o local, era o chamado baixo da casa da señora Lola, sacristana da nosa parroquia. Fixemos moitas actividades. Unha delas, era a recollida de papel e de cartón. Don Daniel axudaba co seu coche, o mítico Renault-4 blanco (chamado popularmente catro latas). Amontoabamos as recolleitas no local, onde dun xeito moi artesanal prensabamos todo o papel e o cartón. Ás veces o local estaba totalmente ateigado de material, que case chegaba ata o teito. Logo viña o camión para a recollida, quedaba o local valeiro e volta a empezar. Con esta actividade axudouse a financiar a construcción e posta en funcionamento da escola xitana de San Pedro de Cornazo, que rexentaría a madre Guadalupe, pasando a ser escola de padroado para logo obter a titularidade estatal, como escola pública anexada ao colexio público “José Antonio” de Vilagarcía, para ser despois unha escola unitaria que se clasurou a mediados dos anos dous mil. Os mozos e mozas do Club colaboramos moito con esta escola.
Tamén axudabamos moito a D. Daniel nos barrios de Trabanca Badiña / A Torre e de A Laxe, participabamos na catequese de ditos barrios, así como axudabamos nas tarefas escolares a nenos e nenas destes barrios, e colaboramos para alfabetizar adultos, entre eles, aos ciganos (xitanos portugueses), recén chegados ao noso Concello naquelas datas.
Participamos activamente na promoción do asociacionismo veciñal, colaboramos na fundación e posta en funcionamento do grupo folclórico OS DE SAN MIGUEL de Trabanca Badiña, igualmente na creación da asociación cultural CONTRA VENTO E MAREA de A Laxe, da que axudamos ata físicamente a construir o seu local social. En ámbolos dous grupos participamos na súa dinamización social por medio de distintas actividades: actuacións, festivais, excursións, viaxes culturais, acampadas, coros, festas típicas de Galicia (Nadal, Entroido, Maios). Todas estas actividades tiñan unha intensa repercusión social nos respectivos barrios e na propia cidade, lembro que para axudar a recadar fondos para a construcción do local de Contra Vento e Marea xestionaramos a actuación do grupo lugués FUXAN OS VENTOS, que representou o seu espectáculo, “Galicia canta ao Neno” cun enorme éxito no desaparecido cine “Arosa” de Vilagarcía.
Pero o grupo tamén tiña unha ricaz vida interna, xuntabámonos no local para xogar ao tenis de mesa, ao xadrez, as damas...; pero, sobre todo para cantar, conversar, estudar xuntos, convivir; así como para organizar unha grande cantidade e variedade de actividades. Naqueles intres, a maioría, considerabámonos como mozos cristiáns comprometidos. E xunta outros mozos e mozas do antigo colexio de Aprendices de RENFE de Bamio, rexentado polos salesianos, do colexio filipense Sagrada Familia e do colexio San Francisco da nosa cidade organizamos uns grupos de reflexión e de acción social. De aí xurdeu a idea de organizar a I Pascua Xoven, na que tamén participaba o xérmolo do que sería a parroquia de A Nosa Señora da Xunqueira, que foi, posteriormente, asumindo a organización de dita actividade.
Organizamos tamén varias edicións dunha exitosa Feira do Libro, que era todo un acontecemento en Vilagarcía. Esta actividade tamén servía para financiar as actividades que promoviamos, así como as acampadas que comenzamos a facer por Galicia enteira. D. Daniel e a madre Guadalupe axudáronnos a coñecer Galicia e o galego.
Lembro a primeira acampada no Terrón, en Vilanova de Arousa. Cando o Terrón era verdadeiramente fermoso, totalmente deserto e salvaxe. A gula de Cándido privounos de disfrutar de máis días alí; pois, pillou unha indixestión por atiborrarse e mezclar todo tipo de conservas. Houbo que chamar ao cura para que co seu catro latas poideramos evacuar aquel marabilloso e natural campamento. Logo, visitariamos e percorreriamos nos veráns as serras do Courel e dos Ancares, antes houbera unha fenomenal acampada en Ribeira e no Barbanza cos mozos dos barrios de Trabanca Badiña / A Torre.
Gustábanos moito a música, cantar e tocar. Había algúns compañeiros que chegaron ser uns virtuosos de distintos instrumentos. Juan Carlos Dorgambide tocaba o piano e a guitarra, Fresquín (Francisco Lemiña) a guitarra e o violín, Carlos Rey a gaita e a zanfoña, os mesmos instrumentos que dominaba Cándido Meijide, Toño Casares manexaba os instrumentos de percusión, eu poñía interese na frauta doce e na armónica. Temos participado no popular concurso de vilancicos de Vilaxoán. Sucedeu que un ano, animados por Xulia Quintela, entregamos a contía do premio a uns obreiros que estaban nun conflicto laboral e que despregaban unha pancarta a saída do local da Confraría de Pesacadores de Vilaxoán. (Con esta boa acción víanse mermados os nosos ingresos para facer a nosa anual acampada na montaña luguesa).
Esta nosa afección pola Música e polo noso folclore levaría ao grupo, máis adiante, a formar algunhas agrupacións xa míticas, como Talanqueira e Pallamallada, cos que se chegaría a conseguir un premio importante de carácter nacional do Ministerio de Cultura pola investigación e conservación do folclore galego.
Co transcurso natural da vida e a evolución de cada un dos membros do Club, noivados, estudos, novos derroteiros o grupo deixou de funcionar, a etapa da mocedade tiña pasado, novos rumbos persoais e profesionais fixeron pasar esta etapa das nosas vidas. A historia foi a bonita historia da nosa mocedade. En todos nós quedou a semente dunha fonda amizade e os tesouros dunhas lembranzas e vivencias enriquecedoras que nos axudaron a medrar como persoas. En todos nós o agradecemento a un cura e a unha monxa que foron para nós como uns pais máis, a súa fonda pegada e a súa marca non nos abandoarán máis, grazas a D. Daniel e á madre Guadalupe. Sinto que a mocedade de hoxe non sexa a verdadeira protagonista nas súas actividades de lecer e que escuros intereses dominen o mundo dos mozos e sobre todo é mágoa que non poidan contar para eles cuns educadores da talla de D. Daniel e da madre Guadalupe. Mais, penso que calquera tempo pasado non foi mellor e que a mocedade de hoxe ten os seus valores; pero, quixera que fóra máis altruista e soubera rexeitar con rotundidade o hedonismo fácil e o escuro, tortuoso e escravizante camiño das perniciosas adiccións.
Como unha reflexión final, despois de lembrar aquela xa lonxana experiencia dos meus tempos mozos, na actualidade debera promocionarse un san asociacionismo xuvenil e crear os educadores de rúa para intervir en situacións de risco e que houbera equipos multidisciplinares para traballar coa mocedade (integrado por psicólogos, pedagogos, sociólogos, traballadores sociais, directores e monitores de tempo de lecer), que suplisen o magnífico labor que fixeron connosco D. Daniel e a madre Guadalupe. Son novos tempos, hai que buscar novas solucións e adoptar medidas preventivas, o malo e non facer nada ou case nada.
Noutra oportunidade, seguiremos falando daqueles anos mozos.

NAS DÚAS PRIMEIRAS IMAXES, O GRUPO EN ACCIÓN, LOGO OS MEUS RETRATOS, UN DEBIDO A JUAN CARLOS DORGAMBIDE JAMBRINA E O OUTRO DE FRANCISCO LEMIÑA PATIÑO, AMIGOS DE MOCEDADE. NA ÚLTIMA FOTO, COS MEMBROS DA CATEQUESE DO BARRIO DE A LAXE, NUNHA EXCURSIÓN A SANTIAGO A FINAIS DOS 70.

No hay comentarios: