lunes, 2 de mayo de 2011

LEMBRANZAS DE ÁLVARO CUNQUEIRO



Neste ano 2011 cúmprese o centenario do nacemento dun grande da literatura galega como é Álvaro Cunqueiro. Un dos poucos escritores en lingua galega que puido vivir case exclusivamente do que escribía. Foi un escritor que tocou moitas cordas, xa que practicou a poesía, a narrativa, probou sorte na dramaturxia e tamén utilizou a súa pruma no xornalismo, nos libros de gastronomía, nos guións radiofónicos. Foi un escritor moi completo, cheo de fantasía e orixinalidade. A min gustoume e interesoume moito a súa faceta de guionista radiofónico. Teño escoitado moitos dos seus míticos programas radiados dende a emisora de Radio Nacional de España na Coruña e moitos deles na magnífica voz de Marinita de la Peña.
Tamén ten probado don Álvaro a escribir sobre a cociña galega, da que era un gran coñecedor, tanto teórica como practicamente. Lembrar que foi moi amigo de Xosé Filgueira Valverde e da súa familia. Colaborou no famoso libro da COCIÑA GALEGA, da filla maior de Filgueira, Araceli. El era un "bon vivant", grande "gourmet" e excelente "gourmand".

Eu tiven a sorte de coñecer a Cunqueiro no verán de 1969, na fermosa vila termal de Caldas de Reis, no Hotel Dávila, un hotel moi xeitoso e familiar, cuns fermosos xardíns e un extraordinario e frondoso canaveiral á beira do río Umia. Neste hotel facíase unha moi boa cociña e unha magnífica repostería da que era responsable, naquelas datas, a lembrada dona Balbina, nai da dona do mesmo. D. Álvaro tiña moi en conta todo esto e pasaba uns días alí de descanso e de bo xantar. Á hora do almorzo tiña por costume ler o Faro de Vigo (do que foi director) e o ABC de Madrid.
En Caldas, había un famoso bar-restaurante, que popularmente se coñecía como O Cabaret, a súa dona era unha extraordinaria restauradora e o seu dono un simpático e popular personaxe na vila (gran animador das festas patronais e do Entroido caldense). Alí Cunqueiro disfrutaba dos bos manxares da terra, que se preparaban dun xeito exquisito e regados cos bos viños do país. Tamén naquel emblemático lugar celebraban as súas xuntanzas os chamados "endovélicos"; todos daban boa conta das empanadas de anguía, lamprea, raxo; por tan só mencionar algunhas das grandes especialidades da casa, aos que habería que engadir os bos mariscos e os bos froitos do porco, dos que D. Álvaro era un gran degustador.

Cunqueiro unha tarde calorosa daquel verán caldense de 1969, contoume algunhas historias rebosantes de fantasía e preciosismo, mágoa que non fora certo tempo despois, porque eu contaba apenas con doce anos de idade e daquela non puiden sacarlle todo o proveito que se merecían.

A min agrádame moito o Cunqueiro poeta neotrovadoresco o de Cantiga nova que se chama Riveira ou o de Dona do corpo delgado. Disfruto moito coas versións cantadas dos poemas que interpreta marabillosamente, Amancio Prada.

Con esta humilde lembranza quero render unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro no seu centenario, con aquelas vivencias dun neno galego que tivo a sorte de coñecelo alá a finais dos xa lonxanos anos 60, na xeitosa e querida vila de Caldas de Reis.

(...) e é a alma túa a quen despides como unha ave
nunha mañán de primavera
ou nun serán de outono.

Tamén verco rulas, viños doces, rosas
e as memorias de neno, follas verdes
dunha abidueira nacida a carón dun poldro branco.

(...) quero, quero volver a poñer a miña gorra mariñeira
aquela gorra dos oito anos
cando entre o meu sono e eu cantaba a luz.

(...) ollando a Deus facerse herba e mais de mar...

Entón disimulando canto, e coas mentiras
fágome unha sorrisa de xardín en festas.

Coma un río que marmura na noite
escoitaremos teu cantar.

(...) ¿Quen quere rosas,
ouro, pan trigo, mocidade, raiolas de sol?
(...) A carón da nave voaban follas secas...

(Versos escollidos de Álvaro Cunqueiro de seu libro: Herba aquí ou acolá, 1991).

2 comentarios:

Ney dijo...

Sempre me chama a atención a falla de respeto ou deterioro das tradcións e neste caso que nos ocupa o tema das cruces de maio teñenme sorprendida ¿e que ninguén quere saber que "os maios son unha cousa e "as cruces de maio" outra?
De feito as cruces de maio celebrábanse o 3 de maio, e foron, como sempre, un xeito de sacralizar unha festa pagana.

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Certamentes, o devenir histórico foi así en España e en Europa, cristianizáronse tradicións ancestrais. Uns son partidarios diso, outros móstranse máis críticos.
No das cruces de maio tes toda a razón. Hai lugares nos que se diferencia a tradición dos maios e a festividade con sentido relixioso das cruces de maio.
Pero sempre é necesario aclarar e puntualizar as cousas dende o rigor.

Saúdos cordiais, Ney.

Xermán Torres