D. Ramón en pleno traballo (Foto: Faro de Vigo)
RAMÓN Mª
ALLER, O ASTRÓNOMO LALINENSE AMIGO DE FILGUEIRA
ANIMADO
POLO ERUDITO PONTEVEDRÉS, ALLER REALIZOU MAGNÍFICAS COLABORACIÓNS EN GALEGO NA
REVISTA DE PENSAMENTO CATÓLICO, LOGOS
(1931-1936) E NO POPULAR ALMANAQUE ANUAL, O
GAITEIRO DE LUGO
A amizade de Filgueira Valverde con D. Ramón vén da época do Seminario de
Estudos Galegos (SEG), na década dos vinte do pasado século, e as súas xeiras
de investigación na comarca do Deza. Despois das longas xornadas de traballo e
pescuda de investigación científica por aquelas terras, os seminaristas facían
quendas nas noites para facer observacións celestes guiados polo excelente
astrónomo que era D. Ramón, precisamente no seu observatorio de Lalín. Xeiras
inesquecibles e para estreitar vínculos de amizade por parte dos membros do
SEG, dos que D. Ramón Mª Aller era unha daquelas mentes privilexiadas de
Galicia e que tantos froitos brindaron á ciencia e á cultura galegas.
D. Ramón era un recoñecido e eminente astrónomo, experto nos sistemas de
estrelas dobres, publicaba os seus artigos nas máis prestixiosas revistas
científicas do momento, entre elas as máis recoñecidas e prestixiosas de
Alemaña, país punteiro xa naquelas épocas.
Chegou ser un extraordinario profesor de Matemáticas e de Astronomía na
Universidade de Santiago de Compostela (USC), da que foi o primeiro director do
Observatorio universitario, que el axudou a montar e ao que doou gran parte dos
seus importantes materiais e aparellos que tiña no seu observatorio particular
en Lalín. Hoxe o observatorio universitario leva o seu nome, na súa honra como
mestre importante da primeira universidade galega.
Filgueira sendo moi consciente da enorme valía de D. Ramón anímao e trata
de implicalo para que colabore en lingua galega no Boletín mensual católico, Logos (1931-1936), que el editaba con
Iglesias Vilarelle en Pontevedra, constituíndo as colaboracións de Aller un
tesouro da ciencia galega.
Filgueira tamén solicitou e logrou a duras penas a súa valiosa colaboración
para o popular almanaque anual lugués, O
gaiteiro de Lugo, do que Filgueira é responsable desde 1936 ata 1957. D.
Ramón era un pouco reticente, non quería converter o prestixioso astrónomo nun
popular astrólogo. Pero aínda así e coa insistencia de Filgueira, D. Ramón
enviaba as fases da lúa e todo o que tiña que ver coa astroloxía e coa
astronomía. Hai que recoñecer que a D. Ramón dáballe certa vergoña participar,
sendo, como diciamos un prestixioso astrónomo reconvertido agora nun
pronosticador astrólogo. Pero Filgueira dálle que dálle e sempre conseguía o
que quería. Certamente esta etapa é unha das mellores do popular e divulgado
almanaque lugués.
D. Ramón antes que eminente astrónomo e matemático era unha excelente
persoa e un gran sacerdote. Remato cunha anécdota do querido e admirado
científico da comarca do Deza. Estaba el nunha ocasión a observar un fenómeno
celeste, que se ía dar naquel preciso instante, se abandonaba a observación
endexamais tería outra oportunidade. Cando estaba nesas, veñen reclamar con
urxencia os seus servicios espirituais como sacerdote. Sen pensalo dúas veces
suspende aquela única e importantísima observación e disponse axiña a cumprir
coas súas obrigas sacerdotais que para el eran prioritarias. Fronte a unha
primicia científica escolle a axuda espiritual para unha persoa.
Esta é a grandeza dos verdadeiros sabios. E estas dúas eminencias galegas,
ALLER e FILGUEIRA, mantiveron unha fonda amizade, que pode ser comprobada no
abondoso epistolario que intercambiaron ao longo das súas fructíferas e
fecundas vidas.
PARA SABER MÁIS:
-
AA.
VV.: Diccionario Enciclopédico Galego
Universal. Tomo 3. Vigo, Ir Indo, 2003, p. 36.
-
AA.
VV.: Enciclopedia temática de Galicia.
Sociedad. Barcelona, Nauta, 1990, p. 131.
-
DOPORTO
REGUEIRA, C. e J. A. DOCOBO DURÁNTEZ: “A relación epistolar de Filgueira co
astrónomo e matemático Ramón María Aller” en AA. VV: Cadernos Ramón Piñeiro (XXXI). Filgueira Valverde. Homenaxe. Quíxose
con primor e feitura. Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e
O. U., Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, A Coruña,
2015, pp. 233-247.
-
FILGUEIRA
VALVERDE, X.: El Dr. Ramón Aller Ulloa,
(Lalín, 1878-1966), astrónomo, precursor de la prosa científica.
Pontevedra, Diputación Provincial de Pontevedra, 1989.
-
FILGUEIRA
VALVERDE, X.: Os ensaios en galego
(“Logos”, 1931-1934) do Dr. Ramón Aller Ulloa. Pontevedra, Diputación
Provincial de Pontevedra, 1989.
Máis información pódese atopar en:
No hay comentarios:
Publicar un comentario