Imaxe da WEB do Concello de Caldas de Reis
Imaxe obtida de www.youtube.com
O paso do tempo e o feble que é a memoria humana fan que se esvaezan
lembranzas que fan referencias a persoas e a feitos de tempos idos. Eses mesmos
elementos ou compoñentes da vida dun ser humana, tempo e memoria, fan tamén que
nos repitamos e volvamos a contar unha e outra vez cousas que deixaron forte
pegada nas nosas vidas. O tempo da infancia, lembrámolo a maioría como un tempo
feliz, nunha feliz Arcadia e para min esa Arcadia perdida e soñada é Caldas de
Reis.
Para non perder o que queda e para revivir aquelas vivencias infantís, na
querida vila termal, na sempre lembrada Caldas de Reis xa na lonxanía do tempo,
daqueles máxicos e felices anos sesenta do pasado século, relato vivencias,
recordo á xentes e como diciamos ao principio as imperfeccións e limitacións da
nosa memoria fan posible que me repita; pero así son as características do
propio ser humano.
Imos recrearnos nas lembranzas das festas de agosto de Caldas de Reis,
naqueles tempos sesenteiros. Ditas festas era algo esperado e desexado ao longo
do ano. Aqueles tres ou catro días memorables e vividos con tanta intensidade
pola maioría da poboación da bisbarra. Ademais das consabidas verbenas
nocturnas no campo da feira, na fermosa carballeira, do combate “fluvial” do
último día, dos pasarrúas con gaitas, xigantes e cabezudos, dos concertos de
banda de música, do tiro interminable de bombas de palenque, da procesión de
San Roque, había outros actos paralelos moi populares e con moita participación,
que facían as delicias de todos os presentes.
Tratábase de que sobre o mediodía e no marco incomparable da carballeira e
dos seus arredores, celebrábanse toda unha serie de actividades moi esperadas e
das que o armadanzas era o señor Ventura, o dono do popular bar coñecido como o
Cabaret, onde se selaban as quinielas de fútbol e tamén onde a dona do Sr.
Ventura, extraordinaria cociñeira, preparaba as papatorias dos Endovélicos e a
onde tamén acudía Álvaro Cunqueiro nas súas visitas de verán a Caldas, alí
daban boa conta de lampreas, anguías, mariscos, carnes,... magnificamente
preparados e regados cos mellores viños do país. Este señor Ventura organizaba
e preparaba, por exemplo, carreiras de burros e veladas de boxeo, onde
participaban como protagonistas os personaxes e tipos máis característicos do
pobo, que motivaban os risos e goce de todo o público asistente que escachaba
coa risa. Entre os xinetes e púxiles lembro ter visto ao coñecido como o Achou
de Paradivas, O Castriño (popular e querido varrendeiro da vila), Manolo, o
Marta. Este último era un tipo popular digno de estudio, todo o mundo se ría
del e pensaban que estaba tolo, pero a min parecíame unha persoa moi
intelixente e orixinal, diverxente e moi peculiar. Facía de fotógrafo, vendía
sementes nos mercados... Vivía coa súa nai, el mesmo construíu a súa vivenda,
un lugar especial, alí ondeaba sempre a bandeira nacional e gardaba toda sorte
de trebellos moi interesantes e curiosos.
Teño rido a escachar naquelas carreiras de burros e naquelas peculiares
veladas de boxeo, animadas polo Sr. Ventura, quen tamén se encargaba do
Entroido caldense. Aínda que se buscase o riso fácil, utilizando a personaxes
característicos do pobo.
Nestas festas de verán de Caldas non faltaban os concertos e as verbenas e
un ano si e outro tamén un invitado especial que non faltaba era a Banda de
Música de Lantaño, dirixida polo lembrado e querido Sr. Laguarta e na que
tocaba un mozo e virtuoso trompetista, o noso amigo, o compositor, Elixio Vila.
Co meu avó non me perdía un só concerto, ao mediodía ou á tardiña (moitas veces
esta banda repitía tamén na verbena). Xa pola noite, as concorridas verbenas, ás que
asistía coa miña nai, meus tíos e os meus curmáns. Por alí pasaban ano tras ano
as orquestras e bandas (banda!) do momento. Non podían faltar a consabida
tómbola, os tiros de pichón, as barcas, as churreiras que tamén vendían patatas fritidas, as carpas para degustar
o polbo á feira, cocido naquelas grandes potas de cobre, e cuberto con sal
gorda e aderezado con aceite e pimentón.
Capítulo aparte eran os xigantes e cabezudos que facían as delicias dos
nenos máis grandes e que provocaban os medos e os choros dos máis cativos. De
moi neno eu tíñalles un medo atroz, logo de máis grande divertíanme moito vendo
aquelas figuras tan típicas e correndo tras delas. Ían comandados polo xigante
que coñeciamos como o Papamoscas e lembro un anano cabezudo que era un
mariñeiro negro.
Como todo tempo de ledicia toca ao seu fin, remataban as festas de
madrugada co esperado combate naval (mellor fluvial) e ao que a miña avoa lle
tiña verdadeiro pánico, asustábase moito. Que festas aquelas de San Roque na
Caldas dos sesenta!
No hay comentarios:
Publicar un comentario