miércoles, 9 de septiembre de 2015

LEMBRANZAS DE XAQUINA TRILLO





Aquelas conversas coa poeta da Praza de España


Contaba ela que cando estudaba no colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa, nunha ocasión, cando recitaba un poema de Rosalía e algún propio coincidiu alí no centro co gran Castelao, quen a animou a continuar coa poesía, pois gustoulle moito a súa intervención. Tamén me indicou que un curmán de Castelao que se chamaba Manuel Castelao, un home moi ben parecido e moi agradable fora seu profesor de debuxo no xa citado popular colexio vilagarcián, desgraciadamente acabaría morto por mor dos acontecementos da nosa triste guerra civil do 36.
No León XIII houbo un compoñente importante de irmáns galeguistas relacionados coas actividades docentes que alí se celebraban, estaban o propio Xesús Garrido, Xosé Núñez Búa, Aquilino Iglesia Alvariño, por citar tan só aos máis salientables, tamén tiñan contacto co centro, Otero Pedrayo e Filgueira Valverde, este último foi examinador no instituto de Pontevedra do alumnado do León XIII que acudían alí aos exames por libre, o colexio vilagarcián era un centro asociado da institución docente pontevedresa. O alumnado de Vilagarcía obtiña alí, na maioría dos casos, moi boas notas, Xaquina dicía porque ían moi ben preparados. O querido e lembrado Fernando Quintela Novoa explicoume moi fachendoso como conseguiu a súa matricula de honra en Latín, recordaba que D. Aquilino Iglesia Alvariño amais de eximio poeta era un extraordinario profesor de Latín.
Pero Xaquina que era todo expresión e graza, contaba moitas máis cousas co seu sorriso tan explosivo. Lembraba o seu encontro co gran poeta e dramaturgo Federico García Lorca, quen estivo aquí en Vilagarcía o ano 1932 coa súa compañía de teatro universitario LA BARRACA, que recorría os pobos de España dando a coñecer aos clásicos, sobre todo a Cervantes e a Lope. Pois ben, naquela época, vivía aquí un médico militar de medicina exterior, que prestaba os seus servizos no porto, coa súa familia, que era de orixe andaluza. A nai desta familia encomendoulle as súas fillas e a Xaquina, que era amiga delas, que se acercasen a Federico e no seu nome que lle entregaran un ramo de flores, para honrar ao seu ilustre paisano. Desta forma foi como Xaquina coñeceu ao poeta granadino, indicándome que García Lorca era moi simpático e ben parecido. Isto mesmo contou Xaquina Trillo nun congreso, que se celebrou xa hai anos, sobre Lorca en Compostela.
Pero, Xaquina non paraba de expresarse, teremos oportunidade outro día, D. M., de contar algunha anécdota e vivencias compartidas coa poetisa das camelias e de Compostela, sen esquecernos da súa amada Arousa.    



No hay comentarios: