Neste pasado 2015
tivemos a sorte de celebrar o Día das Letras Galegas e o Ano dedicado ao
profesor e erudito pontevedrés, Xosé Filgueira Valverde. Foi unha posibilidade
de afondar máis na figura deste polígrafo galego asistindo a mesas redondas,
conferencias, xornadas, estrea da súa peza teatral, Agromar, creación da web da Fundación Filgueira Valverde,
concertos, o XIV Memorial Filgueira, poder ler a maioría das novas publicacións
a el dedicadas. Foi, sen dúbida, un ano moi intenso. Non imos entrar no
rexeitamento inxustificado de algúns pola dedicación do Día das Letras e do Ano
a súa persoa. El foi un home moi traballador e un gran cultivador do idioma
galego, cunha obra literaria de grande calidade e cunha obra erudita moi recoñecida.
Pola banda das letras (que é do que
se trataba) non debería haber contestación nin controversia. No que ten que ver
coa súa actividade política, hai xente que non chega a comprender as intencións
de Filgueira e o labor que desenvolveu neste eido o que é unha mágoa.
Penso que a decisión da Real
Academia Galega foi acertada e dentro do libre exercicio das súas competencias
e cunha mentalidade aberta e plural. Aínda hai xente tan pechada e
antidemocrática que ou ben pensas e actúas como eles, senón nin auga nin sal.
Felizmente o Ano Filgueira
desenvolveuse e transcorreu con naturalidade e aceptación crecente, os primeiros
rexeitamentos tan soados foron apagándose pouco a pouco. Se ben houbo certos
grupos e persoas que trataron de boicotear os actos, non exercendo a súa
representación pública neles. Pero, fíxose xustiza a este “obreiro da causa
galega”. El procuraba non falar mal de ninguén, no caso, optaba polo silencio.
E consta que intentou sempre facer o ben.
Pola calidade e cantidade da súa
obra e pola intensidade da súa vida, chégase á conclusión de que tanto
Filgueira Valverde como a súa obra serán obxecto de estudo por sempre, nunca
remataremos por descubrir e afondar nas súas múltiples facetas e os seus
matices, tense dito máis dunha vez que é unha figura poliédrica.
O seu legado está para ser
investigado e estudado no Museo de Pontevedra, unha das súas principais casas
na súa cidade natal. Queda que a Deputación Provincial volva a habilitar os
espazos e os tempos do Arquivo e da Biblioteca de dito Museo para que os
estudosos e investigadores poidan acceder con facilidade a estas dependencias e
aos seus servizos, que eran exemplares antes das medidas restrictivas que
erroneamente se adoptaron. Ese Museo e o seu Arquivo documental e gráfico, así
como a súa Biblioteca e Hemeroteca son uns tesouros que temos moi de preto e
Filgueira Valverde tivo moito que ver na súa creación e configuración.
E seguindo a simboloxía, como a rei morto, rei posto; viva o Ano Manuel
María! E aproveitemos a oportunidade de homenaxear ao poeta da terra Chá no seu
día Das Letras Galegas 2016. E como ocorre con calquera autor, o mellor é
coñecer a súa obra. Gocemos da obra de Manuel María, como podemos seguir a
facer coa obra de Filgueira e de tantos grandes autores da nosa rica
literatura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario