domingo, 31 de enero de 2016

UNHA FERMOSA VERSIÓN DE OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE



O sábado 30 de xaneiro de 2016, ás 12:00 h. non tivemos mellor cousa que facer que aproveitar a estupenda oportunidade de presenciar no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra a estrea oficial e exclusiva dunha versión mixta de marionetas e actores da famosa peza teatral do admirado Castelao.


Mira por donde, despois de moito tempo de acudir en 2015 a numerosos actos neste mesmo lugar, coincidín aquí, neste histórico día, co deputado provincial, delegado de Cultura, Xosé Leal, co Alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e coa concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Nunca é tarde. Ademais dun numeroso público que encheu por completo o salón, entre as persoas que alí estabamos tamén puiden ver ao fillo de Filgueira Valverde, o Dr. Fernando Filgueira, a súa irmá Araceli e a algún neto e bisneto do egrexio pontevedrés, protagonista no ano 2015 de moitos actos neste espléndido marco cultural e que foi amigo e admirador do gran Castelao, asimesmo atopábase presenciando o espectáculo o discípulo e continuador de Filgueira, o actual director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez. Tamén foime moi grato atoparme con algún membro do grupo de marionetas de Redondela, Tanxarina, que noutrora me asesoraran na parte de monicreques na miña publicación: Ó galego polo teatro (1996), abríndome as portas do seu obradoiro e dos seus arquivos, fornecéndome de moitos e interesantes materiais. Pois ben, xa estabamos todos, aproximadamente un cuarto de hora despois do momento previsto, comezou a función.

Todos gozamos dun magnífico espectáculo cunha excelente posta en escena, moi lograda. Os monicreques con moita perfección, moi ben deseñados, cun axeitado vestuario, moi ben caracterizados e moi ben manexados. A luz, o son, os diversos efectos estiveron extraordinarios. Gustoume especialmente a voz de D. Ramón, o fidalgo borracho, un dos personaxes máis logrados. A representación foi moi fiel ao orixinal de Castelao. Quedou moi plástica, cunha boa interpretación das cancións, como por exemplo a de Lela e cunha banda sonora moi axeitada. A parte de actores no epílogo dos esqueletes no cimeterio estivo moi acertada e os fondos de escenario e a realización escénica tamén foi do máximo agrado. Unha versión moi satisfactoria, chea de beleza e de verosimilitude. O público aplaudiu ao final a rabiar, tendo que saír varias veces a saudar os protagonistas do espectáculo: actores e manipuladores. Parabéns, noraboa  a Fantoches Baj, Compañía Galega de Comedias e grazas por esta oportunidade de gozar de Castelao, 130 anos despois do seu nacemento e 100 anos de cumplírese a súa chegada a Pontevedra en 1916 e na que permanecería ata 1936, tendo que ausentarse obrigatoriamente e abandonar o Meu Pontevedra xa saben vostedes por que.

Para rematar, lembrar que hai xa moitos anos, mediados ou finais dos sesenta do pasado século, nunhas festas de agosto de Vilagarcía de Arousa, estando na comisión organizadora das mesmas e non sei se de presidente, o lembrado Nito Campos, puiden achegarme na miña vila por primeira vez a esta simpática,  didáctica e única peza teatral de Castelao: Os vellos non deben de namorarse, que foi estreada no teatro Mayo de Bos Aires en 1941 pola compañía de Maruxa Villanueva e coa intervención dela e de Tacholas como actores, dirixidos polo popular home do teatro galego, Daniel Varela Buxán. 

Oxalá leven esta versión mixta de monicreques e actores por todos os recunchos da nosa Galicia.



No hay comentarios: