domingo, 27 de noviembre de 2016

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE CALDAS DE REIS. A BIBLIOTECA DA MIÑA INFANCIA

A Biblioteca no seu emprazamento actual, desde a década de 1970


Antiga localización da Biblioteca nos baixos do Concello


Filgueira Valverde da noticia da creación dunha biblioteca en Caldas de Reis no ano 1882, comentando que "a Dirección General de Instrucción Pública favorece as bibliotecas populares e as de sociedades, como as do Recreo de Artesanos de Pontevedra e a de Caldas de Reis". (Terceiro Adral, do Castro, 1984, p. 306).

Andado o tempo no xornal Litoral de Pontevedra, atopamos esta nova: "el 8 de diciembre de 1954 se cumple el primer aniversario de la fundación de la Biblioteca Municipal, llamada 'Manuel Martínez Ferro'". Por tanto, dita biblioteca fundóuse en 1953. (Recollida a nova en "Litoral, Año II - Núm. 107 - Pontevedra, 6-DIC.-1954 - 1 pta."). Era alcalde da vila termal naquelas datas, Clemente Viqueira Iglesias, home forte da Falanxe na vila, fora fundador do grupo cultural, folclórico e deportivo denominado Grupo Sindical de Educación y Descanso "Encantiños do Umia", chegaría a ter certa fama a súa sección de Coros e Danzas con actuacións en diversos lugares do país e tamén no estranxeiro, lembro que estiveran, entre outros sitios, en París e figuran participando na película: Más allá del Río Miño (1969). Cuxo rodaxe en Caldas fora todo un acontecemento, case sae na película todo o pobo, con Paquito Barros facendo de alcalde.

A Biblioteca Municipal de Caldas foi dirixida nos seus comezos polo intelectual, escritor e profesor galego D. Hipólito de Sá Bravo, quen tamén chegou ser por breve tempo alcalde da vila.

Dita Biblioteca Municipal trae á miña memoria ledas lembranzas da miña infancia caldense, eu debía frecuentala bastante a partires de 1967 e ata o ano 1969, a bibliotecaria era Quiquina Mosquera, a súa familia rexentaba o servizo de Telégrafos na rúa Real. Moitas veces eu ía acompañado dun amigo e colega do Colexio San Fermín dos PP. Somascos, José Antonio Búa Barreira, actualmente docente nese mesmo colexio e durante moito tempo membro distinguido do Grupo de Voluntarios de Protección Civil de Caldas. Cantas e cantas horas de lecturas naquela vetusta biblioteca, pouco frecuentada daquela, moitas tardes só José Antonio e máis eu nos atopabamos na súa sala de lectura, situada nos baixos da Casa Consistorial, no lateral contrario ao río.

Eu utilizaba moito o préstamo e descubrín alí por primeira vez os meus prezados cómics das aventuras de Tintín do belga Hergé (mágoa que os albumes estaban moi deteriorados e rotos, sen as páxinas do final; esto provocou o meu interese e andado moito tempo puiden mercalos todos e completar a súa lectura). Tamén lía con gozo As aventuras de Guillermo da editorial Molino, o Club dos Sete Secretos de Enid Blyton, tamén Heidi de Juana Spiry... Lembro que as miñas lecturas eran máis literarias e infantís pola contra José Antonio xa lía libros relacionados coa que sería a súa especialidade a Electrónica e a Electricidade, desto penso que xa teño falado noutra oportunidade.

A Biblioteca Pública de Caldas na actualidade atópase no Paseo Román López, nº 9, moi preto do fermoso parque xardín, moito máis fermoso e exhuberante nos tempos da miña infancia. A Biblioteca foi trasladada para alí na década dos 70 do pasado século, segundo nos informou a súa actual bibliotecaria, e pensa que máis concretamente debeu ser arredor de 1973. E tamén no 2003 acometeuse unha rehabilitación e ampliación.

Polo que teño lido e polas informacións que chegaron ata min o equipo responsable actual da Biblioteca caldense é un equipo moi dinámico, moi activo polas múltiples e variadas actividades que realizan, dinamizando a lectura e achegando a Biblioteca a moitos colectivos, entre eles os de centros educativos. Por todo este labor están a recibir moitos recoñecementos, entre eles, o importante premio María Moliner na súa convocatoria de 2013.

En Caldas de Reis gañeime para a lectura, primeiro, o exemplo na casa do meu querido e lembrado avó materno, Manuel. Logo pola benéfica acción neste campo dos colexios da Encarnación e de San Fermín e como non pola docencia maxistral dun mestre e director inesquecible da Graduada de Nenos de Caldas, o meu querido D. Victoriano Rosales, a quen Caldas lle debe unha homenaxe. Nesta miña afección pola lectura tamén ten boa parte de culpa a Biblioteca "Manuel Martínez Ferro", sirvan estas humildes verbas como homenaxe e tributo a esta miña primeira Biblioteca, que recordo con tanto cariño e nostalxia.

O nome da Biblioteca caldense vén dun dos seus fillos máis ilustres e doctos, o cultísimo relixioso mercedario, frei Manuel Martínez Ferro (Caldas de Reis, 28/02/1774-Écija-Sevilla, 03/06/1827). Tendes cumprida información sobre él nas seguintes reseñas:

- VV.AA.: "Martinez Ferro, Manuel" en Diccionario Enciclopédico Galego Universal. Tomo 40. Ir Indo, Vigo, 2003, p. 106.

- Vázquez Fernández, Lois: "MARTÍNEZ FERRO, Manuel" en Gran Enciclopedia Gallega. Tomo 28. Silverio Cañada, Lugo, 2003, pp. 80-81.

RECURSOS EN LIÑA:

http://www.caldasdereis.com/biblioteca_c.php

http://bibliotecadecaldasdereis.blogspot.com.es/


No hay comentarios: