lunes, 29 de mayo de 2017

Poesía, máis poesía por favor

A quen lle dedicamos este blog, o profesor e erudito Xosé Filgueira Valverde, foi un grande escritor e un exquisito poeta; por iso, moitas das entradas están relacionadas coa poesía, da que somos uns afeccionados, uns amantes incondicionais. Pois ben, na última Mesa das Verbas, na edición LXXII, Sylvie Rico agasallounos cuns versos que imos reproducir, tal como ela nolos entregou. Logo, incluiremos un poema de Aquilino Iglesia Alvariño, pertencente ao seu poemario, Cómaros Verdes (Imp. Celta de Vilagarcía, 1947), onde lle fai unha homenaxe ao poeta pontevedrés Lois Amado Carballo. E que sigan correndo os versos no ar.




LUIS AMADO CARBALLO

Él era un ledo namorado
con un nome de álbore
e unha voz verde aurora de mañá verdegada,
e altas froles finas cheas de orballo.

Un día -xa o sabedes- abríuselle no peito
unha rosa mourana.

Ancraron os seus ollos en anchos ríos quedos,
e as suas maus
foron herbiña fina ou algo así.

Desde entón xa non foi
máis que un ledo poeta da súa terra.

Unha voz de pradelas e auga nova.
Un carreiriño de ameneiros e cucos de abril.
Unha vidreira verde-rosa de menceres...

Laberca de altas terras verdegadas,
primaveira de ríos,
mañanciña de fontes
e un doce aquél de frauta e souto amigo.


(Aquilino Iglesia Alvariño)

No hay comentarios: