sábado, 24 de marzo de 2018
MEDULIO - BOLETÍN NÚM 2 DA MESA DAS VERBAS
Hoxe imos incluir o Boletín da Mesa das Verbas núm. 2, está a piques xa de aparecer impreso o nº 7, que se poñerá á venda na próxima edición da Mesa, o vindeiro sábado, 28 de abril. Grazas á venda deste humilde boletín entre os asíduos da Mesa das Verbas puidemos recadar os cartos que reverten nos premios aos literatos que participen no I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS, organizado entre o Centro Comercial Arousa e o colectivo da Mesa das Verbas. Tamén este boletín é un órgano de expresión libre para os participantes na experiencia da Mesa das Verbas, aos que desde aquí lle damos as gracias por manter viva a creación de versos e verbas, que ceibamos ao ar de Arousa.
jueves, 15 de marzo de 2018
I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS
Imaxe de Noé Parga (Faro de Vigo)
Imaxe do Diario de Arousa
I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS / 18
CONVOCADO E
ORGANIZADO POLA MESA DAS VERBAS E O CENTRO COMERCIAL AROUSA
1.- Convócase
este I CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS / 18, idea e organización da Mesa das
Verbas e do Centro Comercial Arousa co fin de promover e promocionar a creación
literaria en lingua galega.
2.- Poderá
participar neste concurso calquera persoa que o desexe que necesariamente
acepta as presentes bases, propostas polas entidades colaboradoras, así como
tamén acepta todas as decisións do xurado (que será elixido e conformado no seu
día e oportunamente) e que terá a capacidade de dirimir e interpretar todo o
concernente a este concurso e as súas decisións serán inapelables.
3.- Cada persoa
poderá presentar un máximo de tres obras, que poderán pertencer a calquera
xénero e estilo literario. A obra terá que estar escrita en idioma galego, ser
orixinal e inédita, de tema libre. Non podendo ser coñecida nin premiada en
calquera outro certame.
4.- A extensión
máxima de cada obra será dun folio por unha soa cara. No reverso do folio
figurará un número de teléfono de contacto. O folio non poderá conter ningún
sinal de identificación, tan só pola parte de atrás figurará o teléfono de
contacto.
5.- O prazo de
entrega será ata o 17/04/2018 (inclusive). As obras serán depositadas nas urnas
que se colocarán ao efecto nas dependencias do Centro Comercial Arousa.
6.- Os premios
non poderán declararse desertos.
7.- A entrega de
premios terá lugar o xoves, 17 de maio de 2018, Día das Letras Galegas, nunha
edición especial da Mesa das Verbas, a partires das 20:00 h. na sala de
xuntanzas, no 3º andar do Centro Comercial Arousa de Vilagarcía de Arousa.
8.- Os premios
serán os seguintes:
- 1º PREMIO: 90
€, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 50 €, e diploma.
- 2º PREMIO: 40
€, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 40 €, e diploma.
- 3º PREMIO: 30
€, un vale de compra do Centro Comercial Arousa por valor de 20 €, e diploma.
9.- Os autores
ceden todos os seus dereitos sobre as obras, durante o prazo dun ano a partires
da data da entrega de premios, por se as entidades convocantes tiveran a
oportunidade da publicación das obras premiadas. Transcorrido ese ano,
reverterían de novo nos seus autores.
10.- As obras
non premiadas poderán retirarse ata o 17/06/2018, acreditando debidamente ser a
autora ou autor, despois desa data serán destruídas.
11.- A
participación neste concurso implica a total e plena aceptación destas bases.
Vilagarcía
de Arousa, 17 de marzo de 2018
sábado, 10 de marzo de 2018
UN EDUCADOR E O SEU AMIGO ENTRE FLORES
Xosé Filgueira Valverde gozaba coa beleza, coa
bondade e coa Natureza
(Imaxe do despacho particular de Filgueira Valverde, flores e moreas de libros. Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra)
Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996)
estivo sempre moi interesado no traballo interdisciplinar, non era estraño, xa
que como un dos máximos representantes do Seminario
de Estudos Galegos (1923-1936), defendía e propiciaba o traballo científico
e intelectual “inter-áreas”, tal
como promovía aquela lembrada e insuperable institución galega.
Filgueira
Valverde estivo tamén moi relacionado coa Misión
Biolóxica de Galicia (1921), instalada na cidade de Pontevedra (1927), despois do seu fugaz paso pola Escola de
Veterinaria cando se atopaba instalada na cidade de Santiago de Compostela
(1921-1926). Filgueira fora nomeado vocal do Padroado da Misión Biolóxica en
1948. Desde a chegada de Antonio
Odriozola (1911-1987) a Pontevedra en 1964, axiña estableceuse unha súa mutua amizade, o bibliotecario da
Misión Biolóxica era o home que máis sabía sobre camelias, bibliografía, discografía e musicoloxía. D. Antonio
pasaba polo Museo de Pontevedra (1927; 1929)
puntualmente sobre o mediodía. Entre Filgueira e el sempre había un intercambio
de saberes, sempre a falar de libros, flores e discos; afeccións comúns moi
queridas, tamén conversaban sobre o grande Ramón
María del Valle-Inclán (1866-1936). Nunha palabra, os dous namorados da
beleza.
Filgueira
Valverde, como o educador que era,
imprimía seu afán didáctico a todos
os seus actos, é un factor común, educar dentro e fóra da cátedra.
E como hoxe
queremos darlle o protagonismo que se merece á camelia, subliñar que Filgueira
Valverde promoveu e sempre deu o seu apoio o Certame Concurso Internacional da Camelia, cuxa primeira edición
foi na cidade de Pontevedra no ano 1965,
certame que vai rotando na súa celebración entre as cidades de Pontevedra,
Vigo, e Vilagarcía. Precisamente, este ano a quenda da súa celebración
correspóndelle a Vilagarcía, a cidade
arousá organizará a LIV edición os días 10 e 11 de marzo.
Ese gusto polas
flores compróbase no feito de que Filgueira Valverde tiña sempre un búcaro con
flores no seu despacho. E na súa casa de Arcebispo Malvar, 49, abundaban
plantas e flores a carón dos libros, moreas de libros. E entre as flores, unhas
das súas preferidas, as camelias. As
flores de orixe oriental, que viñeron de alén mar para quedarse. E xa ben
aclimatadas nas nosas Rías Baixas,
poboan xardíns públicos e privados,
como os fermosos xardíns de tantos dos nosos magníficos pazos, como os de
Rubiáns, Golpelleira, de Oca, de Castrelos... e como non? nas instalacións do
antigo pazo do Arcebispo Malvar que ocupa a Misión Biolóxica de Galicia,
felizmente asentada e consolidada en Pontevedra.
É tempo de
camelias, no alén Odriozola e Filgueira han estar nun longo e inacabable
parolar, quizais co marqués de Bradomín e as súas sonatas; é fácil maxinar do
que falarán...
Xermán Manuel Torres
Suscribirse a:
Entradas (Atom)