Os parladoiros do xoves da Mesa das Verbas dan para moito, alí falamos de todo, do divino, do humano e aínda máis. De cando en vez algún, da a coñecer seus últimos poemas, comentamos sobre libros, preceptiva literaria...
E ultimamente, xuntouse ao faladoiro o pintor Estanga, que máis que falar; fai o que sabe, debuxar e fixo xa os retratos de moitos dos contertulios. Mentras dialogamos, el vai facendo seus retratos.
Pois ben, na xuntanza do xoves, 23 de agosto, ás 18:00 h. n'A Marina, Estanga púxose a debuxar como me vía e sobre as 19:15 h. rematou ese retrato co que principia esta entrada.
Os que participamos na idea da Mesa das Verbas queremos achegar a arte á xente, principalmente poesía, música, debuxo e pintura e queremos que cada un descubra o artista que leva dentro. A cultura é de todos, a cultura é do pobo; o pobo é cultura.
Estamos a argallar unha nova, sobre todo por iniciativa e coa axuda do amigo e compañeiro Xosé Ramón Quintáns, a ver se logramos o domingo, 9 de setembro, aproveitando a marea viva, facer unha visita a pé á Illa de Cortegada, onde desenvolveriamos unha xornada de convivencia poética durante doce horas, faremos recitais poéticos, cantaremos, percorridos polas zonas autorizadas, xantaremos xuntos, os máis atrevidos poderán tomar un baño e moitas cousas máis. A saída polo Carril, ás 10:00 h. e o regreso ao continente sobre as 21:00 h.
Estamos a xestionar os permisos co Concello, Illas Atlánticas e solicitando a colaboración de Protección Civil de Vilagarcía de Arousa e contaremos co asesoramento de Xosé Ramón Quintáns, quen poñerá a disposición do acto a súa embarcación.
Pensamos e queremos que sexa un acto interesante, agradable para gozar da poesía da exhuberante Natureza da nosa Ría de Arousa e da poética e histórica Illa de Cortegada, pertencente ao Parque Natural das Illas Atlánticas.
Todos os actos da Mesa das Verbas son abertos, pode participar quen así o desexe. Para a xornada de convivencia poética en Cortegada hai de prazo para inscribirse ata o 1 de setembro, facilitando á organización: nome e apelidos, nº de NIF.
O acto suspenderase se non é autorizado polas autoridades competentes e tamén no caso de mal tempo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario