LEDICIA:
ANTÓN FRAGUAS (1905-1999), AUTOR HOMENAXEADO NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS DE 2019!
O 14 DE MARZO DE 1998, ÁS 20:15 H.,
D. ANTÓN
PRONUNCIOU
UNHA CONFERENCIA NA NOSA PARROQUIA QUE VERSOU SOBRE: AS FESTAS EQUINOCIAIS
Salón de Actos da parroquia Santa
Baia de Arealonga, 14/03/1998 20:15
Imaxe obtida do Arquivo de Ondas de
Arosa
D. Antón Fraguas será
especialmente lembrado e homenaxeado no Día das Letras Galegas, no 17 de maio
de 2019. Un acto de xusto recoñecemento, pois é merecente diso e de moito máis.
D. Antón foi un dos sabios da nosa Galicia tanto pola súa exemplar e honesta
vida como pola súa importantísima obra escrita na nosa lingua. Home bo e
xeneroso, traballador, humilde; non escatimou esforzos por soerguer Galicia,
mesmo padecendo aldraxes e inxustizas pola súa defensa da lingua e da cultura
galegas. El quería unha Galicia nova, máis xusta e próspera; unha Galicia de
todos e para todos.
Home moi vinculado ao
galeguismo, membro do Seminario de Estudos Galegos, bibliotecario do Instituto
Padre Sarmiento de Estudos Galegos. Por tanto, amigo de grandes intelectuais,
artistas e políticos galegos como Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas,
Fermín Bouza Brey, Filgueira Valverde (con quen estaba especialmente unido),..
Tiven a sorte de entrar
en contacto con el e relacionarme cunha persoa tan tenra e entrañable. Na tarde
do 17 de xaneiro de 1998, gocei da fortuna de poder manter con el unha longa
conversa sobre o seu amigo, Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), quen tamén foi
distinguido coa honra de ter sido homenaxeado o Día das Letras Galegas de 2015.
Sempre lembrarei con agarimo ese noso encontro e poder gozar da hospitalidade
do seu fogar santiagués e ser obxecto de atencións tan cariñosas pola súa
parte.
D. Antón foi profesor
auxiliar da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de
Compostela sendo moi novo. Logo, durante a II República foi profesor do
Instituto da Estrada, do que chegou ser secretario. Posteriormente, exercería o
ensino privado en Santiago, para por fin lograr ser catedrático de instituto,
na especialidade de Xeografía e Historia. Foi docente, durante moitos anos e
ata a súa xubilación, no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela,
cidade moi querida para el e onde foi correspondido a ese cariño, chegando ser
moi valorado e respectado, sendo nomeado cidadán de honra de Santiago, onde se
lle dedicou unha rúa e tamén púxoselle o seu nome ao Instituto do barrio de
Fontiñas. Facíase querer, tiña un talante de bo home, cariñoso e respectuoso
con todos; exquisito no trato.
Escribiu moito, é moi
recoñecida a súa tese de doutoramento sobre o Colexio de Fonseca e destaca o
seu labor como fundador e director durante moitos anos do Museo do Pobo Galego.
O seu discípulo, colaborador no Museo e biógrafo, Clodio González Pérez,
escribiu unha magnífica biografía sobre D. Antón. Fraguas foi un experto na
Antropoloxía Cultural de Galicia, un dos nosos mellores estudosos do Folclore
de Galicia.
Na nosa parroquia,
organizamos unha conferencia, que impartiu maxistralmente o 14 de marzo de
1998 e que versou sobre: As Festas Equinociais. Con ese motivo
tivemos a oportunidade de vivir uns intres inesquecibles con el. Lembro que ao
rematar o acto que vimos de citar, trasladei no meu coche a D. Antón á súa casa
de Santiago, acompañounos na viaxe a recordada e simpática poeta arousá,
Xaquina Trillo. Que viaxe tan marabillosa! E que conversas tan interesantes
mantivemos no traxecto.
D. Antón era un home
dunha recta moral e dunha fonda relixiosidade, manifestoume que colaboraba nos
escritos en galego de Mr. D. Ángel Suquía, quen fora Arcebispo de Santiago.
Pois, si, unha homenaxe
ben merecida. A D. Antón Fraguas acáenlle ben os versos de Curros:
Ai,
dos que levan na fronte unha estrela!
Ai,
dos que levan no bico un cantar!
(Agradecemos o traballo de documentación no arquivo
de Ondas de Arosa por parte de D. Xosé Torrado Castiñeiras e de Mª del Carmen
Ameneiro Romero, que facilitou a elaboración deste artigo).
Xermán
Manuel Torres
No hay comentarios:
Publicar un comentario