sábado, 21 de septiembre de 2024

ABOUT FILGUEIRA VALVERDE - A VOLTAS CON FILGUEIRA VALVERDE

 

ESTANDO A REPENSAR A FILGUEIRA VALVERDE


Co meu querido e admirado Filgueira Valverde en 1994.

El ocupa a maior parte dos meus estudos e investigacións.


Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) veu ao mundo no seo dunha familia burguesa acomodada, seu pai Xosé María Filgueira Martínez (1871-1938), un prezado e recoñecido médico de Pontevedra, procedente dunha familia campesiña ben situada de Mourente, a súa nai Araceli Valverde Yaquero (1870-1946) nacida en Ugíjar (Granada), que veu a Galicia acompañando ao seu tío Eduardo Valverde Cazorla (1838-1895), que veu ocupar o cargo de deán da catedral de Santiago de Compostela, ela chegou a profesar nas Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl e prestou servizos no Hospital de Pontevedra onde chegaría a coñecer ao que sería seu esposo e pai do seu único fillo. Filgueira Valverde dixo que os seus pais “foron os meus primeiros e mellores mestres”. Un fogar tradicional e moi relixioso. Seu pai fixera estudos eclesiásticos antes de dedicarse á medicina, tiña, pois unha fonda cultura clásica e científica, con amplos coñecementos “do latín e algo de grego”, así como moi “sabidor das cousas da natureza”. Era un gran cazador. Súa nai ao abandonar a súa congregación relixiosa, dedicouse plenamente ao fogar e á educación do seu querido fillo. Seu padriño, o doutor César Enrique López de la Ballina (1869 -1939), querido e lembrado médico de Lérez que tamén foi subdirector do Hospital de Pontevedra e fundador da Sociedade Arqueolóxica da mesma cidade, íntimo amigo, case irmán do seu pai, tamén influíu na súa educación, fomentando o seu amor polos libros e a súa paixón pola historia. Desde a nenez, pois, foi formando unha personalidade conservadora, tradicional e moi relixiosa, debido á influencia dos seres que máis o marcaron na vida e aos que máis amou. Así mesmo, desde moi neno recibiu a influencia dos franciscanos e xesuítas de Pontevedra, cidade que tamén o educa e lle deixa unha forte pegada; sempre levou a Pontevedra na súa mente e no seu corazón, a súa cidade natal que tanto lle deu e á que tanto lle dou.

Desde os inicios da súa formación foi un extraordinario, brillante e precoz estudante e estudoso, máis inclinado aos libros que aos xogos, relacionándose axiña con persoas maiores ca el, dicía que dos maiores aprendía moito e eran as persoas que transmitían sabedoría. No Instituto de Pontevedra, o seu profesor, o seu mestre preferido e máis querido foi Antón Losada Diéguez (1884-1929), líder e promotor da Xeración Nós, confesaba el, que despois dos seus pais, Losada foi seu “mellor e máis querido mestre”. Participaba no famoso faladoiro de Losada desde os 13 anos, relacionándose con personaxes importantes da cultura galega, como seu prezado e admirado profesor de Debuxo, o grande Castelao (1886-1950), quen lle dixo a Filgueira Valverde mociño: “sé ti mesmo”. Tamén entrou en contacto con outro mestre “gratuíto” e amigo, o seu veciño Antonio Iglesias Vilarelle (1891-1971). Así mesmo, desde os seus 16 anos participaba no singular faladoiro de Casto Sampedro y Folgar  (1848-1937), o primeiro director do Museo de Pontevedra (1927, 1929), sendo Filgueira Valverde (un mociño de menos de 21 anos) o primeiro secretario técnico do Museo, formaba equipo e sería sucesor no Museo doutro dos seus queridos mestres gratuítos. Tamén por estas épocas entra en contacto e fai unha fonda amizade, que só racharía a morte, con outro dos seus mestres gratuítos pontevedreses Francisco Xavier Sánchez Cantón (1891-1971). De tales vimbios formouse o cesto, o denominador común destes grandes mestres e amigos é o seu conservadurismo e a súa catolicidade.

Con menos de 17 anos (1922), topamos a Filgueira Valverde de mozo estudante na súa queridísima Compostela, brillante alumno de Dereito e de Historia, aquí sería un dos mellores artífices e socio fundador da máis importante institución privada de carácter científico de Galicia no século XX, o inesquecible e insuperable Seminario de Estudos Galegos (12/10/1923-1936), esta iniciativa estudantil axiña conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela, co da Xeración Nós (Losada, Otero Pedrayo, Castelao, Risco, Cuevillas, Ramón Cabanillas, Xocas,...), os mozos da Xeración do Seminario son considerados os epígonos do Grupo Nós, os mozos toman a dianteira, a vangarda e son seguidos polos mestres de Nós, pola Universidade e por unha parte significativa da intelectualidade e da sociedade galega daquel tempo, mesmo os catedráticos Armando Cotarelo Valledor (1879-1950) e Salvador Cabeza de León (1864-1934) son o primeiro e o segundo presidentes do SEG. Esta rica, querida e lembrada etapa formativa acrecenta amizades e relacións para toda a vida, todos os citados, e por tan só citar a uns poucos máis, Fermín Bouza Brey (1901-1973), Antón Fraguas Fraguas (1905-1999). Compostela deixa pois unha fonda influencia na personalidade e na educación de Filgueira Valverde e outra vez predominan as ideas conservadoras e fondamente relixiosas. E Filgueira nunca renunciará a elas e sempre será fiel, coherente e consecuente con tales ideas.

No seu facer de mozo docente e de profesor e de catedrático, así como de director con longa experiencia (1928-1976) Filgueira Valverde aproveitou sabiamente os seus amplos e variados coñecementos, que o conformaron como o último gran polígrafo humanístico de Galicia. De todo isto se beneficiaron o seu alumnado e as súas familias, a propia cidade amada de Pontevedra e a non menos amada Galicia, a súa lingua e a súa cultura. Quédanos, pois a súa traxectoria vital, a súa magna obra, o seu legado.


Dedicatoria autógrafa  de XFV de Agromar (1936)


Filgueira non foi o típico sabio “pechado na súa torre de marfil”, participou en política, en distintos momentos da súa vida e en distintos cargos, para coas súas ideas e co seu bagaxe servir á súa comunidade.

Hai persoas que pretenden acaparar ou apropiarse, desde as súas posturas políticas, en exclusiva de Galicia e do seu idioma, Galicia somos todos “a xente e máis a fala”. E se nos declaramos demócratas, porque a democracia é o menos malo dos sistemas políticos, cabemos todos, debémonos respectar todos e non tratar de asimilar aos demais ás nosas propias ideas, impoñéndollas ou facéndolle renunciar ás súas. Como alguén dixo, Filgueira Valverde non era un progresista nin un revolucionario; pero non por iso debemos negar que era un home dunha sólida formación e duns enormes coñecementos, o “home que máis sabía de Galicia” e soubo servila e enriquecela. A súa Xeración, o Seminario de Estudos Galegos, a Xeración Nós foron o máis importante e imprescindible de Galicia no pasado século XX, e Filgueira Valverde estaba aí, el enche, ou axuda a encher o século XX de Galicia desde os puntos de vista cultural, educativo, científico, lingüístico; foi un dos que máis escribiu sobre Galicia e de asuntos con ela relacionados. Foi un dos “bos e xenerosos” que contribuíron ás “mil primaveras máis” para a lingua e para a cultura galegas.

Filgueira Valverde, persoa de talante conservador e moi católica (dun “catolicismo moi ben fundamentado e nada beato”, tal como nos declaraba seu fillo Fernando Filgueira Iglesias -1940-), era quen  de aceptar a persoas con ideas moi diferentes ás súas e tratar de colaborar en proxectos comúns, eran quen de integrarse en equipos de traballo moi diversos e de carácter multidisciplinar. Era un home de carácter aberto e liberal.

El, xunto con outros “irmáns” galeguistas non podía aceptar as políticas hostís de certos estamentos da II República española contra da relixión católica. El non era un revolucionario nin marxista nin fascista. Era amante da liberdade, da orde e da paz.

As absurdas loitas fratricidas, a falta de respecto cara as persoas e cara as institucións causaron nel unha fonda dor e tristura. Pódese dubidar da inmensa dor e a desacougante sensación de rotundo fracaso que sentiu polo estúpido, absurdo, arbitrario e cruel asasinato do seu amigo e “irmán” Alexandre Bóveda (1903-1936)? Ou da inquedanza, desestabilización e xenreira que lle causou a cruel persecución e lamentable e tristísimo exilio do seu mestre amigo Castelao (1886-1950) e da dor e acoso que sufriron outras moitas persoas queridas e respectadas (Otero Pedrayo,  Fermín Bouza Brey, Antón Fraguas, Isaac Díaz Pardo,...)? Todo consecuencia dunha infeliz guerra (1936-1939) e dunha miserable, arbitraria e incongruente ditadura (1939-1978). Cren que todas estas desgracias vividas polo noso país non lle pasaron factura á Filgueira Valverde e a todos os galeguistas do interior que tiveron que sobrevivir nun medio hostil que os sometía e os condenaba ao silencio e á represión. Por iso, lles custaba tanto falar destes temas da guerra e da ditadura e moitos falan dun pacto de silencio; pois, pretendían a reconciliación, o consenso e agardando a que viñeran tempos mellores e máis oportunidades para manter viva a cultura galega e tiñan arelos de volver a conseguir a liberdade, a paz, o progreso.

Filgueira Valverde tratou en todo momento ser el mesmo e non traicionou nunca os seus valores cristiáns e humanos nin tampouco foi un traidor para a causa de Galicia e dos seus amigos e mestres. Sempre que puido e tivo a oportunidade botou unha man para salvar e axudar a persoas perseguidas e reprimidas, entre algúns de moitos exemplos, as súas actuacións no caso do mestre Golmar, de Otero Pedrayo, de Celestino Noya e de tantos outros.

A gris ou negra e lamentable situación de España nun longo período de tempo (1936-1978) fixo tragar moitos sapos, moita fel, moito sangue, desgraciada e penosamente a moitas persoas, a moitos compatriotas e entre eles a Xosé Filgueira Valverde, gran profesor, inmellorable erudito e sobre todo moi boa e auténtica persoa.  




sábado, 24 de agosto de 2024

UN MEU ENCONTRO INESQUECIBLE CON ÁLVARO CUNQUEIRO

 

VEU UN MERLO MINDONIENSE CANTAR Á VILA DE DONA URRACA EN AGOSTO DE 1969

Cando don Álvaro Cunqueiro agasallou a un “botones” de 12 anos cunha historia exclusiva, alá no recibidor do Hotel Balneario Dávila da vila de Caldas de Reis en agosto de 1969


Imaxe do Faro de Vigo do que foi director

Hotel-Balneario Dávila de Caldas de Reis
Lugar dos feitos

Eu aos 12 anos, cando D. Álvaro me agasallou con máxicas verbas

Sería unha tardiña, despois do xantar que na vila de Caldas, chamada de Reis por dona Urraca e polo seu fillo Afonso VII, un cantor veu declamar na nosa doce fala e viña das terras de Miranda ou da episcopal vila de Mondoñedo, o vate tiña por nome Álvaro, da liñaxe dos Cunqueiro-Montenegro e dos Mora, sempre viviu da súa fácil e xeitosa pluma   e con aquel seu fermoso dicir, engaioloume, naquela inesquecible e calorosa tarde dun agosto do 69, mágoa que daquela eu non fun quen de libar aquel xarope de máxicas verbas e de misteriosos artificios orais, dignos do seu bo amigo, o extraordinario mago, o druídico don Merlín.

Naquel recibidor do familiar e acolledor Hotel Balneario Dávila caldense, escoitei por primeira vez, verbas que endexamais volvería a escoitar. Don Álvaro, que así lle chamaban no Hotel, ceibou, naquel ar, verbas ben fermosas, nunha historia que quedou oculta pola néboa do tempo pasado.

Pídolle a don Merlín que recupere, ao seu xeito, con todos os artificios  e mañas que estime a ben e que el coñece fondamente, aqueles marabillosos e divinos sons perdidos, as verbas que lle escaparon dos seus beizos a aquel fénix inmortal das nosas letras e que xunte e ordene as verbas que contaban unha bela historia exclusiva, só para min, un humilde cativo que traballaba de “botones” naquel querido, lembrado e familiar hoteliño.

Don Álvaro era o mago das verbas, a divina ave cantora, que eu, ao igual que un Felipe de Amancia, escoitaba abraiado e incrédulo aquel torrente de frases fermosas e enigmáticas que eu, naqueles intres únicos,  non podía apreciar nin entender axeitadamente, estaban expresadas nunha lingua próxima, mais descoñecida e aldraxada.

Que don Merlín me devolva esas verbas roubadas polo tempo e por unhas circunstancias estrañas, que as transmigre e transmute do 1969 ao 2024, que si el quere; pode, que cousas difíciles e peores ten solucionado ao longo dos tempos. Quizais agora as poida amar, entender, reverenciar.

Don Álvaro xa está no alén; pero, don Merlín todo o ha poder e traerame  o galano agasallo que don Álvaro noutrora creou para min e que agora si, sería quen de saborear e de gozar, maxia de verbas e tempo. Cando Merlín mas entregue, heivos con elas premiar.

Don Álvaro deixounos nos seus libros a alquimia, o tesouro das súas verbas; pero, as que a min me deu en agosto de 1969, ninguén volas poderá entregar; agás que don Merlín veña na miña axuda e xuntos as poidamos escoitar.

Cousas veredes!  

viernes, 9 de agosto de 2024

UN RAMO DE FLORES PARA FEDERICO GARCÍA LORCA - VILAGARCÍA DE AROUSA, AGOSTO DE 1932

 

FLORES PARA FEDERICO

 

Cando a poeta arousá Xaquina Trillo

lle entregou un ramo de flores a

Lorca en Vilagarcía, no ano 1932

 

Xermán Torres


 

Con Xaquina Trillo na presentación do meu libro

Ó GALEGO POLO TEATRO en 1996

 

Xaquina Trillo (Vilagarcía de Arousa, 1916-2004) foi unha querida e simpática amiga miña, moi galeguista ela, gábome de terme relacionado con ela e gozar da súa amizade e da súa poesía.

Xaquina fixo os seus estudos de bacharelato no moi lembrado e prezado Colexio León XIII de Vilagarcía, que foi dirixido, entre outros, por Xosé Núñez Búa (1903-1981), Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961) e Xesús Garrido Álvarez (1904-1971), os tres amigos da lectura e da escritura. O Colexio León XIII era un colexio privado asociado ao Instituto de Pontevedra, polo réxime de ensino colexiado, o seu alumnado presentábase por libre aos exames no instituto pontevedrés. Foron profesores da poeta de Arousa, como así denominaba a Xaquina Trillo, Antón Fraguas Fraguas (1905-1999), naquel lembrado colexio, Aquilino Iglesia Alvariño de Latín e Manuel Rodríguez Castelao (1905-1937) mártir inmolado no bou Eva e curmán de Castelao (1886-1950), de Debuxo.

Contaba Xaquina, que nun acto do colexio, recitou poemas de Rosalía e algún poema de seu. Estando alí a escoitala o gran Castelao, díxome ela que o insigne rianxeiro lle comentou: - Segue por aí, meniña.

Xaquina tamén me contou unha súa vivencia do ano 1932, cando, sería no mes de agosto dese ano, o poeta Federico García Lorca (1898-1936), autor dos SEIS POEMAS EN LINGUA GALEGA, visitou Vilagarcía de Arousa co grupo teatral universitario LA BARRACA para representar no que hoxe é a praza do doutor Carús, preto da praza da Peixería, teatro clásico en castelán. Nese acto de representacións teatrais, Xaquina Trillo máis dúas mozas amigas, fillas dunha muller andaluza, casada cun médico militar que facía o servizo de medicina exterior portuaria en Vilagarcía e por mandado desta señora andaluza, as súas fillas máis ela fíxéronlle entrega dun ramo de flores a Federico. Xaquina quedou fascinada do engado e do magnetismo do mal fadado poeta granadino.

Esta experiencia narrouma Xaquina a min, asunto que teño reflectido en máis dunha ocasión en diferentes foros e con distintas persoas.

Nun Congreso sobre Lorca en Galicia, celebrado os días 13, 14 e 15 de xullo de 1998, na Facultade de Filoloxía en Compostela, xa vai alá algúns aniños, dito congreso foi organizado polo eminente profesor Xesús Alonso Montero (1928), e coa participación de persoas que tiveron coñecido a Lorca en vida, entre as que se atopaban, o intelectual e profesor Antón Fraguas Fraguas; o activista cultural, escritor e editor Francisco Fernández del Riego (1913-2010) e a propia poeta Xaquina Trillo, que relatou a súa experiencia da entrega dun ramo de flores en Vilagarcía no ano 1932 ao poeta Federico García Lorca, quen nese ano percorreu Galicia coa Barraca, pasando tamén por Pontevedra.

Sería necesario consultar as hemerotecas dese ano 1932, sobre a estancia de Federico en Galicia, sei que hai algunha publicación sobre ese tema, das visitas de Lorca a Galicia, eu prometo que consultarei o xornal vilagarcián GALICIA NUEVA nos números do ano 1932 para comprobar o que di desa memorable visita do universal poeta granadino a Vilagarcía de Arousa. Quedamos emprazados e xa falaremos daquela.  

miércoles, 24 de julio de 2024

O "PAPÁN" DE XOSÉ NÚÑEZ BÚA

 

Filgueira Valverde dedícalle íntegro seu Cuarto Adral

 ao seu querido e admirado Castelao

Disque que o mestre, avogado e escritor Xosé Núñez Búa (1903-1981), intelectual galeguista exiliado en Arxentina, dicía que Castelao (1884-1950) referíase a Xosé Filgueira Valverde (1906-1996) como o “papán” e outros chamábanlle o “camaleón” e o propio Núñez Búa na súa obra Revoeira (1971) cualifica ao irmán e profesor Filgueira como “cambia chaquetas”. Ata onde eu chego, parécenme apelativos impropios ou cando menos, inxustos. Certamente, unha guerra civil, divide familias, separa amizades, causa estragos materiais, pero tamén morais e é causa de sufrimento, de dor polas inxustas arbitrariedades e pola cruenta, cruel e fratricida violencia. Produce grandes feridas moi difíciles de curar e de cicatrizar. Da lugar a resentimentos e a todo tipo de desquites, que doutro xeito e noutras circunstancias non se deran producido. O propio Castelao comentou que se chegara a encontrar con Vicente Risco (claro está, despois dos acontecementos de 1936), o primeiro que faría, sería darlle unha labazada para despois fundirse con el nunha forte aperta; un intenso abrazo foi o que Castelao lle dou a Otero Pedrayo cando se topou con el cara finais dos anos 40 do pasado século en Bos Aires, ademais das grosas bágoas que os dous amigos verteron. Esa foi a crueldade da nosa Guerra Incivil, plantou un muro infranqueable entre amigos e irmáns de outrora.

Amigos e admiradores devotos de Castelao como foron Francisco Xavier Sánchez Catón (1891-1971) e Xosé Filgueira Valverde contribuíron xenerosa e desinteresadamente á publicación, impresión e distribución da magnífica primeira edición do álbum Nós do irmán Castelao e fixeron todo o posible para manter viva a memoria do ilustre rianxeiro. Filgueira foi o artífice de que a maior parte da obra de Castelao non se dispersara nin se perdera e no Museo de Pontevedra, o Museo de Filgueira, foise gardando, almacenando dita obra e cando se produzo a oportunidade, dala a coñecer e a valorar; a maior parte da valiosa obra do rianxeiro pode hoxe contemplarse nas salas dedicadas ao querido Castelao no Museo pontevedrés, xa que o irmán Daniel manifestou o desexo de que a súa obra se conservase aí, na súa querida Pontevedra, Meu Pontevedra!

Filgueira Valverde xestionou a aportación de compensacións económicas a Virxinia Pereira Renda (1884-1969), viúva de Castelao e ás súas irmás Xosefina (1897-1974) e Tereixa (1900-2000) pola cesión e pola instalación da obra de Daniel no Museo de Pontevedra, onde hoxe no VI Edificio, chamado Castelao, podemos contemplar e gozar da súa obra.

Filgueira Valverde dedicoulle integramente o tomo IV de Adral ao seu benquerido e admirado Castelao. Sánchez Cantón e Filgueira Valverde foran dous amigos, dous irmáns pontevedreses, do ilustre e inmortal rianxeiro.

O erudito profesor Xesús Alonso Montero (1928) comentoume (12/06/2024) que Castelao salvoulle a vida a Sánchez Cantón no Madrid republicano asediado polas tropas franquistas. Á fin, Castelao, Sánchez Cantón e Filgueira tiñan sido grandes amigos que unha absurda guerra (todas as guerras son iguais de absurdas) e unha arbitraria, terrorífica e cruel ditadura separaron para sempre. Aínda que, polo menos, por parte de Filgueira Valverde, sempre houbo admiración e grande agarimo cara Castelao e a súa obra.

E consta que Filgueira Valverde foi sempre coherente e consecuente coas súas ideas e propias conviccións, tal como nos manifestaba Francisco Fernández del Riego (1913-2010) en 1998 e nese mesmo ano, Antonio Fraguas Fraguas (1905-1999) declarábanos que Filgueira Valverde “non foi traidor nunca” e sempre foi constante na súa fidelidade e no seu amor a Galicia e á lingua galega, que inspiran a súa vida e a súa magna obra, alguén chegou a dicir e a titular que Filgueira era o “home que máis sabía de Galicia”, por iso convén coñecer ben a Filgueira Valverde e non tratalo de desfigurar e dar unha imaxe falsa e interesadamente alterada e descontextualizada por prexuízos políticos e ideolóxicos. Hai que intentar aproximarse ao máximo á verdade histórica e non manipulala por conveniencias partidistas e sectarias e bendito “papán”, oxalá houbera moitos papáns como el.


miércoles, 26 de junio de 2024

FILGUEIRA VALVERDE, INCOMPRENDIDO POLITICAMENTE (1935, 1959, 1982)

 

Detalle dunha foto cedida ao autor deste artigo

por Amancio Landín Carrasco (1918-2018)

Filgueira Valverde entre Otero Pedrayo e Aquilino Iglesia Alvariño

detrás o propio Amancio Landín e Ramón Piñeiro, Marín, 19/04/1953 


É de coñecemento público e académico que a grande maioría dos compoñentes das xeracións Nós e do Seminario de Estudos Galegos, que enchen cultural e sociopoliticamente o século XX de Galicia, eran xentes de carácter conservador e moi católicas, tamén compartían esas inquedanzas ideolóxicas moitos dos compoñentes das Irmandades da Fala (1917) e os seus devanceiros do movemento rexionalista do século XIX como Alfredo Brañas (1859-1900) e Manuel Murguía (1833-1923), mesmo algúns con simpatías cara o carlismo como Antón Losada Diéguez (1884-1929). Moitos destes personaxes, puidéramos dicir galeguistas, procedían socialmente da pequena fidalguía ou das clases burguesas acomodadas. Isto non tería maior importancia se sempre se vivise nunha sociedade democrática e respectuosa coa diversidade ideolóxica e intelectual.

Pero, no noso país hai un ano de inflexión, de involución, o fatídico ano de 1936, despois do cal xa nada volvería a ser igual. Os tristes e lamentables feitos acaecidos nese ano fatal condicionarían a todo o país e a todos os seus cidadáns. O que ninguén pode negar, a pesares de todo, é que estas mulleres e homes galeguistas, das ditas xeracións, mantiveron sempre un sumo amor por Galicia e pola lingua galega, que a algúns costáronlle a vida, o exilio e grandes sufrimentos. Así como aos do exilio interior anos de silencio, e de represión brutal, os chamados “anos de chumbo”, dentro dunha moi “longa noite de pedra”.

A Filgueira Valverde (1906-1996) non lle tiveron en conta nin respectaron a súa fidelidade e a súa constancia no mantemento por sempre da súa consecuencia coas súas propias ideas, condicionadas polas súas orixes e pola educación recibida na súa familia e as influencias dos seus mestres, seus amigos e seus discípulos, evidentemente, el non era un home progresista nin un revolucionario, como argumenta o profesor e intelectual Xesús Alonso Montero (1928), nunha entrevista neste ano 2024, que pode verse en https://academia.gal , (28/11/2024).

Polas circunstancias vividas no noso país nos anos 30 do pasado século, cunha situación prebélica tanto en España como en Europa, pola loita por conseguir a hexemonía e o poder por parte do Capitalismo, Nazifascismo e Comunismo, prodúcese un conflito de clases e cadaquén defende os seus intereses e conviccións ideolóxicas, desatándose guerras, autoritarismos e crueis ditaduras. Foi o século XX, cheo de contradicións e de loitas por conquistar o dominio sobre o mundo. Nada se aprendeu, pois en pleno século XXI, perviven guerras, conflitos, totalitarismos e o rexurdir de postulados neofascistas. Por iso, non interesan a historia, a filosofía, as humanidades en xeral. Seguen “os homes máquina con corazóns de máquina” (CHAPLIN, 1940).

A Filgueira e a Vicente Risco, pero máis a Filgueira, non lle perdoaron que no ano 1935, fundasen a Dereita Galeguista (Otero Pedrayo estaba moi próximo a eles; mais, por fidelidade e profunda amizade con Castelao non abandona o Partido Galeguista). Eran os tres persoas conservadoras e moi católicas, a aprobación do artigo 26 da Constitución republicana de 1931, ademais dos ataques gratuítos, pouco prácticos e nada intelixentes ao sector católico do país, bastante numeroso e con teito electoral salientable, por parte de membros destacados da II República española, apartaron a moitos católicos do republicanismo. Eles tan pouco podían aceptar o pacto e os acordos do PG cos partidos da chamada Fronte Popular cos que concorren ás eleccións de febreiro de 1936. Para eles era algo contranatura, algo contra os seus intereses de clase. Tamén non podían asumir o ir contra dos propios acordos internos do PG, especialmente un que rexeitaba os acordos con partidos españolistas. A integración do PG na Fronte Popular foi unha cuestión de táctica electoral e de pragmatismo político, aparte da obsesión lexítima que Castelao tiña sobre a aprobación e o recoñecemento do Estatuto de Autonomía de Galicia, plesbicitado en 1936 e pola súa idea da constitución e creación dunha Confederación Ibérica, asuntos que trata na súa obra: SEMPRE EN GALIZA.

Foi unha eiva de sempre para Galicia non contar cunha dereita nacionalista, coa que si contaban Euskadi e Catalunya. Aquí ese espectro político foi ocupado por unha dereita de orixe españolista e de procedencia ditatorial. Foi, pois, un erro histórico e político non recoñecer a postura de Filgueira, Risco e Manuel Beiras (pai), entre uns poucos máis, de crear unha forza política de dereitas netamente galega, algo da que estivo privada Galicia, a pesares dos intentos en diversos momentos, intentos que nunca prosperaron.

Algúns tampouco non comprenderon nin aceptaron que Filgueira Valverde tivera sido alcalde de Pontevedra no réxime franquista (1959-1968) e que tantos desgustos e situacións desagradables lle causaron ao propio Filgueira, período que non lle gustaba lembrar. Non obstante, en palabras de Antón Fraguas (1905-1999), Filgueira foi un bo alcalde de Pontevedra. Para non estendernos noutros cargos políticos de Filgueira, simplemente dicir, cando o 25 de abril de 1996, se celebra no Concello de Pontevedra, a sesión de honores para concederlle a Filgueira Valverde o título de Fillo Predilecto da súa cidade natal co voto afirmativo de todas as forzas políticas representadas no mesmo, agás a abstención do BNG, xustificando a súa postura, por entre outras cousas, atribuírlle errónea e infudadamente a Filgueira o ter traído a fábrica de Celulosas para a Ría de Pontevedra, cando foi unha decisión tomada anteriormente a el e ordenada desde o estamento gobernamental estatal, por medio do Instituto Nacional de Industria (INI), que podían facer as autoridades locais e provinciais diante dunha decisión do Goberno do Estado franquista? Non tiñan ningunha competencia nin nada que pintar.

E grazas a acción de Filgueira apoiada por outro pontevedrés Francisco Xavier Sánchez Cantón podemos contemplar hoxe o casco vello e histórico de Pontevedra.

O galeguismo interior na época franquista optou por ir introducindo e preservando o que se podía en cada momento por medio da política e do activismo de carácter cultural. E todos os seus homes e mulleres destacaron polo seu amor a Galicia, a defensa do idioma galego e da cultura galega.

Ninguén discute a talla intelectual de Filgueira, que foi un sabio de Galicia que nos legou a súa extraordinaria acción docente e a súa magna obra. Compre achegarse ao seu legado de consulta pública no magnífico Museo de Pontevedra, de obrigadas visitas,  e que el axudou, en grande medida, a construír e a que chegara a ser o que hoxe é, un dos Museos máis importantes de España. A figuras como Filgueira e á nosa historia hai que achegarse con rigor, con datos, con documentos deixando de lado os sectarismos e as visións “sesgadas” e cheas de prexuízos sen fundamento e estes estudos poden chegar a ser unha cuestión apaixonante. Quizais moitos, por prexuízos e por certas falsas lendas, ademais de mala fe sobre Filgueira desexan desacreditalo e minusvaloralo (sobre todo no ámbito político), como é posible que non haxa máis estudos e máis bibliografía sobre Filgueira? Noutros lugares, sería unha figura de constantes referencias e de máximo aprecio, que lamentablemente na nosa Galicia, moitos desexan relegalo ao máximo ostracismo por intereses espurios.  

Animo á mocidade investigadora e a todos os que se senten galegos para que coñezan a nosa historia e para que revaloricemos o noso. A cultura e o amor a Galicia é cousa de todos.     


viernes, 24 de mayo de 2024

 

ARS LOQUENDI

Retórica e argumentación humanas

Non se abaten ás persoas, rebátense as ideas

Por Xermán Torres


 

Con Filgueira e Xaquina Trillo nunha conferencia, nov-1994


A arte da palabra é unha cuestión que nos fai humanos. Sempre debemos sumo respecto ás persoas. Debemos tratar con corrección e cortesía aos demais; non se debe permitir nin aceptar ningunha clase de violencia, mesmo é rexeitable a violencia verbal. Convén no discurso a mesura, o equilibrio, a harmonía.

As ideas e as propostas acéptanse ou rexéitanse baixo argumentación razoada; o diálogo, o debate, o confrontar ideas é importante, supón un avance, é signo de intelixencia; pero, hai que saber debater.

A utilización de fina ironía, do humor elegante, do discurso intelixente, culto que refuga do insulto gratuíto, da vulgaridade, da utilización dos lugares comúns, da monotonía, do chiste fácil e degradante, vulgar e insolente. Sen berros, sen xesticulacións e dramatizacións excesivas e fóra de lugar.

A arte da oratoria apréndese co bo exercicio, co seguimento de axeitados modelos. Temos o espello no que mirarnos no mundo clásico e no exemplo dos grandes oradores da historia.

O nobre arte da política, que debera ser nobre, máis nobre en canto o respecto e a honradez cara os demais, fuxindo e rexeitando da mentira e das descualificacións tramposas, falsas e manipuladoras. Tratando de evitar a demagoxia e o populismo, intentando ser francos, honestos e sinceros cos demais. Non hai porque rexeitar ou menosprezar á política, a fin e ao cabo, que é política?: Toda relación humana, a vida na familia, nos postos de estudo e de traballo, a vida social e societaria, xa dicía Aristóteles (384-322 a. C.) que o home é un animal político, social; aínda que, ás veces, a inercia social, os intereses, o diñeiro, o egoísmo e a avaricia perverten ao home e chegamos a ter en consideración o aserto de Rousseau (1712-1778) “o home é bo por natureza, mais a sociedade pervérteo”. Hai que superar e evitar esas perversións; o natural e o desexable no home é a relación social e nela non debemos refugar o debate e o contraste de ideas, sempre feitos cun exquisito respecto cara os demais.

Deberamos ensinarlles aos máis novos a desenvolverse na ágora, no foro, na praza pública, no adro e a utilizar con intelixencia e enxeño a retórica, a oratoria, a arte de falar e de falar en público sabendo argumentar e razoar axeitadamente, con propiedade, con cultura, sabendo o que se di e por que se di. (“No hablar a tontas y a locas”). É moi beneficioso desde cativos ler e falar en público,  aprender a desenvolverse con soltura e a expresarse con enxeño, intelixencia cara un público, cara os demais; isto contribúe a facernos máis humanos.

Non estamos feitos para estar sos, aínda que momentos de soidade son precisos e ás veces é bo “apartarse del mundanal ruído” para pensar, para reflexionar, para ler e escribir; para adquirir sabedoría e sensatez. Intres de silencio e recollemento, nun mundo con tanto balbordo, son imprescindibles para unha boa saúde. Neste punto, reflexionemos sobre este dito italiano: “Pensa moito, fala pouco e escribe menos”. Falar o xusto, con medida e que o “teu si sexa si e o teu non sexa non”.

A palabra, o logos, o social, a política son elementos característicos do noso ser humanos; da nosa humanidade. E sen perder nunca de vista esta sabia indicación: “o que queiras para ti, quéreo para os demais”.


martes, 14 de mayo de 2024

UN DÍA INESQUECIBLE, 14-05-2024 11:00


Dr. Cid, Dr. Sotelino, Dr. Torres, Dr. Escolano, Dra. Míguez

 Despois de tantos anos, desde o ano 1998, que comecei os meus estudos e investigacións sobre os aspectos referidos á educación e á cultura do profesor, "vello profesor" e sabio profesor Xosé Filgueira Valverde, hoxe, no Salón de Graos "Vicente Risco" da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus Auga - As Lagoas da Universidade de Vigo, na cidade de Ourense, procedín a dar cumio ao meu traballo coa defensa da miña tese de doutoramento:

XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, UNHA TRAXECTORIA COMO EDUCADOR (1939-1996)


Dirixida polo Sr. Dr. D. Xosé Manuel Cid Fernández e actuando no tribunal:

PRESIDENTE: Sr. Dr. D. Agustín Escolano Benito

SECRETARIA: Sra. Dra. Dna. Carla María Míguez Álvarez (Uvigo)

VOGAL: Sr. Dr. D. Alexandre Sotelino Losada (USC)

Agradezo moi especialmente o acompañamento neste acto á miña familia: á miña dona Carmen, ao meu fillo Germán Jesús, á miña filla Marta, á miña nora Dayana e á miña netiña Ainara Valentina, sentín moito a ausencia por motivos de traballo da miña filla María, xa Dra. en Bioloxía, a primeira doutora da miña familia; agora somos dous, se exceptuamos á miña curmá Marina, tamén doutora en Bioloxía; entón seriamos tres.

Aos membros da miña querida familia Filgueira, moi ben representados por Fernando e Silvia e por Xacobe Medina Dacasa.

Aos meus queridos amigos, os Luíses González; Bravo e de la Ballina.

Aos meus compañeiros de Facultade Alicia e Jairo e ao meu admirado Dr. D. Antón Costa.


A todos moitas grazas por bridarme a súa compaña neste día tan especial para mín.


REPORTAXE EN IMAXES

  Fernando Filgueira, Cid, Sotelino,Torres, Escolano, Míguez, Sánchez

                                    Germán Jesús, Dayana, Ainara, Carmen, Marta





Os dous Luíses con Xermán


                                 O TRIBUNAL: Dr. Sotelino, Dr. Escolano, Dra. Míguez

TRES AMIGOS


VÍDEO CLIPS







MOITAS GRAZAS E LEMBRANZA AGARIMOSA E NOSTÁLXICA AO SR. DR. D. XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, QUE FOI OBXECTO DA NOSA ATENCIÓN


SEMPRE APRENDO!!!