lunes, 21 de julio de 2025

SEMPER DOCUIT, sempre mestre

 

 
                                   ALUMNADO DO CEIP O PIÑEIRIÑO DE VILAGARCÍA

DE 1º DE ED. PRIMARIA - CURSO 1992/1993


Nesta foto, que penso datada no curso 92-93 do pasado século XX aparezo acompañado por nenos e nenas, que foron parte doutros moitos alumnos do meu querido colexio de toda a vida, o lembrado e inesquecible colexio O PIÑEIRIÑO e cunha ex alumna que daquela era unha docente en prácticas, que eu titorizaba, a mestra Maite Tourís.

Esta fermosa fotografía, que tan boas lembranzas me trae, dame pe para facer unhas reflexións como educador galego e sobre certas ideas que substentaron o meu labor pedagóxico durante tantos anos de exercicio docente. Isto aínda me axuda a seguir a repensar a educación e o ser e estar como mestre. A función docente debera ser útil para propiciar benestar persoal, social; en definitiva saúde para o alumnado, para as comunidades educativas; para a sociedade no seu conxunto.

Manifestar que sempre me gustou moito a Educación Infantil (3-6 anos) e o chamado, nalgún momento, primeiro ciclo de Educación Primaria (6-7 anos), porque trátase de tramos educativos nos que as crianzas posúen unha grande capacidade de aprendizaxe e en termos xerais os nenos e as nenas destas idades son máis receptivos e agarimosos. Tamén eran moi prezadas para min estas etapas educativas porque nelas é cando se producen as actividades pre-lectoras/escritoras e cando as mentes poden eclosionar e seres quen de aprender a ler e a escibir. Momentos marabillosos desde o punto de vista pedagóxico. Por iso, apreciaba eu tanto estas etapas educativas.

Para o proceso de ensino-aprendizaxe da lectura e da escritura eu partía dun método global, que tiña en conta unha palabra clave e unha pequena frase. Tentando do mesmo xeito, un proceso de ensino-aprendizaxe siginificativo. Aproximándose á zona de desenvolvemento próximo do alumno, tal como indicaba o psicólogo e pedagogo ruso Vigotsky (1896-1934), moi prezado no ámbito occidental a partires dos anos 60, do pasado século XX.

Para lembrar o que eu facía no proceso do ensino-aprendizaxe da lectura e da escritura e por se a alguén lle pode ser útil, vou describir, algunha das experiencias que eu realizaba co meu alumnado:

- Utilizaba láminas-murais coa palabra clave e coa pequena frase e que ía colocando acumulativamente nas paredes da clase e ía presentando a palabra e a frase por medio de cantigas, poemas, adiviñas, contos, fábulas, pequenas montaxes de monicreques, obradoiros de mimo,...

- Confeccionaba con esas palabras dominós, xogos de barallas para reforzar os coñecementos e destrezas con xogos, xogos cooperativos, fomentando a creatividade do alumnado e o gusto artístico, literario, estético e cultural.


Utilizaba moito o fermosísimo poemario para os nenos e as nenas galegos de Manuel María, o poeta da Terra Chá, trátase para min dun libro moi prezado: OS SOÑOS NA GAIOLA.
Procuraba un ensino activo, significativo, creativo; onde o centro era o neno.

Para o cáculo seguía as técnicas Freinet, no seu concepto de cálculo vivo e tamén utilizaba as regretas Cuisenaire e os bloques lóxicos. 
E dentro da filosofía e dos plantexamentos de Célestin Freinet usaba a súa técnica de imprenta escolar, adaptándoa a época do ordenador e das impresoras electrónicas. O meu alumnado compoñía as súas revistas por medio dos textos vivos que redactaban e logo intercambiaban con outras clases. Adaptábamos esa técnica na época dos procesadores de texto, dos ordenadores e das impresoras.
Hai unha película moi fermosa dun mestre represaliado na Guerra Civil (1936-1939), que utilizaba dita técnica.




Vou concretar un pouco máis o que faciamos:

CARACOL


- Liamos diversos textos nos que os protagonistas foran caracois no libro xa citado de Manuel María, contáballes a fábula da carreira dos dous caracois, faciamos monicreques, representabamos pequenas pezas nos que os bonecos eran os caracois, faciamos mimo imitando a marcha lenta dos caracois, comparándoa coa de outros animais. Tratabamos o tema do caracol dun xeito inter e multidisciplinar, interactuando as distintas áreas de estudio.

- Aprendiamos a canción de Suso Vaamonde do seu disco OS SOÑOS NA GAIOLA, neste microvídeo unha versión escolar:



- Poñíase nun mural o poema de Manuel María: CARACOL
- O alumnado facía debuxos
- Lían e escribían a palabra-frase
- Facíanse caracois de plastilina e de distintos materiais.
- Preparabamos unha carreira de caracois de verdade
- Confeccionabase unha páxina de revista da clase
- Facíase unha investigación de ciencias naturais sobre o caracol.

(O tema era unha unidade didáctica, que se desenvolvía alomenos en dúas semanas, logo sempre facían repasos e íamos cara atrás e cara adiante para apousentar e fixar os coñecementos e habilidades adquiridos).

Eu intentaba interesar, motivar aos nenos, manter neles a curiosidade e manter as ansias de aprender, de saber, de descubrir o mundo, de coñecer a nosa cultura e tamén tratar de implicar nas tarefas escolares e na vida do colexio aos pais, ás familias. Partíamos dos centros de interese dos nenos, e facíamos revisións e avaliacións ao longo do proceso para intentar ver se respondiamos as inquedanzas dos nenos e mantiñamos a súa motivación e o seu interese. Procurábase un ensino atraente, que fora significativo para eles e respondese ás súas características psicolóxicas. Tratábase de lograr a súa implicación, contando coa súa participación e as súas opinións, o importante, o centro era a persoa do neno.

Que engaiolante pode ser aprender e aprender a ler e a escribir; porque a EDUCACIÓN AGOCHA UN TESOURO, que temos que descubrir crianzas, familias, profesorado, comunidades escolares.

E grazas a todos os meus ex alumnos e ex alumnas cos que aprendín tanto. E como dicía o meu querido e sabio profesor Xosé Filgueira Valverde: SEMPRE APRENDO!!!






No hay comentarios: