sábado, 26 de julio de 2025

A DANZA DE CARRIL

 


Un ano máis presenciei, o día do Apóstolo Santiago (25/08/2025  c. 19:30), a chamada Farsa, a Danza das Espadas de Carril, unha danza gremial, danza branca que se representa no pobo de Carril, unha vez que sae a procesión desde a parroquia de Santiago Apóstolo, e que está documentada desde o século XVII, pero quizais a orixe sexa anterior. Sobre este asunto ten amplamente escrito o meu querido amigo e compañeiro, o etnógrafo e folclorista, Xosé Carlos Rey Cebral.

Danzas gremiais moi semellantes, dentro das danzas brancas, aínda se representan, entre outros sitios, en Covas, Redondela, Marín.

A Farsa de Carril moi ligada ao pobo e mantida polo gremio, pola Confraría de Pescadores. É unha danza moi popular, querida e recoñecida. Alédome que se manteña a tradición e tamén da recente incorporación das mulleres á mesma. Isto doulle enerxía e novos pulos a esta antiga tradición cultural e tamén é unha felicidade ver a tantas crianzas e mozos participar na mesma, o que asegura a súa permanencia e a súa conservación. Parabéns ao pobo de Carril tan celoso de preservar as súas señas de identidade e invitar as autoridades e estamentos administrativos e políticos para que fagan todo o posible por axudar, motivar e incentivar a que esta fermosa tradición non se perda.

Nós, xa vai anos que lle temos dedicado atención a este tema desde aquí. Agora ofrecemos unha reportaxe videográfica coa Farsa das Espadas deste ano 2025.






E ata outra millorada, queridas amigas e amigos. A desfrutar do festeiro verán da Nosa Terra.

Viva Galicia, Terra Nosa!











No hay comentarios: