Mostrando entradas con la etiqueta Día das Letras Galegas 2014. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día das Letras Galegas 2014. Mostrar todas las entradas

domingo, 18 de mayo de 2014

XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO, POETA DA CALIDADE



Ao parecer a Real Academia Galega recibiu parabéns por ter escollido para o presente Día das Letras Galegas 2014 ao poeta chairego, Xosé Mª Díaz Castro. En galego a súa obra poética publicada era pouca en cantidade, a penas os trinta e dous poemas de NIMBOS e algúns poemas publicados en revistas como ALBA e DORNA ou na prensa escrita. Pero, legounos moitos máis poemas, sobre uns douscentos, que permaneceron moito tempo inéditos ou pouco coñecidos polo gran público. A histórica editoral GALAXIA vén de facer un esforzo editorial e un novo servicio á nosa cultura ao reeditar NIMBOS e ao ofrecernos a poética completa en galego do noso autor. O Día das Letras ademais de homenaxear é unha oportunidade para descubrir ou redescubrir valores literarios que pasarían despercibidos para a maioría dos galegos.

Díaz Castro ten tamén unha obra considerable en castelán e noutros idiomas. A súa formación políglota levouno a facer versións ao galego e ao castelán de obras de grandes autores europeos.

Imos reproducir un seu poema no que canta a súa terra, a TERRA CHÁ, na que se lembra do seu amigo e tamén gran poeta chairego, MANUEL MARÍA:

Vaise arrastrando a aurora
sobór da Terra Chá;
dous tordos invisibles
están chía que chía;
unha manta de néboa
quer afogar o día;
van caendo despidas,
unha que outra mazá;
nun mar de terra verde
anégase a mañá,
e céibanse a voar,
tras dunha noite fría,
cheos de orballo, os versos
do gran MANUEL MARÍA...

(Obtido de: Xosé María Díaz Castro, poesía galega completa. Edición de Armando Requeixo. GALAXIA, Vigo, 2014, p. 140).

O noso amigo, Xosé Castro Ratón, vén de publicar en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia un seu libro (do que ofrecemos portada e dedicatoria en dúas imaxes), que é unha aportación bibliográfica que completa o perfil vital do autor de NIMBOS e analiza as súas distintas etapas creativas.

Agradecemos a agarimosa e inmerecida dedicatoria e desexamos con Xosé Castro e en palabras de Cunqueiro: MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA.