miércoles, 28 de enero de 2009

FILGUEIRA, CALDAS DE REIS E OUTRAS HISTORIAS







(Imaxes do coroamento do antigo baldaquino do XV-XVI, conservado na igrexa románica de Santa María de Caldas de Reis)



Ben sabido é que Filgueira Valverde era un gran viaxeiro, era un home que tiña unha grande mobilidade, aínda que non era conductor. Utilizou con moita frecuencia o servicio de taxis. Neste medio percorreu Galicia enteira. Comentábanos D. Antón Fraguas que pronunciou conferencias en tódolos concellos da nosa amada Galicia, neste cometido un gran amigo e auxiliar seu foi D. Severino Buceta Fontenla, do que nos congratulamos ser amigo e compartir a admiración sobre o ilustre pontevedrés.
Pois ben, Filgueira pronunciou algunha que outra conferencia en Caldas de Reis e dedicoulle a esta querida vila algúns artigos nos seus Adrais. Filgueira estudou e revalorizou as pezas do baldaquino da parroquia de Santa María de Caldas, que como escribe D. Xosé, constitúen unha “xurdia mostra do arte dos nosos canteiros de fins do século XV ou comenzos do XVI”. Estas valiosas pezas estaban abandonadas e descoidadas, situadas nun lugar indigno, preto duns valados exteriores á importante igrexa románica de Santa María de Caldas de Reis. Sendo D. Marcelino Torres Villar párroco de dita freguesía, alá polos anos sesenta do pasado século, Filgueira fíxolle ver a este crego, que na década dos trinta estivera destinado en Pontevedra e fora profesor dunha famosa academia e do instituto, que eses restos arquitectónicos e monumentais había que poñelos en valor e buscar un lugar máis axeitado para a súa ubicación, cousa que D. Marcelino comprendeu, recoñeceu e intentou resolver de bo grao. Ese coroamento do antigo baldaquino pétreo do Renacemento, segundo a opinión de Filgueira reflectían aspectos da conquista de América por parte de Cristobo Colón, dicía que “mesmo, poidera ser unha das primeiras figuracións da xesta colombina”.

O DR. SANTOS JUNIOR

O Dr. José R. Joaquín dos Santos Junior, gran investigador portugués e amigo de Filgueira, estivo sempre moi vinculado a Galicia e as súas institucións culturais. Durante moitos anos visitaba tódolos veráns a Nosa Terra. Eu tiven a sorte de coñecelo entre os anos 1968 e 1969, eu era case un neno e non podía darme conta, naquel intre, da valía da persoa coa que entraba en contacto. Coñecinno no Hotel-Balneario Dávila de Caldas de Reis, onde el viña toma-las augas termais, que tiña en grande estima, incluso nas instalacións do balneario hai uns mosaicos feitos por el (segundo é costume en Portugal) con poemas e palabras moi eloxiosas das milagreiras augas termais caldenses.
Aínda me lembro con simpatía da gracia que me facía o seu coche, un “escaravello”, un Volkswagen que tiña uns intermitentes dos que sobresaían unhas pezas que se estendían e repregaban para facer ben visibles os sinais de intermitencia. Recordo que fun facendo de guía para levalo a unha panadería que facía uns boliños de manteiga moi ricos que se atopaba no barrio caldense da Canle, era moi curioso aquel coche e os seus donos eran moi agradables, así como moi simpáticos e amables, o Dr. Santos Junior estaba acompañado pola súa dona.
Unha das primeiras cousas que facía o sabio portugués ao chegares a Galicia era parar en Pontevedra para saudar a Filgueira e visitar o Museo. Dicía o pontevedrés sobre Santos Junior, que veu moitos anos “a descansar traballando a Caldas de Reis. Tan puntual e metódico que, no Museo de Pontevedra, xa sabiamos a data e a hora da súa chegada, sempre con libros para a Biblioteca e con galanos para os amigos”.
Seguía a decir Filgueira que o ilustre lusitano engadía a “Arte de ser portugués”, a de “ser galego”. Adicáballe Filgueira verbas moi agarimosas, ben se notaba que eran amigos e colaboradores.
Lembrando todo isto, fago memoria dos anos felices da infancia vividos na inesquecible e fermosa vila de Caldas de Reis, onde tiven a honra de coñecer a grandes personaxes; Filgueira estudando o baldaquino de Santa María e as visitas ao Hotel-Balneario Dávila por parte do Dr. Santos Junior.

Recomendamos a lectura dos seguintes artigos publicados por Xosé Fernando Filgueira Valverde:

- “Un recordo das navegacións en Caldas”. ADRAL (1979), pp. 263-266.

- “O milagre de Caldas”. SEGUNDO ADRAL (1981), pp. 144-146.

- “Dos eloxios académicos do Dr. Santos Junior, e no coloquio ‘Gallaecia’”. VI-ADRAL (1990), pp. 303-305.

No hay comentarios: