XESÚS ALONSO MONTERO DIANTE DOS FEITOS DE 1936 COMPRENDE
A FILGUEIRA
O luns 27 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos
do VI edificio do Museo de Pontevedra asistín á presentación do libro de Xesús
Alonso Montero: Xosé Filgueira Valverde.
Biografía intelectual, publicado por Xerais e no que o profesor Alonso
Montero manifesta a grandeza da vida e da obra filgueirianas e da súa
repercusión positiva na nosa cultura, trátase dunha valoración entusiasta e dun
alegato da figura do pontevedrés frente a polémica desatada pola dedicación do
Día das Letras Galegas como homenaxe ao seu labor literario e erudito, Alonso
comprométese na súa defensa argumentada obxectivamente.
Presisdiu a Mesa a deputada provincial de Cultura,
Ana Isabel Vázquez, acompañada ademais de polo autor, por Xosé Fernando
Filgueira Iglesias, fillo do biografiado e presidente da súa Fundación, Xosé
Carlos Valle Pérez, director do Museo e discípulo de Filgueira e o Sr. Bragado,
editor. Da moi interesante e longa intervención de D. Xesús, fixareime en dúas
datas, 1936 e 1942 ás que fixo especial referencia.
Primeiro, todo historiador ten que ter en conta a
análise do contexto e das circunstancias históricas nas que se producen os
feitos e se desenvolven as vidas das persoas. Na liña da exposición de Alonso
Montero, poderiamos preguntarnos a altura de 1936:
Quen é o heroe que arrisca a vida e a facenda
diante da guerra e da ditadura? “Eu fun catedrático na época de Franco como
Filgueira foi alcalde na época de Franco”. Filgueira de 1936 ata ben entrados
os anos corenta amósase moi prudente e
cauteloso. “Sabía que a historia ía para longo e nunca choveu que non
arraiara”. “Filgueira era un posibilista”. Sabía agardar por situacións
mellores e máis favorables.
A guerra e os primeiros anos da postguerra foron
terribles. Empezan outros aires e modos cando se albisca a derrota dos países
do Eixo e os Estados Unidos pasa a ter un papel moi preponderante no escenario
da política internacional.
“A violencia é o fracaso da palabra. É bo
polemizar, pero non cair na descalificación gratuita e nas aseveracións sen
probas nin datos obxectivos. Temos a sorte de que o Día das Letras Galegas
festexamos ás palabras. O fracaso das palabras dalle paso á violencia”.
“Ramón Piñeiro diante da inhumanidade da guerra cae
na depresión da que o salva o seu capitán, Antonio Rosón, quen o axudaría máis
veces, como por exemplo na reducción da pena cando foi condeado e Piñeiro pasaría na cadea desde 1946 a 1949”. Logo sigue a minar
desde dentro o franquismo”.
“Desde dentro pódese erosionar o franquismo, tal
como fixeron, entre outros, Piñeiro e Filgueira, por eso podemos considerar a
Filgueira un quintocolumnista. Está
en desacordo co réxime, non nos aspectos relixiosos. Filgueira atópase igual
que en 1935, a
favor do galeguismo e da República e en contra do Frente Popular. Por eso, en
certo modo era quintocolumnista, erosionaba a ditadura con prudencia e
sagacidade. Dinamita desde dentro con prudencia e sen suicidios innecesarios”.
Piñeiro acolle como un fito para a cultura galega
a edición e publicación en 1942 do Cancioneiro musical de Casto Sampedro y
Folgar rescatado por Filgueira, “quen se atopou cunha morea de fichas de
Sampedro que ordenou e sistematizou”. É unha obra importante desde o punto de
vista da literatura, da música e do folclore. Filgueira elabora unha
importantísima introducción, inclúe notas e aparato crítico así como a
bibliografía. Constitúe unha obra valiosa e unha positiva aportación para a
nosa cultura. Filgueira era deudor do estilo do Seminario de Estudos Galegos,
nótase na súa metodoloxía científica, na interdisciplinariedade e no compromiso
co país.
Nos anos corenta e cincuenta Galicia é un ermo
cultural. Piñeiro dase conta de que calquera cousa que se fixese a prol da
cultura galega, ben feito estaba. Por eso aplaude en 1942 a aparición do
Cancioneiro. Como aplaudirá, desde a revista Grial, en 1970 a intervención de
Filgueira Valverde nas Cortes Españolas e invocando a Sarmiento para introducir
no sistema educativo a utilización e estudio da lingua galega.
D. Xesús di que sería conveniente estudiar a
relación entre Filgueira Valverde e Ramón Piñeiro, traballando, por exemplo, no
seu epistolario. Comenta D. Xesús que cando teña tempo adicarase a ese labor.
Logo de recibir os merecidos aplausos pola súa
extraordinaria disertación, D. Xesús firmou exemplares desta súa obra dedicada
a Xosé Filgueira Valverde, de quen festexamos os milleiros e milleiros de
palabras que escribiu e pronunciou en tantas conferencias e actos ao longo da
súa extensa e fructífera vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario