Os meus alumnos de aqueles tempos aínda lembran, porque mo teñen dito recentemente, que nas clases de Galego eu poñíalle a música de Amancio Prada, cantando a Rosalía e a Cunqueiro, así como o mítico disco de Luis Emilio Batallán AÍ VÉN O MAIO, tamén a música de Milladoiro, a de Suso Vahamonde, Fuxan os Ventos,... Faciamos montaxes de diapositivas con acetatos e papel cebola, traballabamos na confección de cómics, por certo, había algúns alumnos que eran verdadeiros artistas neste tema.
Tamén gardo con especial agarimo a constitución do grupo de teatro BRÉTEMA. Preparamos a obra de Blanco Amor, A TÍA LAMBIDA, con dita montaxe teatral gañamos o I Premio e o Premio a mellor actriz, no certame de Teatro Infantil e Xuvenil do Concello de Vilagarcía de Arousa. Co recadado no premio fixemos unha inesquecible viaxe cultural a Santiago de Compostela, trasladámonos en tren, o que lle deu un ton especial á viaxe, visitamos, entre outras cousas, a torre de control do aeroporto de Lavacolla, xantamos nun restaurante moi adaptado ao gusto daqueles mociños e mociñas. Grazas a esa experiencia teatral pasámolo moi ben e tivemos intres dunha especial e positiva convivencia, como o da viaxe da que falabamos.
Outra actividade que lembro dun xeito especial era a da proxección de películas en Súper-8 Sonoro nas clases do Departamento de Relixión, coa miña compañeira programabamos as películas, eu facía o pedido a Claret Films de Bilbao e recollía e devolvía os rollos das películas no despacho de paquetería da Estación de Renfe da nosa cidade.
Foron dous cursos que non esquecerei nunca, todos alí foron moi cariñosos e agarimosos conmigo. Moitos dos alumnos/as, homes e mulleres hoxe, aínda me saúdan e xuntos lembramos aqueles tempos idos, tempos da E.X.B. Como anécdota, fun mestre dalgúns fillos/as daqueles ex alumnos/as de finais dos anos 80 do pasado século. Xesús, como pasa o tempo!
No hay comentarios:
Publicar un comentario