Na miña visita do pasado 16/07/2025, ao fondo O TESOURO de Asorey
Pode dicirse con toda exactitud e propiedade que o Museo de Pontevedra é o Museo de Filgueira Valverde, el configurou e marcou a traxectoria desta grande institución da cidade e da provincia de Pontevedra. Non esquecemos o gran e exemplar labor do director antecesor Casto Sampedro y Folgar, mestre de Filgueira e do director sucesor Xosé Carlos Valle Pérez, discípulo de Filgueira.
E falando de mestres e discípulos, temos que dicir que un mestre remoto de Xosé Filgueira Valverde, por el recoñecido e por el admirado e querido é frei Martín Sarmiento (1695-1772), monxe bieito ilustrado, precursor dos estudos galegos e defensor da lingua galega e de Galicia. Sobre o que Filgueira ten escrito a súa biografía e publicado un epistolario en colaboración con María Xesús Fortes Alén como editora no Consello da Cultura Galega. María Xesús, outra muller importante do Museo, a súa arquiveira por antonomasia e estreita colaboradora de Filgueira Valverde, así como unha das persoas que mellor coñecen á persoa e á obra de Filgueira Valverde.
Sarmiento é unha das especialidades de Filgueira Valverde
(Busto custodiado e exposto no Museo de Pontevedra)
Loxicamente no Museo de Pontevedra non poden faltar referencias e moitos documentos sobre Frei Martín Sarmiento, o Museo de Filgueira é o lugar idóneo para indagar e investigar sobre o sabio bieito e sobre o non menos sabio e compañeiro del, o padre Feixoo, outro gran erudito ilustrado do XVII-XVIII.
Óleo tamén conservado e exposto no Museo de Pontevedra
Na serie de Filgueira Valverde, Pontevedreses Universales, editada e publicada pola Deputación Provincial de Pontevedra (institución clave para o Museo de Pontevedra) Filgueira tense dedicado a Sarmiento e a súa estirpe, o seu apelido, a súa historia. Era un tema querido e recurrente do sabio polígrafo pontevedrés. Persoa digna do noso agradecemento polo seu legado e que debera ser obxecto de estudo e de investigacións. Ánimamos ás novas xeracións de investigadores a que teñan en conta a miña proposta e que superen os prexuízos e a negativa e inxusta lenda creada con mala fe e con pouco rigor científico sobre unha figura tan insigne da nosa cultura como é o profesor Xosé Filgueira Valverde.
No hay comentarios:
Publicar un comentario