miércoles, 7 de enero de 2009

FILGUEIRA E CASTELAO




(Nas imaxes, monumento a Castelao no lampán dos xudeos en Pontevedra, nun detalle captado pola miña cámara, e autocaricatura do rianxeiro, reproducida na Gran Enciclopedia Gallega)


Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950) chega a Pontevedra en 1916 como funcionario de Estatística, o que compaxinará con múltiples e variadas actividades (profesor auxiliar de Debuxo no instituto e na Normal, membro fundador da Coral Polifónica, membro do Patronato e fundador do Museo, participante no grupo Karepas,…), aquí en Pontevedra madura como artista (escritor, pintor, debuxante, caricaturista, escenógrafo,…), participa moi activamente na vida social e política (tertulias, activista do Partido Galeguista,…). Son vinte anos en Pontevedra (1916-1936) de vida fecunda que non olvidará endexamais e que lembrará con nostalxia e saudade no seu exilio bonaerense, onde escribirá e exclamará: MEU PONTEVEDRA!
Moi axiña entrará en contacto coa familia Filgueira, especialmente con D. Xosé María e logo co seu fillo D. Xosé Fernando, co que se atopa en tantas actividades: as tertulias, a revista “Nós”, o Seminario de Estudos Galegos, a revista “Logos”, a Coral, o Museo, o Partido Galeguista,… Establécese entre eles unha mutua amizade, comparten amigos, inquedanzas, tarefas. Sempre se admiraron o un ao outro e manifestáronse mutuo respecto; pero, a partires da fundación da Dereita Galeguista (1935) por parte de Filgueira e outros compañeiros, comezan a distanciarse por razóns políticas, este distanciamento agudízase co estoupido da Guerra Civil do 1936 e coa posterior dictadura, onde xa a ruptura de relacións é total, segundo nos aseverou D. Francisco Fernández del Riego.
Non obstante, Filgueira sempre mantivo un sagrado respecto e unha fonda admiración por Castelao e a súa obra. Traballou para que o Museo de Pontevedra conservase e incrementase o legado de Castelao, resgardando diverso material (escritos, debuxos, pinturas, caricaturas, escenografías, variados obxectos persoais) e abrindo salas no Museo a el dedicadas, mantendo a súa lembranza, e brindándolle o único ADRAL monográfico, o que leva o número IV.
Sabido é que Filgueira xunto a Sánchez Cantón, principalmente, e outros amigos fixeron todo o posible para que se publicase en Madrid unha edición moi coidada do álbum NÓS de Castelao.
Daniel foi profesor de Debuxo de Filgueira e logo, por breve tempo, compañeiro de Claustro no instituto pontevedrés.
Consta que Castelao, a pesares da separación por razóns estrictamente políticas, sempre gardou respecto a Filgueira e mantivo ata morrer a súa relación co Museo de Pontevedra, o seu legado, por vontade da súa viúva e das súas irmás, consérvase, na súa maior parte, no Museo que axudou a configurar e a crear.
A relación entre ámbolos dous foi moi intensa, tan só rota polos avatares políticos e bélicos, que ás veces, e desgraciadamente truncan e se interpoñen en tantas vidas, impedindo o normal desenvolvemento das relacións humanas e de tantos proxectos, que ao final, vense frustrados. O desencontro e o alonxamento de Castelao, sen dúbida, foi unha perda para Galicia.

LIGAZÓNS RECOMENDADAS:

Zuloblog – Directorio de blogs de fala hispana: http://www.zuloblog.com/

No hay comentarios: