domingo, 23 de agosto de 2015

HISTORIAS DA RADIO (I)



Con Montse García en A Vivir Arosa



Dende sempre fun oínte a cotío de radio, de neno, na casa dos meus avós maternos en Caldas de Reis sempre estaba prendida a radio, polo mediodía á hora de comer estaba o “parte”, o diario falado de Radio Nacional de España (RNE), de conexión obrigatoria para todas as canles radiofónicas, a Radio Nacional tiña en exclusiva a difusión de novas de carácter político, as canles privadas non tiñan programas de noticias. Polas tardes, no obradoiro do meu avó escoitaba as famosas radionovelas da cadea SER con José Fernando Dicenta, Juana Ginzo, Guillermo Sautier Casaseca, Matilde Conesa e co seu famoso elenco de radioactores.

Andado o tempo, como nas radios comerciais poñían moita publicidade, escollía RNE na Coruña para escoitar, entre outras cousas, os guións de Álvaro Cunqueiro, que lían, entre outros, Marinita de la Peña. E xa en cadea desa emisora escoitaba aquel mítico programa de música: Para vosotros, jóvenes, conducido, principalmente, por Carlos Tena e José María Íñigo, dito programa conectaba cos festivais e concursos do chamado “European Pop Jury”, tamén me gustaba Clásicos Populares, de Fernando Argenta, presentado nunha época por Eduardo Sotillos, Carlos Tena e despois, en exclusiva, durante moito tempo por Argenta. Tamén gustaba de escoitar en RNE-2 (Radio Clásica) a chamada música culta e logo para a música actual RNE-3 con moi bos programas sobre pop, rock, jazz. Outro programa da cadea pública que me gustaba moito era, El ojo crítico. Sen esquecer os inicios de Protagonistas, cando se chamaba: Protagonistas nosotros,  dirixido por  Luis del Olmo e no que colaboraba Joaquín Merino no papel de “bon vivant” e de periodista viaxeiro que nos descubría lugares de interese. Lembro deste programa a inesquecible entrevista ao cociñeiro galego da Casa Branca en tempos do Watergate, que como consecuencia dela rodaron cabezas de responsables do dito programa, aínda que salvando a do seu conductor.

A finais dos setenta e principios dos oitenta, houbo unha temporada que escoitaba moito a COPE-Vigo FM, pioneira da introducción do galego na radiodifusión, como a primeira retransmisión na nosa lingua dun partido de fútbol. Había nesta emisora dous programas de tarde-noite que escoitei durante moito tempo os moi valorados, Musical-cassette, que radiaba sen interrupción moi boa música e albumes míticos do rock e do pop para podelos gravar na popular cassette e Ideas á sete, coa fabulosa voz de Alfonso López. Nesta cadea traballaba o vilagarcián, Juan Lago, con quen coincidira de neno estudiando no Seminario Menor de Tui, quen en moitas oportunidades conduciu ambos os dous programas citados.

No outono de 1982, ocorre algo importante, a creación en Vilagarcía de Arousa da emisora local RADIO AROSA-SER, pertencente a empresa de Radio Pontevedra, dirixida por D. José Hermida Vidal, a quen coñecín nesa emisora, home de radio que levou un premio ONDAS pola súa traxectoria profesional e como home histórico da radio en Galicia. D. José fora durante máis de oito anos concelleiro en Pontevedra, encargado da Policía Local e dos Bombeiros na etapa de Filgueira Valverde como alcalde, precisamente nesa época Radio Pontevedra recibe a medalla de prata da Cidade de Pontevedra. De Radio Pontevedra, un programa que me interesa moito é o de máis sona da emisora, La Opinión, lémbrome de todos os seus conductores, comezando polo inesquecible, Fuentes Mora, seguindo con Fraguas, Mely Fandiño (recentemente xubilada) e Manolo Fernández. Aínda que prefería o formato antigo de La Opinión porque daba en antena máis participación aos oíntes. Pois ben, Felipe Suárez invitoume a colaborar coa nova emisora nos apartados de Deportes e de Cultura, levei durante un tempo o deporte base no programa Línea de Fondo e os temas de cultura nos informativos. Foron momentos moi interesantes e máxicos, facer radio é aditivo, e a min a radio xa me gustaba desde facía moito tempo. Dos inicios de Radio Arosa, lémbrome como profesionais, ademais de Felipe Suárez xa mencionado, de Eugenio Giráldez, Carmen Abal, Manolo Fernández, Jesús Prieto, Eloy Magariños, Paqui (que logo pasou á Cope-Pontevedra), Portela (que fichou pola Radio Galega), Jorge Expósito e como responsable da publicidade, Fernando Lezcano, secundado na oficina por Loli Iglesias e no campo dos colaboradores, Andrea Fernández (que despois estivo unha tempada na Radio Galega), Antonio González (que durante un tempo dou o paso á profesionalidade), Ambrosio Fontes, Joaquín Sanmartín, Fernando Bouzas, Fernando Rodríguez Pereira (correspondente de Galicia en Goles da Radio Galega), Bernardino González, correspondente no Barbanza, tamén colaboraron nalgunha época Ramón Quintáns e Malofer. Eramos un grupo de amigos facendo a radio próxima, a radio de aquí. Habería que facer noutra ocasión a historia da Radio Parroquial, ou de La Voz de Arosa, con Luis Gómez (quen foi moitos anos correspondente de Radio Pontevedra en Vilagarcía, coas súas famosas entradas e saídas do porto da nosa cidade), con Marichi Sánchez,... Prometo que volverei con estes temas cando teña un pouco máis de tempo dispoñible.

Capítulo aparte merece a miña colaboración nos magazines do mediodía dos sábados en Radio Arosa, dirixidos por Montse García, foron moitos anos de divulgación da lectura e na presentación, digamos de centos, case miles de libros. Todo esto comezou en marzo de 2001 cando creamos a sección O curruncho dos libros no magazine Hoy para ti, que logo pasou a denominarse A vivir Arosa e a miña sección: A vivir libros. Entre os escritores que entrevistamos Montse mais eu: Anisia Miranda, Andrés Torres Queiruga, Agustín Fernández Paz, Anxo Serafín Porto Ucha, Xosé Vázquez Pintor, Fina Casalderrey,... e de máis preto: Fernando Salgado, Xurxo Alonso, Montse Fajardo, Goretti Fariña... Faciamos tamén especiais co motivo do Día do Libro ou co gallo do Día das Letras Galegas invitando ao estudio a alumnos e alumnas dos colexios da localidade. Foi unha xeira inesquecible e moi enriquecedora con Montse García, que tivo o seu fin polo de agora en novembro de 2014. Non obstante, e puntualmente aínda contan comigo nalgunhas ocasións, participando nalgunhas tertulias con Manolo Fernández e a xa mencionada, Montse García.

E sigo a ser un gran oínte da radio, especialmente escoito La Ventana, desde os seus inicios con Javier Sardá e Hora 25, tamén desde os seus inicios e ás veces Hoy por hoy, que deu os seus primeiros pasos con Iñaqui Gabilondo, quen non se lembra do señor Casamajor ou de Dna. María, a señora que estaba “gorda de los nervios”! Ás veces non perdo o costume de escoitar Radio 2 e Radio 3 de RNE. Non me esquezo de M-80, alí era asiduo da última época de Vuelo 605 co extraordinario Ángel Álvarez e doutro programa que me gustaba moito, La Gramola. E teño feito pequenas colaboracións coa COPE, e non hai moito entrevistáronme na Radio Galega por mor da Mesa das Verbas. Coa Radio Galega, cunha das súas redactoras, participei hai anos colaborando nun programa que transmitía a Festa dos Maios desde Vilagarcía.
A radio é vida, a radio é coma un veleno, igual que o teatro ou a poesía, temas polos que sinto unha gran paixón. Viva a radio!

DOUS LIBROS SOBRE A RADIO:

-         AA.VV.: En el aire. 75 Años de Radio en España. Madrid, Promotora General de Revistas, 1999.

-         Fundación “Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa”: Cunqueiro en la radio. Cada día tiene su historia y otras series. 1956-1981. A Coruña, 1991.

                                                                                              Xermán Manoel Torres

No hay comentarios: