sábado, 26 de julio de 2025

A DANZA DE CARRIL

 


Un ano máis presenciei, o día do Apóstolo Santiago (25/08/2025  c. 19:30), a chamada Farsa, a Danza das Espadas de Carril, unha danza gremial, danza branca que se representa no pobo de Carril, unha vez que sae a procesión desde a parroquia de Santiago Apóstolo, e que está documentada desde o século XVII, pero quizais a orixe sexa anterior. Sobre este asunto ten amplamente escrito o meu querido amigo e compañeiro, o etnógrafo e folclorista, Xosé Carlos Rey Cebral.

Danzas gremiais moi semellantes, dentro das danzas brancas, aínda se representan, entre outros sitios, en Covas, Redondela, Marín.

A Farsa de Carril moi ligada ao pobo e mantida polo gremio, pola Confraría de Pescadores. É unha danza moi popular, querida e recoñecida. Alédome que se manteña a tradición e tamén da recente incorporación das mulleres á mesma. Isto doulle enerxía e novos pulos a esta antiga tradición cultural e tamén é unha felicidade ver a tantas crianzas e mozos participar na mesma, o que asegura a súa permanencia e a súa conservación. Parabéns ao pobo de Carril tan celoso de preservar as súas señas de identidade e invitar as autoridades e estamentos administrativos e políticos para que fagan todo o posible por axudar, motivar e incentivar a que esta fermosa tradición non se perda.

Nós, xa vai anos que lle temos dedicado atención a este tema desde aquí. Agora ofrecemos unha reportaxe videográfica coa Farsa das Espadas deste ano 2025.






E ata outra millorada, queridas amigas e amigos. A desfrutar do festeiro verán da Nosa Terra.

Viva Galicia, Terra Nosa!











lunes, 21 de julio de 2025

SEMPER DOCUIT, sempre mestre

 

 
                                   ALUMNADO DO CEIP O PIÑEIRIÑO DE VILAGARCÍA

DE 1º DE ED. PRIMARIA - CURSO 1992/1993


Nesta foto, que penso datada no curso 92-93 do pasado século XX aparezo acompañado por nenos e nenas, que foron parte doutros moitos alumnos do meu querido colexio de toda a vida, o lembrado e inesquecible colexio O PIÑEIRIÑO e cunha ex alumna que daquela era unha docente en prácticas, que eu titorizaba, a mestra Maite Tourís.

Esta fermosa fotografía, que tan boas lembranzas me trae, dame pe para facer unhas reflexións como educador galego e sobre certas ideas que substentaron o meu labor pedagóxico durante tantos anos de exercicio docente. Isto aínda me axuda a seguir a repensar a educación e o ser e estar como mestre. A función docente debera ser útil para propiciar benestar persoal, social; en definitiva saúde para o alumnado, para as comunidades educativas; para a sociedade no seu conxunto.

Manifestar que sempre me gustou moito a Educación Infantil (3-6 anos) e o chamado, nalgún momento, primeiro ciclo de Educación Primaria (6-7 anos), porque trátase de tramos educativos nos que as crianzas posúen unha grande capacidade de aprendizaxe e en termos xerais os nenos e as nenas destas idades son máis receptivos e agarimosos. Tamén eran moi prezadas para min estas etapas educativas porque nelas é cando se producen as actividades pre-lectoras/escritoras e cando as mentes poden eclosionar e seres quen de aprender a ler e a escibir. Momentos marabillosos desde o punto de vista pedagóxico. Por iso, apreciaba eu tanto estas etapas educativas.

Para o proceso de ensino-aprendizaxe da lectura e da escritura eu partía dun método global, que tiña en conta unha palabra clave e unha pequena frase. Tentando do mesmo xeito, un proceso de ensino-aprendizaxe siginificativo. Aproximándose á zona de desenvolvemento próximo do alumno, tal como indicaba o psicólogo e pedagogo ruso Vigotsky (1896-1934), moi prezado no ámbito occidental a partires dos anos 60, do pasado século XX.

Para lembrar o que eu facía no proceso do ensino-aprendizaxe da lectura e da escritura e por se a alguén lle pode ser útil, vou describir, algunha das experiencias que eu realizaba co meu alumnado:

- Utilizaba láminas-murais coa palabra clave e coa pequena frase e que ía colocando acumulativamente nas paredes da clase e ía presentando a palabra e a frase por medio de cantigas, poemas, adiviñas, contos, fábulas, pequenas montaxes de monicreques, obradoiros de mimo,...

- Confeccionaba con esas palabras dominós, xogos de barallas para reforzar os coñecementos e destrezas con xogos, xogos cooperativos, fomentando a creatividade do alumnado e o gusto artístico, literario, estético e cultural.


Utilizaba moito o fermosísimo poemario para os nenos e as nenas galegos de Manuel María, o poeta da Terra Chá, trátase para min dun libro moi prezado: OS SOÑOS NA GAIOLA.
Procuraba un ensino activo, significativo, creativo; onde o centro era o neno.

Para o cáculo seguía as técnicas Freinet, no seu concepto de cálculo vivo e tamén utilizaba as regretas Cuisenaire e os bloques lóxicos. 
E dentro da filosofía e dos plantexamentos de Célestin Freinet usaba a súa técnica de imprenta escolar, adaptándoa a época do ordenador e das impresoras electrónicas. O meu alumnado compoñía as súas revistas por medio dos textos vivos que redactaban e logo intercambiaban con outras clases. Adaptábamos esa técnica na época dos procesadores de texto, dos ordenadores e das impresoras.
Hai unha película moi fermosa dun mestre represaliado na Guerra Civil (1936-1939), que utilizaba dita técnica.




Vou concretar un pouco máis o que faciamos:

CARACOL


- Liamos diversos textos nos que os protagonistas foran caracois no libro xa citado de Manuel María, contáballes a fábula da carreira dos dous caracois, faciamos monicreques, representabamos pequenas pezas nos que os bonecos eran os caracois, faciamos mimo imitando a marcha lenta dos caracois, comparándoa coa de outros animais. Tratabamos o tema do caracol dun xeito inter e multidisciplinar, interactuando as distintas áreas de estudio.

- Aprendiamos a canción de Suso Vaamonde do seu disco OS SOÑOS NA GAIOLA, neste microvídeo unha versión escolar:



- Poñíase nun mural o poema de Manuel María: CARACOL
- O alumnado facía debuxos
- Lían e escribían a palabra-frase
- Facíanse caracois de plastilina e de distintos materiais.
- Preparabamos unha carreira de caracois de verdade
- Confeccionabase unha páxina de revista da clase
- Facíase unha investigación de ciencias naturais sobre o caracol.

(O tema era unha unidade didáctica, que se desenvolvía alomenos en dúas semanas, logo sempre facían repasos e íamos cara atrás e cara adiante para apousentar e fixar os coñecementos e habilidades adquiridos).

Eu intentaba interesar, motivar aos nenos, manter neles a curiosidade e manter as ansias de aprender, de saber, de descubrir o mundo, de coñecer a nosa cultura e tamén tratar de implicar nas tarefas escolares e na vida do colexio aos pais, ás familias. Partíamos dos centros de interese dos nenos, e facíamos revisións e avaliacións ao longo do proceso para intentar ver se respondiamos as inquedanzas dos nenos e mantiñamos a súa motivación e o seu interese. Procurábase un ensino atraente, que fora significativo para eles e respondese ás súas características psicolóxicas. Tratábase de lograr a súa implicación, contando coa súa participación e as súas opinións, o importante, o centro era a persoa do neno.

Que engaiolante pode ser aprender e aprender a ler e a escribir; porque a EDUCACIÓN AGOCHA UN TESOURO, que temos que descubrir crianzas, familias, profesorado, comunidades escolares.

E grazas a todos os meus ex alumnos e ex alumnas cos que aprendín tanto. E como dicía o meu querido e sabio profesor Xosé Filgueira Valverde: SEMPRE APRENDO!!!






jueves, 17 de julio de 2025

O MUSEO DE PONTEVEDRA, SEMPRE! A obra máis mimada de Filgueira Valverde (I)


Nunha data tan significativa, como a de onte, 16 de xullo, día do Carme, non perdín a oportunidade de volver ao Museo de Pontevedra, meu admirado Museo. Segundo me manifestou Fernández del Riego (1998) o mellor legado e a mellor obra de Filgueira Valverde, cousa que tamén me confirmou Antón Fraguas no mesmo ano. Museo que eu non deixaba de visitar todos os cursos cos meus alumnos, as crianzas do meu querido e lembrado colexio de O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa.

E dicir Museo de Pontevedra é dicir Castelao, o gran Castelao, do que se conserva a maior parte do seu legado, patrimonio de todos os galegos e grazas ao ben facer e ao agarimo que Filgueira Valverde sentía polo rianxeiro e pola súa universal obra.

E se dicimos Museo de Pontevedra non podemos deixar de nomear a Francico Javier Sánchez Cantón, un dos seus principais valedores e amigo e mestre de Filgueira Valverde, sempre Filgueira Valverde. Ao falares deste museo nunca poderemos esquecer a figura e a obra deste sabio poligrafo pontevedrés, como tantas veces ten recoñecido meu admirado e querido amigo, o erudito e sabio actual galego Xesús Alonso Montero.


Francisco Javier Sánchez Cantón (1891-1971). Retrato conservado e exposto no Museo de Pontevedra

Como me dicía Antón Fraguas, Sánchez Cantón era un señor pontevedrés, moi pontevedrés. Con Castelao, forma parte do primeiro padroado do Museo, que se concibe no ano 1927 e se inaugura a véspera da Peregrina do ano 1929. Pois el con Castelao, que daquela eran grandes e queridos amigos, se preocupan dos máis mínimos detalles para poñer en marcha esta grande institución.
Que hoxe alberga a colección das láminas do famoso Álbum Nós de Castelao. Sánchez Cantón e Filgueira Valverde contribuiron e colaboraron a que esta obra artística poidera ser editada, nunha primeira edición primorosamente composta, publicada e distribuida. Tres grandes amigos para un inmenso Museo.

E falar do Museo de Pontevedra é falar da miña querida vila termal Caldas de Reis e do seu famoso tesouro, o máis prezado e máis grande tesouro prehistórico (castrexo) pola cantidade en kilos de valiosas pezas de ouro que ten. É a xoia deste Museo, bo, unha das súas máis interesantes e prezadas.


A marabilla do tesouro de Caldas, conservado e custodiado no Museo de Pontevedra

Se a San Andrés de Teixido se un non vai de vivo, vai de morto; eu recoméndovos que antes de finar tendes que visitar o Museo de Pontevedra e en visitas demoradas, pausadas, non como lóstregos, como alguén fixo con San Andrés. Este Museo é digno de verse moitas veces, gozando e recreándose cos magníficos tesouros que alí hai. Non busquedes fóra o que xa temos aquí. Volveremos ao Museo ao noso Museo.







 

domingo, 22 de junio de 2025

AGUSTÍN ROMERO GARCÍA, BENEFACTOR DE CORNAZO

 




Así reflectía o xornal vilagarcián GALICIA NUEVA o pasamento de Agustín Romero García o 18 de xaneiro de 1929. D. Agustín morrera o día anterior, o 17/01/1929, fai exactamente a día de hoxe, 96 anos, 5 meses e 5 días. Xa lle temos dedicado aquí espazo para falar deste ilustre fillo de Cornazo e de Vilagarcía de Arousa, que fixo fortuna nas Américas, máis concretamente no Uruguay.
Grazas a el, Cornazo ten a súa nova igrexa parroquial, onde está enterrado, que o pasado domingo 15 de xuño celebráronse os cen anos do novo templo, podemos ver como trata o Arcebispado de Santiago de Compostela esta nova clicando en:


Agustín volcouse co seu pobo, utilizando toda a súa fortuna personal en melloras para Cornazo, ademais da igrexa parroquial, a escola, o lavadoiro, melloras nos camiños, casas para os veciños necesitados,... Por iso o vecindario de Cornazo no pode deixar de lembrar e homenaxear ao seu fillo máis preclaro e xeneroso.

O busto de D. Agustín que hai nas antigas escolas é obra de Manuel Rey Posse, gran artista vilagarcián, quen está soterrado no cemiterio parroquial de Cornazo, así como o rostro de San Pedro, tamén da súa autoría, que é o de D. Agustín, e que figura na parte superior da porta da entrada principal ao templo. Isto ténnolo explicado o neto de Rey Posse, meu querido amigo e compañeiro José Carlos Rey Cebral, renomado folclorista e gaiteiro, líder dos Terribles de Arousa. 

Pois si, "de ben nacidos é ser agradecidos" e o pobo de Cornazo o é, como o debe ser o pobo de Vilagarcía de Arousa, non hai que esquecer que Agustín Romero García foi o fundador da Cruz Vermella en Vilagarcía.

D. Agustín é merecente de todo tipo de recoñecementos, como o de que a rúa / estrada que vai de Vilagarcía a Cornazo se chame Agustín Romero.

Fannos falta moitos homes como D. Agustín, para el todo o noso respecto e admiración.





martes, 10 de junio de 2025

FILGUEIRA VALVERDE E CALDAS DE REIS, ENTRE OUTRAS COUSAS


Alí estarei, na miña querida Caldas de Reis para falar do meu prezado e lembrado Xosé Filgueira Valverde, que da para máis dunha vida para tratar sobre el e a súa magna obra.

DÚAS FOTOS DE DELIO RIBADULLA, 19/06/2025



Foi un acto moi agradable e moi emotivo para min, este organizado pola Asociación Terra Calda, da que afortunadamente xa son socio. Por moitos motivos: toparme con xente querida de Caldas de Reis, miña curmá Luisa Muñiz Aboal, suá filla, miña afillada Andrea Lafuente Muñiz, antigos amigos e amigas de Caldas, veciños queridos meus nos anos 60 do pasado século en Caldas, a compañía que me brindaron toda esa feliz tarde, meu curmán Alfonso Rey Aboal, meu prezado amigo Luis González Bravo "Lois do Salnés". E agradecer a amigos que se trasladaron especialmente desde lonxe para estar aí, Fernando e Silvia Filgueira, Jacinto Domínguez, colega da universidade e algúns queridos amigos da Asociación: Miguel López Fariña, Augusto Guedes e a súa dona, compañeiros tamén da Mesa das Verbas, e Delio Ribadulla, tamén colega da universidade e que agasalloume coas dúas fotografías anteriores, agradezo do mesmo xeito a presenza doutra compañeira de universidade, Coque Fariña. Ao igual, estiveron, no acto, os entusiastas directivos de Terra Calda que pouco a pouco irei coñecendo e afondando na súa amizade. Así mesmo, agradecer a presenza de concelleiros do Concello de Caldas de Reis e do párroco de Santa María e de Santo Tomás, don Juan Carlos Barral. E a todo o magnífico público asistente, que fixeron posible a maxia dun pobo mítico e moi querido para min, a fermosa vila de dona Urraca, Arcadia feliz dos meus tempos da dourada infancia caldense, que deixou forte pegada en min. Como sempre, foi un pracer e un agasallo estar en Caldas, terra de lembranzas e experiencias inesquecibles. Sempre me quedará Caldas de Reis!!!

Que atraía, que tiña Caldas para que Xosé Filgueira Valverde se fixara nela? Moitas cousas: rica historia, e referido á parroquia de Santa María: medievo, románico, a cantiga 104 de Afonso X o Sabio, o baldaquino do século XV. Tamén encanto: fermosas paisaxes, o río Umia, rica gastronomía e sobre todo: xente marabillosa: García Bayón, os Potel, os Legerén, os Lesquereux, os Froján, Máximo Sar... Por aquí pasaron e deixaron pegada, entre outros, Hipólito de Sa Bravo (pontevedrés como el e coetáneo seu), quen chegou ser alcalde de Caldas, primeiro director e fundador da Coral Polifónica, director e tamén fundador da Bibloteca Pública. Veraneaban aquí, entre outros, seu amigo e irmán, o polígrafo portugués Dr. Santos Junior, seu prezado Álvaro Cunqueiro, o lugués Trapero Pardo. Viña con frecuencia a Caldas seu bo amigo o arcebispo e cardeal D. Fernando Quiroga Palacios. Filgueira tiña moitas razóns para vir a Caldas e sentirse a gusto. Iso foi o que tratei de explicar na miña conferencia e de paso contar algunhas anécdotas e experiencias vividas con algúns dos personaxes citados, moitos coñecinnos e trateinos cando fun o "botones" do Hotel Balneario Dávila, onde tiven dous intensivos cursos de carácter cuasi universitario, nos veráns de 1969 e 1970. Eu desfrutei coa miña charla falando de dous temas queridos: Caldas e Filgueira Valverde / Filgueira Valverde e Caldas. Agardo que o público asistente o pasara tan ben coma min.

A esposa de Santos Júnior, Judite, deixou dous mosaicos conmemorativos e "laudatorios" ás milagreiras e sanadoras augas termais do Balneario Dávila, que aínda se atopan no lugar onde estaban cando eu era un neno, o botones do Dávila.



GRAZAS CALDAS DE REIS!!!

De nenos, con Mª del Carmen González Rosende (dos Linterneiros)










 

jueves, 15 de mayo de 2025

NO PRIMEIRO ANIVERSARIO DA DEFENSA DA MIÑA TESE- 14-05-2024 / 14-05-2025

 


"O ASASINO SEMPRE VOLVE AO LUGAR DO CRIME"

Vai xa alá un ano que lin a miña tese de doutoramento, naquel día solleiro, cálido e inesquecible para min, acompañado de familiares e amigos nun acto académico que permanecerá gravado para sempre na miña mente e no meu corazón. Grazas a todos os que me acompañaron e alentaron neste proceso, neste camiño de poder elaborar unha tese de doutoramento e defendela.

Pois fai unhas horas, das 16:30 ás 16:50 hs. do día 14/05/2025 participei no Seminario de Discusión de Teses, na Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, que coordinaba á Dra. María Lameiras, coa asistencia da Dra. Carmen Ricoy e de alumnado do Programa de Doutoramento de CC. da Educación e do Comportamento.

Eu fixen unha exposición da miña tese sobre o profesor Xosé Filgueira Valverde e sobre cuestións que estimaba de interese para os doutorandos asistentes presencialmente e en liña.

A continuación, fixo algo semellante sobre a súa tese, que trataba sobre ciber abusos e abusos sexuais sobre a muller e a súa prevención por medio da educación sexual a Dra. e profesora da mesma Facultade, Rosana Martínez Román.

Foi un xeito de lembrar e festexar este I Aniversario, nun lugar para mín de tan gratos recordos e interesantes vivencias e aproveitar para felicitar ao meu querido director de tese, meu prezado amigo Dr. Cid Fernández, polo seu cumpreanos, acertadamente reflectido no xornal La Región.

Curiosidades da vida, o aniversario do meu director coincidiu coa data da defensa de miña tese, un 14 de maio, motivo de dobre satisfacción.






miércoles, 30 de abril de 2025

FILGUEIRA VALVERDE, PROFESOR E DRAMATURGO

Professor Xosé Filgueira Valverde (1928-1976), as I have already reflected, used theater in his teaching practice and as an educational manager, as a very useful literary genre in the teaching-learning processes of language and literature. He proposed an active study for the use of language and literature. Being a pioneer of school theater in Galicia. He himself is the author of theater plays in both Galician and Spanish.

I talk about all of this in this recent publication, a consequence of my participation in the CUICIID-2023 congress:


Alumnado de Filgueira Valverde nunha representación teatral

Filgueira Valverde dedícame súa farsa teatral AGROMAR


O profesor Xosé Filgueira Valverde (1928-1976), xa o teño reflictido, utilizou na súa práctica docente e como xestor educativo o teatro, como un xénero literario moi útil nos procesos de ensino-aprendizaxe da lingua e da literatura. El propoñía un estudo activo polo uso da lingua e da literatura. Sendo un pioneiro do teatro escolar en Galicia. El mesmo é autor de pezas de teatro tanto en galego como en castelán.

De todo iso falo nesta recente publicación, consecuencia da miña participación no congreso CUICIID-2023:

Torres de Aboal, G.M. (2024). José Filgueira Valverde (1928-1976), profesor y dramaturgo. Beneficios de la práctica teatral en la escuela. En Tomás López, A., Navarro Lalanda, S., Rivera Salas, P.E., Las artes como expresión vital. Ciencias sociales en abierto 2. Peter Lang. (pp. 457-468).

DOI 10.3726/b22580

https://doi.org/10.3726/b22580 


miércoles, 16 de abril de 2025

NO CENTENARIO DA SOCIEDADE CORAL POLIFÓNICA DE PONTEVEDRA 1925-2025

 

Un centenario moi importante para a cidade de Pontevedra e en xeral para a historia da música de Galicia. Nesta Coral, presidida hoxe por Xosé Carlos Valle Pérez, discípulo e continuador do traballo de Filgueira Valverde, quen tamén foi director e admirador da Coral, no Museo de Pontevedra, participaron personaxes tan importantes da nosa historia como Losada Diéguez, Castelao, Bóveda, Blanco Porto, Iglesias Vilarelle, Amancio Landín Carrasco,... por citar só a algúns dos máis representativos. Ao longo destes cen anos moitos pontevedreses e pontevedresas formaron parte desta prezada e valorada entidade pontevedresa.

Pois, andando a remexer e a investigar no primeiro diario de Vilagarcía de Arousa GALICIA NUEVA (1907-1938) por un proxecto que teño entre mans, topeime cun artigo sobre a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, que imos reflectir. Na laudatio da Coral, sinalar que comparada cunha orquestra sinfónica (e os orfeóns daquela época) a Coral é descrita como unha excelente orquestra de cámara, polo reducido dos seus integrantes, uns 70 e pola súa inmensa calidade. A Coral foi pioneira por integrar voces femininas e polo seu selecto, rico e valioso repertorio.

Serva esta entrada como unha miña homenaxe e o meu recoñecemento cara a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, parabéns e mil primaveras máis para a música coral de calidade.

E non deixen de visitar sobre este centenario a magnífica exposición do Museo de Pontevedra.

https://museo.depo.gal/es/-/exposicion-sociedade-coral-polifonica-de-pontevedra-1925-2025  








Co sexto Presidente da S. Coral Polifónica de Pontevedra mantiven unha relación moi especial e moi cordial, unha personalidade moi querida e lembrada por min:



E co sétimo e actual Presidente, manteño unha relación de amizade, meu prezado Valle Pérez, que tanto me ensinou sobre seu mestre, don Xosé Filgueira Valverde e tanto me informou sobre a Pontevedra de onte e de hoxe:



Imaxes obtidas da magnífica exposición sobre este Centenario no Museo de Pontevedra
(Visitada o último día da mostra, 20-04-2025)


Galicia Nueva, o primeiro diario de Vilagarcía de Arousa, reflicte con todo detalle e en primeira plana a actuación da Sociedade Coral de Pontevedra en Vilagarcía, no histórico cine que levaba o nome da cidade, o día 29 de setembro de 1929.























domingo, 30 de marzo de 2025

UNHA EMBAIXADA DA PARROQUIA SANTA BAIA DE AREALONGA NA TVG-30/03/2025 10:00 - 10:30

 





O domingo, 30 de marzo de 2025 de 10:00 h. ás 10:30 h. un centenar de feligreses da parroquia de Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa participaron na misa dominical retransmitida pola Televisión de Galicia (TVG) desde a parroquia de San Fructuoso de Santiago de Compostela, o que supuso unha experiencia inesquecible para todos os asistentes e constituiu todo un fito para a nosa parroquia. Estamos moi agradecidos con D. Manuel Bueno, sacerdote celebrante desta Eucaristía polo convite e ao seu auxiliar e coordinador desta actividade José Luis por todas as atencións recibidas e polo seu estupendo labor de preparación desta misa televisada.

Despois do acto litúrxico, todos os parroquianos que participaron nesta embaixada e expedición a Compostela visitamos o magnífico Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compotela (actividade financiada pola parroquia, como agasallo a todos os participantes).

Finalizada a visita ao Museo, tivemos un piscolabis no fermoso parque e lagoa preto das instalacións museísticas. (Tamén xentileza da parroquia coa colaboración das empresas: Hiper Froiz e Montiño).

A parroquia agradece a todos os participantes e colaboradores.

Esta interesante actividade vivida fíxome lembrar o labor desenvolvido por Xosé Filgueira Valverde e os seus mestres e amigos Antón Losada Diéguez e Antonio Iglesias Vilarelle a prol da galeguización da nosa Igrexa e da liturxia en lingua galega. Tamén recordín a pioneira revista pontevedresa LOGOS (1931-1936), que perseguía os mesmos fins e constitúe un antecedente da revista ENCRUCILLADA  (27/02/1977).

Onda ti, noso pai á tardiña,
onda ti que nos levas da man,
axuntámonos para agradecerche
a ledicia do día que cae.

30/03/2025  23:57

lunes, 24 de febrero de 2025

PARA ROSALÍA



“FROLES” PARA ROSALÍA

 

Cando Rosalía choraba

non o facía en balde,

cando berraba

non o facía porque si,

cando calaba

non era por indiferenza;

todo era por Galicia

e polos galegos.

 

Non era insulsa choromicas,

non era unha triste indolente,

non era unha submisa poeta;

era Rosalía,

nosa Rosalía

que choraba, berraba, calaba,

sufría por Galicia.

 

Érguete Galicia,

síntete oufana

da túa máis ilustre poeta,

a querida e admirada Rosalía.   

martes, 11 de febrero de 2025

DE PESCUDAS EN GALICIA NUEVA (1932)

 Sabido é que estou empeñado que o vindeiro 29 de agosto de 2025, teñamos un acto de lembranza e de recoñecemento ao poeta granadino Federico García Lorca, que estivo co grupo teatral universitario LA BARRACA aquí en Vilagarcía de Arousa o luns, 29 de agosto de 1932. Con tal motivo xa teño confeccionada unha entrada anterior deste blog e estiven nestes días pescudando no primeiro periódico diario da nosa cidade GALICIA NUEVA (1907-1938) e atopei nel estas dúas breves reseñas da representación exitosa de LA BARRACA, dirixida por Lorca, que ofreceron ao numeroso e entusiasta público asistente pezas teatrais cervantinas (entremeses). Nos entreactos a Banda Municipal de Vilagarcía amenizou a xornada.



"Se encuentran en esta ciudad, los escolares que integran 'La Barraca' y según se nos dice, esta noche darán una función". (Galicia Nueva, luns, 29 de agosto de 1932).



"Anoche dió una función teatral, en la Plaza del Pescado, 'La Barraca', cuyo elenco constituyen escolares de las diversas Facultades de la Universidad Central, patrocinados `por el ministerio de Instrucción pública.
Pusieron en escena obras del inmortal Cervantes.
El numeroso público que invadía aquel recinto, aplaudió grandemente a los intérpretes que se revelaron como unos perfectos actores.
En los entreactos, la banda municipal interpretó varias obras". (Galicia Nueva, martes, 30 de agosto de 1932).

Sorprende que non se mencione ao director teatral, o xa popular e recoñecido poeta e dramaturgo Federico García Lorca e as brevísimas reseñas; pero, eran outros tempos e outro xeito de entender o labor xornalístico. O que non queda dúbida é que se informa perfectamente do acontecido e aquela GALICIA NUEVA tiña moi poucas páxinas. Este interesante xornal diario de Vilagarcía de Arousa está depositado e pódese consultar na Biblioteca Pública Rosalía de Castro da nosa cidade. Tamén se atopa versión dixitalizada, pero cunha dixitalización moi deficiente (que habería que renovar e actualizar), pode consultarse tamén no portal GALICIANA.

Sabemos que LA BARRACA estivo de xira por Galicia no mes de agosto de 1932 e que en setembro dese mesmo ano continúan coa súa xira por Asturias.

Por esas datas, tamén andaba por Galicia o Ministro de Instrucción Pública, quen presencia a actuación da Barraca en Pontevedra (onde actuaron o sábado 27 e domingo 28 de agosto de 1932, antes de vir a Vilagarcía).

Dito Ministro tamén estivo por Vilagarcía ese mes de agosto de 1932, nas Festas Patronais da cidade, Galicia Nueva faise eco desa nova, da estancia do Ministro aquí polas festas de San Roque.

Sería interesante lembrar este acontecemento e organizar un acto, dentro do mes de agosto de 2025, o mes festeiro de Vilagarcía e a poder ser o propio día 29, cando se cumprirían os 93 anos xustos da presencia de Lorca dirixindo a LA BARRACA, na Vilagarcía de Arousa dos nosos avós.