lunes, 24 de noviembre de 2008




1935, UN ANO CLAVE NA VIDA DE FILGUEIRA


Confeccionar unha tese de doutoramento en 1935 era facer un traballo científico de ampliación. Un tema aparentemente tan curto, como que non daba para máis, como podía ser a Cantiga CIII de Alfonso X, convértese nas mans de Filgueira Valverde nunha tese de doutoramento modélica, que aínda hoxe se le con interese e esperta palabras de admiración e de valoración moi positivas. O inspirador e valedor desta tese é o seu director, quen tamén formou parte do tribunal (naquel tempo era posible), o Dr. Armando Cotarelo Valledor (1879-1950), D. Armando fora catedrático de “Lengua y Literatura Española” na Universidade de Compostela, mestre-guía da xeración de Filgueira e primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos (1923-1925). El fora quen introduciu e motivou a Filgueira para que estudiara as cantigas medievais e en concreto ás do rei Sabio. Filgueira chegaría a ser un gran medievalista e adicou ao longo da súa vida magníficos traballos sobre esta etapa histórica.
Filgueira defende a súa tese en 1935 na chamada daquela Universidade Central de Madrid, da que Cotarelo era Catedrático de “Lengua y Literatura Galaico-Portuguesa” na Facultade de Filosofía e Letras, obtendo a calificación de Sobresaínte.
Este ano foi moi bo para Filgueira, porque ademais de ler e defender con gran éxito a súa tese, aproba as súas oposicións a cátedras de instituto na especialidade de “Lengua y Literatura Española”. D. Xosé segue a acrecentar a súa carreira profesional e científica, constituíndose nun home novo con moito prestixio. Continúa co seu labor no Museo de Pontevedra, a estas alturas está participando moi activamente en política, funda con outros compañeiros a Dereita Galeguista, escindíndose do Partido Galeguista, e desenvolve un admirable traballo cos seus compañeiros e mestres no SEG (recordemos a semana de Galicia en Portugal, principalmente en Porto, e as xornadas de extensión cultural para mestres e estudantes, celebradas en Pontevedra, a colaboración coa ILE, sendo becado pola JAE para distintos traballos de estudo e investigación, comeza a traballar sobre a Antoloxía Consultada de poetas galegos contemporáneos,… Estes anos da década dos 30 do pasado século serían inesquecibles para Filgueira, cheos de vivencias e de iniciativas, que se verían truncados pola Guerra Civil do 36 e a dictadura subseguinte, pensemos, por exemplo, que a antoloxía poética citada tería que ver a luz postumamente en 2008, e o amplo proxecto concibido polo SEG quedaría así incompleto e inacabado, como tantas e tantas cousas. Pero, a pesar dos pesares, a vida tiña que continuar. E Filgueira non deixará de traballar pola súa Pontevedra e pola súa querida Galicia, moitas veces inxustamente incomprendido e incluso aldraxado. Mais a Historia implacablemente colocará a cada quen no lugar que lle corresponde.


LIBRO RECOMENDADO:


- XFV: OS POETAS GALEGOS (1936). ANTOLOXÍA CONSULTADA. Edición de Ana Acuña e Xesús Alonso Montero. Vigo, Museo de Pontevedra, Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 2008.

No hay comentarios: