miércoles, 19 de noviembre de 2008




FILGUEIRA, un novo profesor

(Foto extraída do libro: "Xosé Filgueira Valverde, 1906-1996 un século de Galicia". -2007-. Filgueira, o máis alto, é o primeiro pola dta. da imaxe da 1ª fila, con algúns compañeiros do Instituto de Pontevedra en 1935)

Unha vez rematados os estudos universitarios e recén obtido o seu título de Licenciado, Filgueira figura no cadro de profesores do Instituto Nacional de 2ª Ensinanza de Pontevedra dende o ano 1928, como profesor axudante interino da sección de Letras, como podemos observar na imaxe que inxerimos e que reproduce o cadro núm. 21 da Memoria de 1928 a 1929, cando era director do centro, D. Ramón Sobrino Buhigas e exercía como secretario, D. Eugenio Alfredo de la Iglesia Santos.
Coincidiu alí por pouco tempo con dous dos seus grandes e admirados mestres: Antón Losada Diéguez (1884-1929) e Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (1886-1950) figuras representativas da xeración “Nós” e egrexios homes da cultura galega. Tamén se atopou exercendo a docencia a carón de antigos e prestixiosos profesores seus.
Ademais das clases, onde Filgueira destacaba como un mestre culto e ben preparado, aproveitaba todo tipo de actividades complementarias e extraescolares para que o alumnado afondara nos seus coñecementos e na adquisición das destrezas necesarias para a vida e para o desenvolvemento do saber e do coñecer. Tamén lle inculcaba ao alumnado o amor por Galicia. Por iso, participaba na organización de visitas e viaxes culturais, asistencia a conferencias e preparación por parte dos alumnos/as de exposicións orais que defendían diante do público, entre o que, moitas veces, se atopaban eminentes profesores universitarios e destacados intelectuais de distintos campos do saber. Preparaba cos seus discípulos obras de teatro que eran representadas en distintos escenarios e ás veces, eran radiadas pola emisora local EAJ-40-Radio Pontevedra. Fomentaba a creación, mantemento e uso das bibliotecas de aula e acostumaba ao alumnado ao traballo e á metodoloxía científica, elaborando traballos con aparato crítico e manexando fontes documentais e bibliográficas. Valoraba enormemente a música e a práctica deportiva; por tan só citar algunhas das actividades máis destacadas que logo serían profusamente practicadas e respaldadas cando chegue á dirección do centro en 1946, exercería esta función durante 30 anos ininterrompidos.
Os exalumnos lémbranse del con grande cariño e admiración, por subliñar as testemuñas que ao respecto nos fixeron, entre outros, os doctores Dna. Matilde Montero Barreiro e D. Amancio Landín Carrasco, este último un dos poucos sobrevivintes daqueles anos primeiros de Filgueira como profesor do instituto pontevedrés.
Filgueira preocupábase do seu alumnado máis alá do mundo pechado dunha aula. Coñecíaos a todos e interesábase por eles e as súas familias. Filgueira era un profesor total, que abría camiños e que foi pioneiro en tantas cousas que seguiremos a tratar e a espallar.
Filgueira comeza a súa vida profesoral en 1928, que remataría coa súa xubilación en 1976, son case 50 anos de adicación á docencia de xeito oficial, por medio dunha rigorosa e fructífera labor. Anque ata o seu pasamento en 1996 foi o mestre e educador “gratuíto” da súa querida Galicia, e a súa obra e o seu legado non deixarán nunca de exercer unha fonda influencia educativa sobre os homes e mulleres de boa vontade que se queiran achegar a el.

ANO 2010, ANO FILGUEIRA

LIGAZÓNS DE INTERESE:

- http://directorio-de-blogs.com/

- http://www.directorioblogs.es/

No hay comentarios: