sábado, 29 de noviembre de 2008







UNHA PECIÑA TEATRAL DE FILGUEIRA

(Entre as imaxes, un autógrafo de Filgueira dedicándonos AGROMAR)


En 1936, cando Filgueira exercía a súa cátedra no Instituto de Lugo, publica, baixo o seudónimo de J. Acuña, escolante e cun limiar asinado co seu verdadeiro nome, a primeira farsa para rapaces escrita en galego, co seguinte título: AGROMAR.
Nesta obriña, que hoxe ten un valor testemuñal e histórico, Filgueira fai a loanza do mundo labrego e fai unha afervoada defensa da lingua galega e da nosa cultura.
Filgueira era consciente de que era necesario traballar polo teatro galego. Un xénero, o dramático, que aínda que existe dende o medievo na nosa lingua, a día de hoxe, é o menos representativo no noso ámbito, a pesares dos esforzos que se están a facer na actualidade.
Falando sobre teatro, Filgueira, no limiar ao meu libro Ó GALEGO POLO TEATRO, entre outras cousas, argumentaba e recoñecía o seguinte:
“A precaria historia ‘literaria’, do noso teatro, coñecido por moi raros e cativos testemuños dos ‘séculos escuros’ e serodios –costumista e histórico-, careza razoable pola falla de compañías estables.
E para telo houbo que agardar ó ano 1882, no que é premiado o drama “A Fonte do Xuramento” de Francisco de la Iglesia, e ó 1886, no que redacta Álvarez Giménez ‘María Castaña: unha revolta popular’. Mais… É unha dramática que non sempre chega ós escenarios”.
No limiar de AGROMAR, precisa, Filgueira, como e por que os nenos precisan un teatro, o expresa coas seguintes significativas e fermosas verbas: “Si os cativos precisan un arte –e pois un teatro- é porque máis chegados á fonte da vida, sinten máis fonda a chamada do ben i-a mágoa da falsía”. E recoñece no mesmo texto: “Que Galicia non é terra de dramáticas”, sen dúbida, pola moi pouca significatividade da dramática galega se a comparamos coa lírica e coa narrativa. Tamén indica que “cómpre lembra-las orixes rurais e sagras do teatro e que Galicia, como tódolos pobos, tería, de vello esas manifestacións ventureiras”.
En 1936 o galeguismo estaba cheo de proxectos e de ilusións e tamén de vizosas realidades. Filgueira estaba a traballar nas súas investigacións humanistas, na súa cátedra, no seu labor literario, estaba implicado ao máximo co SEG, que se atopaba preparando, co debido tempo de antelación, o que querían fose un fabuloso centenario, o de Rosalía de Castro de 1937; pero todos sabemos o que aconteceu, todo se ven abaixo, cos tristes acontecementos de xullo de 1936. Oxalá teñamos presente a historia, para non vérmonos obrigados a repetila.

PÁXINA WEB RECOMENDADA:

http://www.bvg.udc.es/

No hay comentarios: