miércoles, 12 de noviembre de 2008


O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS


Unha das empresas culturais máis importantes do século XX en Galicia, senón a máis importante, foi o Seminario de Estudos Galegos, fundado por un grupo de mozos universitarios (entre os que se atopaban Xosé Fernando Filgueira Valverde e Fermín Bouza Brey) o día 12 de outubro de 1923, despois dunha visita á Casa Grande, onde pasou parte da súa infancia Rosalía de Castro en terras da Amaía, na casa do Castro de Ortoño. A institución sería ratificada días máis tarde por medio dunha acta redactada e escrita na casa do Catedrático de “Lengua y Literatura Española” na Universidade de Santiago de Compostela, o Dr. Armando Cotarelo Valledor, mestre e director de tese de Filgueira, Cotarelo sería o primeiro presidente do SEG.
Este organismo cultural e científico retoma o nome de “seminario” cunha concepción laica e académica, seguindo o estilo e a influencia da Institución Libre de Enseñanza, como unha entidade que viña a suplir a ausencia de Galicia e do galego na Universidade de Compostela, naqueles tempos allea á realidade galega. Nace cun espírito humanista e universitario, para faceres un traballo “inter-áreas”, como dicían os seus membros, ou un traballo interdisciplinar e multidisciplinar, como diríamos hoxe; pero, tan difícil de lograr aínda na actualidade. Por iso, e pola cantidade e calidade do traballo desenvolvido polo SEG en apenas trece anos de existencia, pois en 1936, como desgraciadamente pasou con tantas persoas e entidades, foi brutalmente perseguido e liquidado. Aínda hoxe sentimos nostalxia e pena pola desaparición dunha entidade tan crucial na historia da nosa cultura.
Certamente, a idea duns mozos universitarios, entre os que se atopaba Filgueira, quen foi un dos seus membros máis activos e un dos seus máis grandes publicistas, foi acollida con entusiasmo polos mestres universitarios (entre eles os catedráticos, Armando Cotarelo Valledor –xa citado-, Cabeza de León –quen foi o seu segundo presidente- e polos mestres da xeración NÓS –Losada, Castelao, Otero, Risco, Cuevillas-). Toda Galicia recibiu con ledicia esta iniciativa, o propio arcebispo compostelán, Lago González, foi acollido no SEG.
Ben axiña o Seminario espalla o seu labor por toda Galicia, organizando multitude de actos, estudos interdisciplinares por comarcas, lembremos os do Deza e das Terras de Melide, realizando publicacións (moitos escritores publicaron parte importante da súa obra grazas ao SEG, como lle ocorreu ao propio Filgueira), tiña unha publicación propia para espallar as súas accións, chamábase, ARQUIVOS, organizou unha memorable semana de Galicia en Portugal en 1935, que se desenvolveu principalmente en Porto, así como uns cursos de formación pedagóxica en Pontevedra, que se celebraron ese mesmo ano, adicadas ao profesorado, pero tamén aos estudantes de maxisterio e de bacharelato. Estas xornadas formativas estiveron realizadas baixo a organización de Filgueira, quen tamén impartiu algunha ponencia sobre temas culturais e históricos referidos a Galicia. Outro fito importante do Seminario foi a súa colaboración e involucración, facendo propostas e aportando estudos técnicos para a elaboración do malogrado Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936.
O Seminario de Estudos Galegos supoñía a ilusión, a esperanza de traballar arreo para soerguer Galicia, para elevar a vida material, intelectual e espiritual da nosa terra. Practicamente toda a intelectualidade da Galicia daquel tempo, homes e mulleres de letras e ciencias, nun traballo conxunto, participaron nas actividades desta insuperable institución cultural e científica do século XX galego.
Finalmente, e como curiosidade, indicar que para ingresar no Seminario había que presentar un traballo literario, científico ou artístico e os seus membros reuníanse periodicamente para ler eses e outros traballos que logo se publicaban en ARTIGOS, órgano difusor das tarefas da institución.


PARA SABER MÁIS:

- FERNÁNDEZ CERVIÑO, Mª X.: “Seminario de Estudos Galegos” en GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA, t. 28, Vitoria, Silverio Cañada, 1974, pp. 115-119.

- X.F.V.: ARMANDO COTARELO VALLEDOR (1879-1950). A Coruña, Real Academia Galega, 1984, pp. 14-15.

- PORTO UCHA, A. S.: LA INSTITUCIÓN LIBRE DE ENSEÑANZA EN GALICIA. A Coruña, Do Castro, 1986, pp. 307-308, 340, 386-387, 541-542.

- _________________ : LA INSTITUCIÓN LIBRE DE ENSEÑANZA Y LA RENOVACIÓN PEDAGÓGICA EN GALICIA. A Coruña, Do Castro, 2005, pp. 253-254, 315.


(XFV: Xosé Filgueira Valverde)

Pola miña banda, tamén estou a traballar no tema na miña tese de doutoramento: JOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE, SU PROYECCIÓN COMO INTELECTUAL Y EDUCADOR (que está en fase de elaboración).


ANO 2010, ANO DE FILGUEIRA VALVERDE – DÍA DAS LETRAS GALEGAS, 2010.


WEBS DE INTERESE:

- Universidade de Santiago de Compostela: http://www.usc.es/
- Universidade de Vigo: http://www.uvigo.es/
- Universidade da Coruña: http://www.udc.es/
- Universidad Nacional de Ed. a Distancia: http://www.uned.es/
- Consellería de Educación: http://www.edu.xunta.es/

BLOGS RECOMENDADOS:

- Grupo poético Brétema de Vigo: http://www.grupo-bretema.blogspot.com/
- “Hoy para ti” progama sabatino de Radio “Arosa-SER”: http://www.hoy-parati.blogspot.com/

No hay comentarios: