jueves, 6 de noviembre de 2008


VII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE

Apuntamentos – 4/11/2008

“Alfonso VI e Galicia: territorio e poder”

ERMELINDO PORTELA SILVA

Universidade de Santiago de Compostela



(Na fotografía o profesor Portela Silva e o Director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez)



O Dr. Valle presenta ao profesor Ermelindo Portela Silva, indicando a sorte de poder contar con el neste memorial porque é un gran especialista na historia medieval de Galicia. Comenta que a súa tese de licenciatura sobre O MOSTEIRO DE OIA e a súa tese de doutoramento sobre O BISPADO DE TUI NA IDADE MEDIA, son obras de culto. Comenta que é autor de abondosa e imprescindible bibliografía, no 1981 publica: A COLONIZACIÓN CISTERCIENSE EN GALICIA, verdadeiro libro de cabeceira. Tamén ten publicado en colaboración coa súa esposa, a profesora Pallarés, unha insuperable SÍNTESE DE HISTORIA MEDIEVAL DE GALICIA, pero para min unha das súas mellores obras e que eu me levaría para unha illa deserta, sería o seu ESTUDO DA FIGURA DO REI GARCÍA, do malogrado rei García, recoméndolles a súa lectura. Remata, agradecendo a súa presencia en Pontevedra e congratúlase de elo, dada a importancia do traballo do profesor Portela, a continuación cédelle a palabra.

O profesor Portela agradece a invitación a este acto e comeza lembrando cando interveu por primeira vez neste lugar, sendo moi novo e coa presencia de D. Xosé no público, inquietante presencia, xa que para el supoñía unha grande responsabilidade aquela súa primeira intervención.
Entrando en materia comenta que o papa Urbano II dirixiu un escrito ao rei Alfonso VI, no que o nomeaba como rei de Galicia, en consonancia cunha tradición ao ser o territorio político que viña do nome da antiga provincia romana denominada Gallaecia. Mais a configuración do territorio vai cambiar, vaise a transformar. Galicia chegaba ata o río Douro. Galicia antes de Alfonso VI era un territorio con rei.
En 1071, Sancho entrou en Galicia con homes de armas, seu irmán García é derrotado e desposuído do seu reino. Esto sucedeu grazas á colaboración de Alfonso VI quen se confabulara co seu irmán Sancho para tenderlle unha trampa e traizoar ao seu outro irmán, que era o rei de Galicia. Durante un breve tempo, Alfonso e Sancho cogobernan Galicia, ata que Sancho é asasinado en Zamora por Bellido Dolfos e paseniñamente Alfonso vaise facendo dono de todo. Os clérigos e a nobreza galega van aceptando os feitos consumados.
Alfonso téndelle unha trampa a García, ao propoñerlle un encontro para un acordo pacífico ao producirse a morte por asasinato de Sancho, García foi feito preso e confinado no castelo de “Luna” en 1072 e alí ficaría ata a súa morte. Os seus dereitos son conculcados polo seu irmán Alfonso.
O bispo de Compostela, Diego Peláez acolle de bo grao as disposicións arancelarias de Alfonso VI que favorecían o Camiño de Santiago.
Na Crónica Compostelá non se menciona ao rei García, entre outras moitas razóns por ser o que reconstituiu a Sé de Braga, en certo modo, competedidora da Sé compostelá. A colaboración entre o rei e o bispo de Compostela vai de 1072 a 1088, neste útimo ano, Diego Peláez caería e desgracia.
O bispo compostelán colabora co rei Alfonso nos inicios do seu reinado, incluso na idea da construcción do templo episcopal, logo habería desencontros e o bispo padecería prisión por orde do rei. Acúsase a Diego Peláez dunha excesiva intervención na vida mundana, do seus desexos de intervir en política. Un tal Xiraldo aludía que a este bispo o rei acusabao de traición, por ter a intención de entregar o reino de Galicia ao rei dos ingleses e normandos. Como xa indicamos foi cara 1088 cando xorden as desavenencias co rei.
A data de 1085 é crucial, debido á conquista de Toledo e a que o culto de Santiago e o esplendor das peregrinacións estábanse a consolidar. Os recelos do bispo Diego Pelaéz debíanse á perda de peso da Sé compostelá a favor da Sé toledá recén reconquistada.
No ano 1090 morre García no castelo de “Luna” onde estaba confinado.
Raimundo de Borgoña, nobre franco, prometido de Urraca, a primoxénita lexítima de Alfonso VI, é nomeado por este, Conde de Galicia. Paralelamente o ascenso do conde franco, Xelmírez, clérigo compostelán, foi designado canciller e notario de Raimundo de Borgoña. Co crecente poder dos condes de Galicia, Xelmírez empeza a súa brillante e ascendente carreira.
Nestes tempos, comeza a denominarse “emperador toledano” a Alfonso VI. E como curiosidade e para reforzar a súa soberanía e a plenitude da mesma, en escritos redactados por Xelmírez, dise o seguinte: “Eu, Raimundo de Borgoña, conde e señor de Galicia, pola graza de Deus”, o que dalgún modo quere dicirse, é que a orixe do poder do conde de Galicia non vén do rei, senón de Deus. E noutro lugar menciona: “Reinando o Noso Señor Xesucristo”, non di que reina o rei. Documentos con frases dese tipo figuran asinados por Diego Xelmírez, clérigo de Santiago. Noutros documentos non redactados por Xelmírez non aparece esta cuestión da soberanía.
En 1096, o rei Alfonso VI divide o reino de Galicia, os territorios de Portugal entréganse ao Conde Enrique e a súa dona a infanta Mª Teresa, mentres que Raimundo de Borgoña e a súa dona Urraca quédanse con Galicia. Unhas das causas desta resolución podería ser a ineficacia militar de Raimundo ao fracasar na conquista de Lisboa, outra sería a táctica do divide e vencerás por parte de Alfonso VI para debilitar o poderío dos condes. Aparece, pois, o Miño como fronteira natural entre os territorios do norte, o que será Galicia, e os territorios do sur, que darían paso á próxima constitución do reino de Portugal. Con Alfonso VI dase unha nova configuración territorial. Con esa división territorial Galicia perde importancia e queda incluida dentro de Castela e León.
Unha vez elevado á dignidade espiscopal, Xelmírez trata de reforzar a súa autoridade e para afianzar a importancia de Compostela e eliminar competidores comete o que o coengo Hugo denomina “pío latrocinio”, o que é o roubo e traslado a Santiago das importantes reliquias que se atopaban na Sé bracarense.
Os condes Enrique e Raimundo pactan como debía ser a sucesión de Alfonso VI, contando co beneplácito do abade de Cluny. Comprometíase Raimundo a entregarlle Toledo a Enrique e se non podía cumplir este pacto do tratado, entregaríalle Galicia e el quedaría como señor do Reino de León e Castela. Estas previsións non se cumplen. A Alfonso VI sucederíao a súa filla Urraca, viúva do conde Raimundo de Borgoña. No reinado de Alfonso VI hai unha estreita relación e influencia dos abades de Cluny, aspecto que comeza xa no reinado do seu pai, Fernando I. Cando fina Alfonso VI os territorios quedan configurados nos reinos de León e Castela, Navarra, Aragón, e Portugal. Como observamos, Galicia perdeu peso. Non obstante, e para finalizar, indicar que Alfonso VI apoiou en distintos momentos á Sé compostelá e favoreceu dun xeito notable as peregrinacións a Santiago. E comentar que o rei concede o privilexio a Xelmírez de acuñar moeda, esto ocorre xa cando estaba próxima a morte do rei, nótase a astucia de Xelmírez que logra arrancar este privilexio real case in extremis. As intrigas palaciegas coa intervención clerical estaban a orde do día.

Con estas matizacións, remata a conferencia e establécese unha quenda de preguntas, que en síntese xiraron sobre as seguintes cuestións:

- Formación e evolución do reino de Portugal.

- O roubo das reliquias por parte de Xelmírez en Braga, e que foron restituidas vai uns poucos anos, entendido como un xogo de intereses políticos e das loitas para non perder poder e influencia.

- Indicacións sobre a lingua galaico-portuguesa, nesta época non hai testemuñas de conflicto lingüístico xa que o latín segue a ser utilizado como lingua oficial nos ámbitos político e eclesiástico.


Para ampliar datos sobre os conferenciantes e as actividades deste memorial consultar ACTUALIDADE na WEB do Museo de Pontevedra:

http://www.museo.depo.es/

1 comentario:

Anónimo dijo...

O gran mestre rexurde con mais forza grazas a blogs como este. Recordar e vivir. A cultura dun pobo non pode xamaís ser esquencida. A nosa identidade atopase na sua orixe e a cultura e o noso pilar fundamental,